
Á hora de lembrar os méritos da actriz para esta homenaxe desde a plataforma entenden que son sobrados: "Poderíamos estar falando horas sobre os méritos desta gran actriz, unha das máis importantes actrices europeas do século XX, sobre a súa vida de compromiso coa Cultura, coa Igualdade, coa Liberdade, mesmo colaborou coa Resistencia Francesa contra os nazis". Ademais entenden que a artista nunca perdeu o vencello que a unía ao seu lugar de orixe malia ter que marchar ao exilio moi nova: "sempre a levou no seu corazón. Sempre falou dela. Mesmo nas súas imprescindibles memorias". O cerne da proposta podería atoparse nun artigo publicado en El progreso de Lugo polo escritor e político Miguel Anxo Fernán Vello en novembro de 2021 apuntado nese sentido como suxestión ante a inminencia do centenario da artista. Nel o escritor dicía :"¡Que mellor homenaxe lle podería facer a cidade coruñesa a aquela que naceu á beira do seu mar hai agora 99 anos, a piques de se cumprir o centenario do seu natalicio! A Deputación Provincial da Coruña, titular do Teatro, ten a palabra. O nome da cidade da Coruña, con dous teatros a levaren nome de muller (Rosalía de Castro e María Casares), brillaría aínda máis, sen dúbida, entre nós e no mundo".
Con esta fin a plataforma ven de acadar o apoio de numerosas persoas e colectivos da esfera cultural da cidade herculina e de Galicia. Así aparecen como entidades de apoio algunhas das máis destacadas que teñen que ver co cine e o teatro como a Academia Galega do Audiovisual, a Asociacion de Actores e Actrices de Galicia, Crea Galicia, a Asociación Sindical Galega de Guionistas e a Asociación Galega de Produtoras Independentes; pero tamén outras moitas como a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega Músicas ao Vivo, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Inclúense neste obxectivo importantes pezas do tecido asociativo cultural e histórico da cidade, como a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a sociación Cultural O Facho, o Ateneo Republicano ou a Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña entre outros moitos colectivos, asociacións e fundacións.