
O galardón, que entrega a organización do Chanfaina Lab, está destinado a persoas vivas que teñan demostrado o seu o seu compromiso coa creación audiovisual como cineastas non profesionais "á marxe da industria, tanto nos seus aspectos estruturais, temáticos como narrativos", segundo indica o Concello.
O escritor, profesor e cineasta Alberte Pagán, nado no Carballiño en 1965, foi recoñecido "polo seu percorrido no ámbito do cine experimental, no que abordou unha gran variedade de temas, linguaxes e técnicas ao longo de case sesenta pezas, producidas cos seus propios medios". Segundo salienta Manolo González, promotor do Chanfaina Lab, Pagán "é unha figura relevante da cultura galega contemporánea, mais tamén do cinema experimental en España". Nos seus máis de sesenta traballos de diferentes metraxes "procura unha reflexión militante e antiacademicista sobre a paisaxe e o conflito social, político ou ecolóxico, tanto en Galicia como no resto do mundo" nunha traxectoria que o consolida como "un dos máis sobranceiros creadores non profesionais do país".
O novo galardón colle o seu nome do alias que empregaba Alfonso Piñón Teixido, pioneiro que filmou case 300 películas por toda Galicia, "das que hoxe se conservan arredor de 90 rolos de grande valor histórico e etnográfico", segundo salienta a organización do premio.
Pagán recollerá o premio no transcurso da gala de estrea das curtametraxes que saíron da última edición do Chanfaina Lab. A partir das 17:30 horas deste sábado, o acto conducido polo actor Fran Nogueira acollerá a presentación das 24 curtametraxes que realizaron Ángela Arnosa, Irene Ávila, Bieito Beceiro, Cruz Piñón, Fran da Lobeira, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Xosé Antón Bocixa / Mónika Chorén, Kevin lorenzo, Iago Lourido, María Martelo, Carlos Martínez Peñalver, Pablo Martínez, Anxo Pena, Cora Peña, Héctor Pousa, Eva Lareo, Manuel Recouso, Isabel Rei, Álvaro Trigo, Abel Vega, Andrea Zapata-Girau e os colectivos A Rigueira, NaraíoMedia, Teño unha horta e The Sun Girls. Os filmes publicaranse posteriormente no web e na canle de Youtube do encontro a razón de dúas estreas semanais a partir do 7 de marzo.