'9 Fugas' de Fon Cortizo mellor película e mellor dirección en Caracas

Tamén foi premiada 'A Virxe Roxa' e en Panamá o filme 'Jacinto'

O audiovisual galego feito na nosa lingua está a traer boas novas desde a outra beira do Atlántico. No Festival Internacional de Cine Iberoamericano de Caracas o filme '9 Fugas' (2020) de Fon Cortizo acada tres importantes premios e o documental 'A Virxe Roxa'(2021) de Marcos Nine tamén consegue levar o galardón do seu xénero. León de Ouro ao Mellor filme do certame, Mellor longametraxe iberoamericana e Mellor dirección son os galardóns cos que a película de Fon Cortizo sae desta cita venezolana. '9 Fugas', gravada en galego, parte da banda sonora creada por una orquestra de improvisación dirixida da que xurdiron a historia e as imaxes. O filme estrutúrase en 9 capítulos que son vasos comunicantes a través de que flúe un relato. Nestes capítulos temas como a memoria, o tempo e a opresión van entrelazándose compoñendo un relato que busca enganchar nunha tea de araña de historias. En 9 fugas Cortizo conta no reparto con Areta Bolado, Ailén Kendelman, Olga Cameselle, María Roja, Lola Quirós, Alfredo Rodríguez, Noelia Castro e Marta Pérez.



Co premio á mellor longametraxe documental volve de Caracas Marcos Nine. No filme documental 'A Virxe roxa' (Recrea Films) Nine recolle un episodio real da Historia, o caso de Aurora Rodríguez, feminista que en 1933 mata a tiros á súa propia filla Hildegart, de dezaoito anos, a quen preparara previamente para ser un símbolo da liberación feminina coma ferramenta das súas propias ideas. A película é unha das finalistas ao premio Mestre Mateo deste ano a mellor documental.



Outra das cintas finalistas desta edición dos Premios Mestre Mateo ven de recoller tamén un recoñecemento noutra cita latinoamericana. 'Jacinto', a ópera prima de Javi Camiño protagonizada polo tristemente desaparecido Pedro Brandariz, acadou o favor do xurado no certame internacional de xénero, Panamá Horror Film Fest- Festival de Cine y Cultura de Terror de Panamá. A cinta volve do país centroamericano co premio á mellor película de horror do festival, que aumenta o seu palmarés internacional.