Novas | 41 a 50 de 4165

<< Anterior Siguiente >>

30/10/2024
Os fondos para Cultura da Xunta medran un 5,5 por cento en 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contará cun orzamento de 146 millóns de euros para 2025, un 7,5% máis do que no anterior exercicio. En canto aos fondos específicos dedicados á cultura, a suba é dun 5,5%. Así o asegurou José López, titular deste departamento, este 30 de outubro, na súa comparecencia ante a Comisión 3ª do Parlamento para presentar estas contas. . Amplía a nova>>

30/10/2024
Margarita Ledo estrea 'Prefiro condenarme' no festival de Cine Europeo de Sevilla

O Festival de Cine Europeo de Sevilla acollerá o vindeiro día 9 de novembro a estrea mundial ao público do filme 'Prefiro condenarme' (Nós PCG, 2024), o novo traballo da cineasta Margarita Ledo Andíon (Castro de Rei, 1951). A película entrará en competición dentro da sección Las Nuevas Olas do festival hispalense e terá o seu primeiro pase ao público o sábado, 9 de novembro, ás 19:00 horas, repetindo o seguinte luns, día 11, ás 21:45 horas. Previamente o venres 8 habéra un pase para prensa e profesionais acreditados. 'Prefiro condenarme' chegará ás salas comerciais o vindeiro día 22 de novembro, en datas previas ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller (25 de novembro). . Amplía a nova>>

28/10/2024
Gran Premio Alquimias na Seminci para o director Alberto Gracia

A película 'La Parra' de Alberto Gracia (Ferrol, 1978) ven de saír da 69ª Semana Internacional del Cine de Valladolid (Seminici) distinguida con premio da sección Alquimias, o espazo que o festival dedica ás obras de ficción que manexan unha linguaxe cinematográfica máis anovadora. O filme de Gracia, ambientado e rodado no seu Ferrol natal foi o elixido por un xurado conformado polo cineasta Gabe Klinger, o escritor e guionista Álex Mendíbil e a cineasta Helena Wittmann. O xurado considerou ao filme merecedor deste recoñecemento "por guiarnos cega e libremente por lugares pechados e incómodos a través das personaxes que elixen non responder". . Amplía a nova>>

28/10/2024
Un novo programa achega oito montaxes teatrais a Agalega.gal

Este 24 de outubro o web Agalega.gal, espazo en liña da Televisión de Galicia, estreaba unha nova proposta teatral. Fila 1. Butaca G presenta adaptacións á linguaxe televisiva de oito montaxes teatrais de compañías galegas, dispoñibles baixo demanda para todo o público. Tamboura Films correu con esta produción pioneira no audiovisual e no teatro do país.. Amplía a nova>>

25/10/2024
A Mostra Mares da Fin do Mundo arriba en Ribeira

Tras varias edicións celebrándose no Concello de Outes, e previamente en Carnota, a Mostra Internacional de Cinema Documental mares da Fin do Mundo cambia este ano de porto e de ría, levando a súa sétima edición a Ribeira. Este encontro vencellado sempre ao audiovisual enfocado no eido mariño e pesqueiro dará comezo o vindeiro martes coa apertura da exposición fotográfica 'Xente no medio' de Maribel Longueira (A Coruña, 1951) no Centro Cultural Lustres Rivas. Esta exposición forma parte do programa de actividades paralelas do festival, que inaugurará as proxeccións o mércores co filme indo-francés ' Remando a la deriva' de Sarvnik Kaur, sobre a pesca en Bombai. Na sección oficial competirán 16 filmes dunha ducia de nacionalidades diferentes, incluíndo este ano un filme franco-palestino sobre o traballo da pesca en Gaza, e nas sesións especiais contarase, entre outros cos traballos 'Echo Alfa Delta Zulu' de Adrián Canoura e Anxo Rodríguez, resultado dun proceso de investigación arredor do mar e o arquivo sonoro/audiovisual existente, tanto na cultura, como na rede. O filme de clausura, o domingo 3 de novembro, será a curtametraxe documental 'Voces da conserva', de Lesmes Iglesias, que narra o auxe da salgadura e os comezos da conserva hermética en Barbanza-Arousa. O progrma , como é habitual neste evento, contará con faladoiros, obradoiros e varias actividades complementarias.. Amplía a nova>>

24/10/2024
A Mostra de Curtas de Noia celebra o seu 25 aniversario

A Mostra de Curtas 'Vila de Noia' xa ten todo preparado para súa celebración de 25 aniversario. O programa desta edición tan sinalada comeza este luns, 28 de outubro coa súa sección Curtacativa que achega as curtametraxes aos estudantes dos centros de ensino do concello, e rematará o 9 de novembro, cando terá lugar a gala de entrega de premios. Segundo a organización o certame recibiu 1200 curtametraxes de todo o mundo de entre os cales o xurado fixo unha selección de 50 pezas para as tres categorías en concurso: Ficción, Animación e Galicia Amateur. O programa inclúe ademais as proxeccións das longametraxes '+ Cuñados', dirixida polo noiés Luis Avilés e 'Matria' de Álvaro Gago. O Coliseo Noela recibirá aos directores e boa parte dos elencos artísticos, cunha alfombra vermella na que sa é habitual ver cada ano a rostros moi coñecidos do audiovisual. Ademais a sección fóra de concurso 'Cousas de aquí' estará dedicada ao mar proxectando documentais sobre a pesca de baixura.. Amplía a nova>>

21/10/2024
Aumenta o orzamento de apoio ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais

A Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unha resolución pola que amplía o financiamento asignado ás axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais convocadas o pasado mes de agosto. Esta liña de apoio as tarefas previas á produción de proxectos galegos de longametraxes e series tanto de ficción, como de animación ou documentais contaba cun orzamento inicial de 300.000 euros , o mesmo que no ano 2023, e agora vese incrementado ata os 440.000 euros nesta nova resolución que inclúe unha nova distribución bianual.. Amplía a nova>>

21/10/2024
O VII Intersección achega á Coruña 70 filmes de 13 países

Este 22 de outubro bota a andar na Coruña a sétima edición do Intersección. O Festival Internacional de Cinema conta nesta xeira cun total de 70 filmes de 13 de países, dos cales 42 competirán nas tres categorías a concurso ata o vindeiro 26 de outubro. Dentro destes, inclúense cinco estreas mundiais e oito estatais.. Amplía a nova>>

21/10/2024
Chus Pato e Jaione Camborda entre os galardoados na Fundación Premios da Crítica

A Fundación Premios da Crítica entregou este sábado en Vigo, tralas deliberacións dos setenta membros do xurado, os galardóns da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia. Os galardóns foron para Chus Pato (Creación Literaria), o grupo de investigación dirixido por Alicia Estévez polas súas investigacións sobre un xene marcador do cancro de colon, en Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, o proxecto "Nomes e voces" para a Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, a Orquestra Vigo 430 en Música, o programa Efervesciencia no ámbito de Iniciativas Culturais e Científicas, Almudena Fernández Fariña na categoría de Artes Plásticas, a compañía de títeres Tanxarina no ámbito de Artes Escénicas, Jaione Gamborda no ámbito de Cine e Artes Audiovisuais, a Feira do queixo de Friol e pan de Ousá no de Cultura Gastronómica e o podcast Café Derby 21 no ámbito da Cultura Dixital.. Amplía a nova>>

17/10/2024
O festival Curtas achega a Vilagarcía quince estreas mundiais

O Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía, presentou este 16 de outubro a súa 52 edición. Desta volta, o programa achegará un total de 113 filmes de 31 países, dos que 86 son curtametraxes e 27 filmes de longa duración. Entre estes, atópanse nada menos que 15 estreas mundiais e 99 producións inéditas a nivel estatal. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org