26/09/2024
Galardón para Fernando Rey no OUFF polo trinta cabodano
O nome do desaparecido actor coruñés Fernando Rey leva anos a ser o que dá empaque a un dos premios de honra da Academia Galega do Audiovisual, agora é el o obxecto dunha homenaxe póstuma por parte do Ourense Film Festival (OUFF) que na súa 29ª edición dedícalle o Premio Memoria Histórica. Será dentro da sección Ouffemérides que o festival lembrará este ano ao actor nos 30 anos do seu pasamento. Fernando Rey (A Coruña, 1917 - Madrid, 1994) foi unha das grandes figuras do cinema nacional, o actor galego máis internacional do pasado século. Traballou con directores da talla de Luis Buñuel, Carlos Saura ou Jaime Chávarri e logrou o salto internacional con Orson Welles, Vicente Minnelli ou Ridley Scott, entre outros. Xustamente serán os cineastas que traballaron con el, Manuel Gutiérrez Aragón e Jaime Chávarri os que entregarán o galardón ao seu fillo, Fernando Casado. .
Amplía a nova>>
25/09/2024
O Festival de Cans crea unha 'asemblea de nenos'
O Festival de Cans constituiu unha nova ferramenta de participación da comunidade: a Asemblea de Nenos. A el concorreron unha vintena de nenos da aldea con idades entre os 8 e 16 anos, co obxectivo de dar a súa opinión ao redor da programación do festival. A asemblea pediu unha sección de cine de animación específica para nenos, máis contidos fantásticos, así como máis actuacións musicais e cursos de formación audiovisual. Pero os nenos en cans tamén traballan como "guías dos camiños" e vanse integrando na estrutura da organización. "Agora mesmo hai sobre 15 rapaces que naceron co festival e que, desde que cumpriron 18 anos, son contratados para asumir diversas funcións como control de acceso ás salas, produción, rexiduría de espazos ou coordinación de diversas actividades", sinalan desde o Festival. .
Amplía a nova>>
23/09/2024
A 29 edición do OUFF continúa a súa aposta polo cinema galego
Ourense acolle, entre o 27 de setembro e o 6 de outubro, a proxección dun total 60 filmes no marco da vixésima novena xeira do Ourense Film Festival (OUFF). As diferentes seccións do evento reúnen producións de 19 países a concurso na sección oficial. A selección realizouse sobre un total de 350 propostas a concurso chegadas de 54 países a esta cita que organiza a Fundación Carlos Velo co patrocinio da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia..
Amplía a nova>>
23/09/2024
O festival MARÉ reúne en Santiago unha confluencia de diversidades musicais e culturais
A capital galega acollerá esta semana unha nova edición do festival MARÉ, de músicas atlánticas. Entre os días 25 e 29 de setembro a quinta edición deste encontro reunirá trinta proxectos musicais procedentes de varias latitudes. Voces orixinarias de Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina Portugal, Cataluña, Valencia ou Galicia brindaranlle ao público de MARÉ un calidoscopio multicultural que fará de Santiago de Compostela o epicentro atlántico para a confluencia artística. A sección profesional do festival está conformado por encontros sectoriais, showcases, palestras e pitchings, entre outras iniciativas dentro da iniciativa MATE Europa. Albert Pla and The Surprise Band, Ana Lua Caiano, Sumrrá & Niño de Elche, SÉS, Puuluup, Shantel ou Francisco, El hombre forman parte do cartel..
Amplía a nova>>
23/09/2024
O VIº Ciclo 'Mulleres, Patrimonios, Sociedade' conmemorara a Revolución dos Caraveis
O ciclo 'Mulleres, Patrimonios, Sociedade' pretende abordar a través dos diferentes formatos audiovisuais como as mulleres non son recoñecidas ou mesmo foron invisibilizadas nos procesos de creación e de recreación do patrimonio cultural; ao tempo que valorizar ben o papel que xogaron nestes procesos. A sexta edición terá lugar no teatro municipal de Tui entre os días 26 ao 28 de setembro . Desta volta o ciclo prestará especial atención á memoria histórica, as revolucións e os procesos de transición conmemorando o 50 aniversario da Revolução dos Cravos en Portugal, de feito contará coa presenza do Coronel Mário Tomé, un dos capitáns do 25 de abril. .
Amplía a nova>>
20/09/2024
O XXI Curtocircuíto achega o mar a Santiago
O vindeiro 1 de outubro terá lugar a inauguración da vixésima primeira edición do Festival Internacional de Cine CURTOCIRCUÍTO de Santiago de Compostela. Ata o día 6 a capital galega acollerá unha programación audiovisual con 41 películas de pequeno formato procedentes de 18 países ademais de espectáculos audiovisuais e dunha programación interdisciplinaria de sesións especiais divulgativas con proxeccións e encontros entre destacadas profesionais e artistas que se aproximan, desde diferentes perspectivas, á temática editorial que atravesa este ano o festival: o mar e as profundidades oceánicas. Unha viaxe inmersiva que irá desde o cine, a arte sonora ou as artes visuais ata a ciencia e o pensamento. Diferentes propostas afondarán en conceptos como a profundidade, a auga, a escuridade ou o silencio. Perspectivas que van desde a bioloxía ou a ecoloxía ata o pensamento abstracto ou a poesía, levarannos desde o litoral á alta mar. A noite de inauguración acollerá un
live cinema ideado expresamente para este acto. A formación efémera Submarina de Improvisación musicará en directo o filme mudo 'Vinte mil leguas de viaxe submarina' (Stuart Paton, 1916) baseado na obra homónima de Jules Verne, que contou co primeiro sistema de fotografía e filmación subacuática. .
Amplía a nova>>
20/09/2024
A actriz Aurora Maestre recibirá o Premio AISGE
A Fundación AISGE concede, no marco do Ourense Film Festival (OUFF), un galardón honorífico que ten como obxectivo recoñecer e visibilizar a achega á historia do audiovisual galego de actores e actrices. A veterana actriz de imaxe e dobraxe Aurora Maestre (Monforte de Lemos ) recibirá este ano o galardón a conicidir cos seu 50 anos de profesión. A actriz fíxose popular para os espectadores galegos polo seu icónico papel de matriarca de impoñente presenza escénica, dona María de Lantaño, na serie Rías Baixas, pero tamén tivo presenza noutras moitas producións como 'Auga seca' e agora mesmo está a traballar coa directora de orixe galega Carla Simón no seu novo filme 'Romería'. En 2021 Maestre recibiu o Premio AISGE Mellor Interpretación Feminina no propio OUFF polo seu papel na curta 'Xoves de Comadres', de Noemí Chantada. A delegada de AISGE en Galicia, Isabel Blanco, entregará o recoñecemento na gala de inauguración do OUFF, o próximo 27 de setembro. .
Amplía a nova>>
18/09/2024
O cineasta ourensán Rodrigo Cortes recibirá a Calpurnia de Honra do OUFF
O Ourense Film Festival (OUFF) recoñecerá na súa 29º edición coa Calpurnia de Honra ao director Rodrigo Cortés (Pazos Hermos, Cenlle, Ourense, 1973). O OUFF quere sinalar a súa "condición de singular contador de historias na cinematografía española das dúas últimas décadas, polo seu frescor narrativo e polo seu manexo dunha linguaxe elegante nas formas". Ademais, poñen en valor "a súa orixinal escrita literaria na que poden rastrearse trazos quizais vinculados a súa orixe ourensán-galaica, que, ao cabo, redondean a un personaxe sen par"..
Amplía a nova>>
16/09/2024
As axudas á produción e á coprodución audiovisual chegan a 21 proxectos
A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 13 de setembro a resolución das Subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais, dotadas con 3 millóns de euros. A principal liña de axudas por dotación económica neste ámbito apoiou un total de 21 proxectos, dos cales 11 corresponden á modalidade para longametraxes cinematográficas, dous á de longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, seis á de curtametraxes e dúas á de series de televisión e/ou plataforma de vídeo baixo demanda..
Amplía a nova>>
13/09/2024
A Filmoteca de Galicia ofrecerá documentais de César Souto, Simón Casal e Jorge Algora
A Filmoteca de Galicia exhibirá ao longo de setembro na súa Sala José Sellier da Coruña os traballos documentais máis recentes de tres cineastas galegos. César Souto, Simón Casal e Jorge Algora presentaranlle ao público as súas pezas documentais como parte da sección Off Galicia. Este programa comeza o vindeiro martes 17 de setembro con 'A Foreign Song' (2022), no que César Souto aborda a figura do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens. O venres 20 de setembro será a quenda dos filmes documentais de Simón Casal 'The Gourougou Trial' (2022) e 'Artificial Justice' (2022), un traballo sobre a entrada do uso da intelixencia artificial na administración, coincidente coa película de ficción do mesmo realizador, 'Justicia Artifical', sobre esta mesma temática e que chega hoxe aos cines de Galicia e de toda España. O filme de ficción está producido por Abano producións e rodado en Galicia, contando no elenco cunha grande presenza de intérpretes galegos como tamar Novas, Melania Cruz, Monti Castiñeiras ou o recentemente falecido Xavier Deive.
Amplía a nova>>