Novas | 51 a 60 de 4165

<< Anterior Siguiente >>

15/10/2024
Vigo acollerá un festival de curtametraxes que se cancelou en Alacante

Onte presentouse en Vigo a primeira edición do Festival Internacional de Cine Marengo Fest, un evento organizado pola empresa alacantina Marengo Producciones e a academia de interpretación actoral ACT, con sedes en Elche, Madrid e Vigo, que conta co apoio do Concello de Vigo. O Auditorio Municipal será escenario, do 7 ao 10 de maio de 2025, deste evento que arestora conta xa conta xa coa inscrición de 355 curtametraxes de distintas nacionalidades e ten o prazo de inscrición aínda aberto ata o 14 de febreiro de 2025, segundo avanzou este luns o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, que participou na presentación. O xurado anunciado estará conformado por "recoñecidas persoas do sector audiovisual a nivel nacional", como a directora de cine e guionista, Gracia Querejeta; o realizador, Carlos Sedes; o director José Manuel Carrasco; os actores Miguel Rellán, Lupe Carité e Fernando Soto; o actor e guionista, Fernando Guillén Cuervo, e a directora de casting, Conchi Iglesias. . Amplía a nova>>

15/10/2024
Premio de honra CREA para Patricia Ferreira a título póstumo

A Asociación Galega de Profesionais da Dirección e da Realización CREA ven de repartir os seus galardóns anuais, que inclúen nove premios, incluído un honorífico. Neste caso o Premio de Honra tivo carácter póstumo ao ser para a desaparecida realizadora madrileña de orixe galega Patricia Ferreira (Madrid, 1958 -2023), o recoñecemento foi recollido por Carme Rábade nunha cerimonia que tivo lugar na Sala Riquela de Santiago de Compostela. Outro dos nomes desta edición dos galardóns foi o da directora Jaione Camborda, cuxo filme 'O Corno' obtivo o Premio a Mellor longametraxe de ficción e ela acadou a Mención Especial DAMA á internacionalización do audiovisual galego. O galardón á Mellor Longametraxe documental de CREA foi para a realizadora Area Erina pola súa ópera prima 'Aurora' (Gaita Filmes) historia na que dúas mulleres, Aurora e Area, de idades e experiencias distintas, crean unha relación íntima de conversas sobre a morte, a familia, a guerra ou o papel da muller ao longo de dez anos.. Amplía a nova>>

14/10/2024
Manuel Lourenzo e Marta Pazos danlle sabor escénico aos Premios da Cultura Galega

Na tarde do venres 11 de outubro, a Xunta de Galicia daba a coñecer o fallo dos Premios da Cultura Galega de 2024. Nesta xeira, as táboas conseguiron un especial protagonismo, ao levar o dramaturgo, actor e director Manuel Lourenzo o premio na categoría de letras. Canda a el, a directora, actriz e escenógrafa Marta Pazos fíxose co galardón que recoñece o labor no ámbito das artes escénicas.. Amplía a nova>>

11/10/2024
Pontevedra porá case dous millóns de euros para apoiar os Premios Feroz

A celebración en Pontevedra nos anos 2025 e 2026 dos galardóns audiovisuais nacionais Premios Feroz e a programación relacionada con eles custará 800.000 euros (máis IVE) cada ano á arcas municipais. Así queda consignado no convenio asinado onte polo Concello coa Asociación de Informadores Cinematográficos de España, organizadores dos galardóns. O convenio por dous anos cubrirá, ademais da organización da gala do 25 de xaneiro, toda a programación relacionada cos Premios Feroz, incluíndo as diferentes proxeccións, obradoiros e actividades que se organizarán ao redor do evento; unha programación que xa está en marcha. . Amplía a nova>>

11/10/2024
O VIº Premio Luísa Villalta galardoa oito proxectos pola igualdade

O Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña ten por obxecto o fomento da igualdade mediante a realización de proxectos que usando de calquera disciplina artística (música, literatura, escena, imaxe, arte urbana ...) poñan en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres e/ou contribúan de forma relevante ao avance no asentamento social da aposta pola igualdade de xénero, a loita contra a violencia de xénero, a diversidade sexual e interseccionalidade. De entre as 34 propostas presentadas na sexta edición destes galardóns, oito foron os proxectos que acadaron o favor do xurado e que recibirán 12.500 euros cada un. Entre as persoas e entidades galardoadas nesta ocasión están o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a produtora creativa Illa Bufarda e Mala Herba Producións.. Amplía a nova>>

07/10/2024
As olladas máis introspectivas triunfan no 21 º Curtocircuíto

A vixésimo primeira edición do Festival Internacional de Cine CURTOCIRCUÍTO puxo o remate á semana onte cunha gala de clausura celebrada no Teatro Principal onde fíxose público o palmarés completo das tres seccións competitivas do certame así como dos premios especiais. Traballos moi autobiográficos ou de exploración da intimidade propia das realizadoras foron recoñecidos polos diferentes xurados. Na sección dedicada á realización galega, Planeta GZ, copada este ano por traballos de corte documental, o premio foi para a peza 'Humedalia' de Irene Sáenz Carballeira, unha peza de corte autobiográfico, facendo o xurado unha mención especial para 'La fotografía velada' de Sabela Eiriz. Na sección Supernova, dedicada a cineastas emerxentes galegas, o premio levouno a curtametraxe 'Pura', da realizadora e actriz Carmen Méndez, no que acompaña a súa nai e a súa aboa nun percorrido polos recordos que serve de reconciliación coas súas orixes . Este traballo tamén levou o Premio Cátedra Cruz Vermella - USC. . Amplía a nova>>

04/10/2024
A arte cinematográfica contemporánea toma o CGAC

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reunirá a preto dunha decena de profesionais do audiovisual de España e Portugal co gallo da inauguración hoxe de 'Novos Imaxinarios', a nova mostra do museo santiagués comisariada polos artistas Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, na que se afonda na creación cinematográfica máis recente. As salas do museo da capital galega acollerán unha reflexión sobre o cinema máis alá da pantalla, onde conflúen as prácticas cinematográficas e os espazos artísticos a partir da selección da obra de recoñecidos artistas do cinema contemporáneo. A carón desta exposición tamén haberá unha serie de actividades paralelas como proxeccións, xornadas de investigación, conferencias ou mesas redondas. Esta exposición estará nas salas do CAGC ata o vindeiro 12 de xaneiro.. Amplía a nova>>

03/10/2024
'Los destellos' de Pilar Palomero obtén a Calpurnia a Mellor Película do OUFF

O Ourense Film Festival (OUFF) presentou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o Palmarés da súa 29ª edición. Na Sección Oficial internacional a película 'Los destellos', da directora Pilar Palomero, foi a elixida para levar o gran premio do certame, a Calpurnia á Mellor Película. Na Sección Oficial Panorama Galicia foi o documental de Adrien Bordone 'Mes amis espagnols' o que levou o Premio Xacobeo á Mellor Película. No filme de Bordone, este afonda no tema da emigración dende a experiencia dos fillos de emigrantes en Suíza que, en plena adolescencia, teñen que trasladarse a Galicia. Tamén en Panorama Galicia, o Premio Ourense Film Commissión á Mellor Dirección recaeu en Emilio Fonseca, director ourensán, por 'Salvaxe, Salvaxe', un ensaio fílmico no que a cámara entra nos montes galego-portugueses procurando imaxes e ausencias do lobo ibérico. O xurado valorou de xeito especial "a hibridación de xéneros, o risco formal, o achegamento á natureza e a aportación de ofrecer ao espectador aquilo que non se pode ver". Seguindo na sección dedicada a Galicia, o 'Paisaje Épico', de Valeria Roig, levou o recoñecemento a Mellor Guión mentres que o de Mellor Interpretación foi para Aurora, a protagonista do documental da viguesa Area Erina, do mesmo nome. Unha historia na que dúas mulleres, Aurora e Area, de idades e experiencias distintas, crean unha relación íntima de conversas sobre a morte, a familia, a guerra ou o papel da muller. . Amplía a nova>>

02/10/2024
'A lingua das bolboretas' mete a Allariz na lista de Lugares de Interese Cinematográfico

A rodaxe no ano 1998 do filme 'A lingua das bolboretas' de José Luis Cuerda, baseado na novela homónima de Manuel Rivas, ven de servir como motivo para incluír a vila de Allariz na lista peninsular de Lugares de Interese Cinematográfico - LIC. Representantes de oito Academias de Cine e Audiovisual da península presentaron no marco do OUFF os lugares seleccionados este ano coa distinción. As academias recoñecen con esta distinción os lugares que teñen unha especial importancia para a industria audiovisual, tanto polo seu valor histórico como pola súa relevancia na produción cinematográfica ou o seu significado simbólico. O obxectivo desta distinción é destacar a riqueza cultural e audiovisual destes lugares, así como promover a conservación e posta en valor destes espazos que xogaron un papel fundamental na construción da identidade audiovisual da península. A localidade ourensá é a representante galega deste ano a instancias da Academia galega do Audiovisual, nun listado que tamén inclúe o Casco histórico de Córdoba, o castelo de Loarre, o Xixón de Volver a empezar', os Estudios Balcázar, Cáceres como Conxunto Histórico e Monumental, o café Vá-Vá lisboeta e a localidade de Peñíscola. Estes lugares engádense a unha lista comezada o pasado ano e na que xa figuraba por Galicia a aldea de Facós en Lobeira (Ourense), onde en 1940 tivo lugar a rodaxe da película documental do cineasta ourensán Antonio Fernández-Román con guión e produción de Xaquín Lorenzo 'Xocas', 'O carro e o home'. . Amplía a nova>>

01/10/2024
A curtametraxe 'Corre o vento' gaña un certame de cine xuvenil en Barcelona

A sexta edición do festival U22 para curtametraxes xuvenís de Barcelona ven de recoñecer como gañadora a peza 'Corre o vento', ópera prima de Paula Fuentes e Guirllermo Carrera, rodada no Courel. O filme, co-producido desde a Escuela Superior de Cine y Audiovisuales de Cataluña, cunha axuda a través de ESCAC Films, enfronta con formato de documental dramatizado o fenómeno da despoboamento do rural, enfocado neste caso en varias aldeas de Folgoso do Courel, principalmente Vilar. Fuentes e Carrera, guionistas e realizadores, son estudantes da ESCAC e galegos, concretamente Paula Fuentes ten as súas raíces en Vilar. O proxecto está apoiado tamén polo Concello de Folgoso do Courel e pola Fundación Uxío Novoneyra, e buscou tamén financiamento na plataforma Goteo para completar o seu orzamento. O festival U22, que se celebrou entre os pasados días 25 e 29 de setembro, está dirixido a realizadores emerxentes, con idades ata os 22 anos, e tivo unha competición oficial entre vinte obras seleccionadas entre más de 350 presentadas. O filme poderá verse en Santiago de Compostela este xoves no marco do festival Curtocircuíto.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org