Ponte...nas ondas! optará a ser considerada "boa práctica" na salvagarda do patrimonio inmaterial

As candidaturas serán resoltas pola UNESCO en decembro de 2022

O proxecto Ponte nas...ondas! optará a ser inscrito no Rexistro de Boas prácticas de salvagarda do patrimonio inmaterial da UNESCO. O organismo internacional conta con tres listas que consignan o patrimonio cultural inmaterial da humanidade: a Lista Representativa, que supón "as expresións que ilustran a diversidade do patrimonio inmaterial e contribúen a unha maior consciencia da súa importancia", a lista do patrimonio cultural inmaterial que require medidas urxentes de salvagarda, e o Rexistro de Boas Prácticas, posto en marcha para que todas aquelas persoas, entidades ou Estados interesados en preservar expresións de patrimonio inmaterial dispoñan de exemplos, prácticas e modelos de éxito na xestión e preservación deste patrimonio inmaterial. No caso de Ponte...nas ondas!, a súa longa traxectoria na transmisión do patrimonio inmaterial ás novas xeracións de escolares nas dúas beiras da fronteira galego-portuguesa optará a figurar neste rexistro internacional. Xa pasou a primeira fase de avaliación e en decembro deste ano o Comité da UNESCO decidirá finalmente se pasa a ser inscrito.