Novas | 21 a 30 de 4190

<< Anterior Siguiente >>

03/03/2025
O festival O Son do Camiño foi o fito cultural de 2024

O festival O Son do Camiño (12,7%), Manuel Rivas (5,7%), o Culturgal (4,7%), Fillas de Cassandra (4,2%) e a celebración do Día das Letras Galegas (4,1%) son os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2024, segundo a percepción das persoas responsables das entidades culturais en Galicia. Así figura no adianto da nova entrega do Barómetro da Cultura Galega, iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, entidade dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Os primeiros resultados deste documento, central para coñecer a situación da cultura galega, ofrecen unha listaxe de 98 categorías de resposta, das que só 11 son categorías colectivas. . Amplía a nova>>

03/03/2025
Clanes, Bibopalula e Cos pés na terra Premios Mestre Mateo especiais 2025

A habitual xuntanza de finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual celebrada o pasado venres 28 de febreiro no Pazo da Deputación de Pontevedra, serviu unha vez máis como marco de proclamación e entrega dos tres premios especiais, apoiados por algunhas das marcas patrocinadoras dos galardóns. Este ano os recoñecementos recaeron no programa 'Cos pés na terra' e nas series Bibopalula e Clanes. José Luis Ramírez Matos, Director Zona de Pontevedra Metropolitana de ABANCA foi o encargado de entregar o 'Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade' ao programa 'Cos pés na terra' producido por Filmax para a CRTVG, "por contar desde 2011 a través de máis de 200 programas as pequenas e grandes historias de persoas que apostan polo rural como medio de vida, ensinando como saen adiante cada día, con esforzo e esperanza, promovendo unha cultura de amor e coidado polos recursos naturais". . Amplía a nova>>

25/02/2025
O III Festival Imaxinaria trae 43 curtametraxes á Coruña

Un total de 43 curtametraxes compoñen o programa da sección oficial da terceira edición de Imaxinaria. O festival de cinema de animación que organiza Afundación co apoio da Xunta de Galicia, chega á Coruña entre os vindeiros 12 e 16 de marzo a achegar unha grande cantidade de estreas no noso país.. Amplía a nova>>

18/02/2025
Encarna Alonso recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

A Academia Galega do Audiovisual ven de comunicar que a persoa que recibirá o Premio de Honra Fernando Rey desta XXIIIª edición dos Premios Mestre Mateo será a script Encarna Alonso. Desde a academia recoñecen a importancia do seu labor para as producións audiovisuais e remarcan a súa importancia como parte dunha xeración de técnicas pioneira que foron determinantes para que o nacemento do audiovisual galego moderno se desenvolvese sobre os piares da profesionalidade e a excelencia. A primeira longametraxe na que traballou Encarna Alonso foi 'Sempre Xonxa' en 1989, e desde aquela participou en máis de vinte longas, moitas curtas e case 500 capítulos de televisión. . Amplía a nova>>

14/02/2025
As axudas á produción audiovisual medran ata os 3 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia deste 14 de febreiro recolle a convocatoria de subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, principal liña de apoio da Xunta ao sector. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, anunciaba na véspera ante o Parlamento de Galicia a nova xeira desta liña, que incrementa a súa contía un 20% a respecto de 2024 e chega aos 3 millóns de euros. . Amplía a nova>>

12/02/2025
O Chanfaina Lab recoñece a Alberte Pagán co seu novo galardón

O cineasta Alberte Pagán será a primeira persoa en recoller, este sábado 15 de febreiro, o premio Bernardino de Lamas. O Chanfaina Lab, encontro audiovisual que organiza o Concello de San Sadurniño, quere con este novo galardón recoñecer "o labor de persoas comprometidas coa creación audiovisual amadora, valorando de xeito especial a relación das obras filmadas coa promoción da natureza, a antropoloxía e a paisaxe de Galicia".. Amplía a nova>>

06/02/2025
Os Mestre Mateo apuntalan a industria audiovisual

A edición número XXIII dos Premios Mestre Mateo do Audiovisual galego bateu récord de candidaturas inscritas tanto nas categorías de produción, cun total de 199 obras, como de profesionais, con 536 participantes. O anuncio de finalistas, efectuado hoxe desde Pontevedra pola actriz Susana Sampedro e o sonidista David Machado desvelou o criterio dos membros da Academia Galega do Audiovisual sobre as producións que merecen ser destacadas este ano e que sinalan ao apoio á parte máis industrial e de entretemento, a máis popular en termos de público, do panorama do pasado 2024. Os títulos máis repetidos durante o anuncio dos catro finalista por cada unha das 25 categorías foron o da serie Rapa (Movistar + e Portocabo) con 18 candidaturas, a ópera prima de Sonia Méndez 'As Neves' con trece, a longametraxe Honeymoon (dirixida por Enrique Otero), que obtén ata 10 postos finalistas e o filme '+ Cuñados'(Portocabo), con 8 candidaturas. Tamén houbo algunhas mencións a serie Clanes. Por fóra destas producións de entretemento as votacións académicas tamén souberon recoñecer os méritos do filme poético-documental 'Prefiro condenarme' de Margarita Ledo, que ten catro postos finalistas. . Amplía a nova>>

04/02/2025
Homenaxe dos cómicos a Farruco

O Salón Teatro de Santiago acolle hoxe ás 20:30 horas un evento no que actores e cómicos galegos renderán homenaxe a Xosé Luís Bernal (Santiago de Compostela 1942, coñecido polo seu alter-ego cómico, Farruco, como un dos precursores dos contacontos e humoristas do país con máis de cinco décadas de actividade. Para esta celebración o evento contará coa presenza e actuación de actores e cómicos como Pepo Suevos, Xosé A. Touriñán, David Amor, Roberto Vilar, Quico Cadaval, Isabel Risco, Isi, Carmen Méndez, Luis iglesia, Xan Veiga, Celso F. Sanmartín, Avelino González, Cándido Pazó, Carmen Méndez, David Noya e Arantxa Treus. A entrada é libre ata completar a capacidade, previa retirada de convite na billeteira do Salón Teatro dende 2 horas antes do comezo do acto (18.30h).. Amplía a nova>>

03/02/2025
Exército Mekemeke, Sara Seco e Prado Rúa impóñense nos VIII Premios Youtubeiras+

O Pazo da Cultura de Narón acollía este sábado a gala de entrega da VIII edición dos Premios Youtubeiras+. O xurado escolleu Exército Mekemeke como mellor canle desta edición, a recoñecer a "coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade".. Amplía a nova>>

31/01/2025
Presentada un novo catálogo de 'Shorts from Galicia'

A Axencia Galega das Industrias Culturais presentou unha nova edición de 'Shorts from Galicia', o seu catálogo interactivo en inglés que permite o acceso a destacadas curtametraxes do ano producidas no país, así como algúns proxectos en desenvolvemento. O catálogo destaca as curtas Uno novo día (dirixida por Gon Caride), La casa de la abuela (Ashling Ocampo), Monstera (Diego R. Aballe, Delincuente (Alba Domínguez), A voz de todas as cousas (Daniel Pérez) e O costume do traballo (Luis Morla) como produtos finalizados, e as curtas de animación Cume (David Fidalgo) e O corpo de Cristo (Bea Lema), ademais de Algo novo que contar (Paula Pereira). . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org