Exército Mekemeke, Sara Seco e Prado Rúa impóñense nos VIII Premios Youtubeiras+

Rebelico Revista, Luís do Río, Galiactiva e Orgullo Galego conseguiron cadanseu recoñecemento nesta xeira

Rebelico Revista, Luís do Río, Galiactiva e Orgullo Galego conseguiron cadanseu recoñecemento nesta xeira
Galardoadas nos Premios Youtubeiras+. Fotografía de Aqueladas. Fonte: Youtubeiras+
O Pazo da Cultura de Narón acollía este sábado a gala de entrega da VIII edición dos Premios Youtubeiras+. O xurado escolleu Exército Mekemeke como mellor canle desta edición, a recoñecer a "coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade".

Pola súa banda, Sara Seco foi galardoada na categoría de Canle de TikTok "pola súa constancia e regularidade, polo seu compromiso en moi diferentes causas (entre elas a da lingua)" e polo establecemento dun "amplo abano de colaboracións". Prado Rúa, á súa vez, recibiu o Premio á Creación de Contidos "pola súa versatilidade e pola súa repercusión, así como polo seu contido, entre o cal destaca o específico para a recuperación de palabras galegas".

Galiactiva obtivo o Premio Revelación, en recoñecemento ao "uso e a introdución da lingua galega nun ámbito en que aínda ten escasa presenza, mais de importancia social crecente, e pola promoción de hábitos saudables". Luís do Río fíxose co galardón no ámbito da Calidade lingüística polo seu "coidado no uso da lingua oral en todos os niveis" e a súa aposta pola "revitalización ou a recuperación léxica ao servizo dun meritorio didactismo".

Rebelico Revista acadou o premio na categoría Rede pola "capacidade de convencer ou trasladar unha comunidade real ao mundo virtual" e pola "retroalimentación e a expansión amosadas". O Premio do Público foi para o vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego.

O comité de selección estivo composto por Andrea Villa, Carlos Callón, Mónica Valencia, Sara Varela e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023. A Deputación da Coruña, os concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo convocan anualmente estes galardóns.