O CCG avalía a salvagarda do patrimonio inmaterial

A xornada celébrase ao longo do xoves 13 de novembro

13/11/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:

O Consello da Cultura Galega acolle hoxe a xornada "A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia", organizada pola sección de Patrimonio e Bens Culturais. A xornada presentará un informe elaborado pola sección sobre a situación e salvagarda do patrimonio inmaterial a cargo de Teresa Nieto e Rebeca Blanco-Rotea. De seguido, a antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas intervirá repasando as diferentes ferramentas administrativas para "identificar, documentar e protexer o patrimonio cultural" na intervención "Do Censo de patrimonio cultural á Lista de patrimonio cultural inmaterial da UNESCO". Vicente Feijóo explicará a plataforma de recollida de toponimia da Real Academia Galega Galicia nomeada. A mesa redonda "Tecer redes arredor do PCI. As asociacións e as institucións da memoria no territorio", moderada por Ana Estévez Lavandeira, membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Estévez guiará un diálogo sobre como as entidades locais, museos e proxectos de base social contribúen á conservación e difusión do patrimonio inmaterial. Participarán Concha Losada Diéguez, representante de APOI–Museo do Pobo Galego, quen analizará o labor dos museos etnográficos como espazos de recoñecemento e transmisión da memoria colectiva; Carmen Suárez, impulsora do proxecto Fálame de San Sadurniño, que relatará a experiencia de recoller testemuñas orais e relatos de vida como parte esencial do patrimonio local; Íñigo Sánchez-Fuarros, membro do proxecto Palcos, quen reflexionará sobre a música popular e as prácticas culturais como vehículos de identidade e pertenza; e Larraitz Urruzola, integrante da asociación Morreu o Demo, afondará nos desafíos da recuperación do títere tradicional.

Que che parece esta nova?
64 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Museos, Consello da Cultura Galega, Rebeca Blanco, Identidade...