As axudas á produción audiovisual medran ata os 3 millóns de euros

A liña de subvencións reformula as categorías e incrementa o apoio máximo a cada proxecto

O Diario Oficial de Galicia deste 14 de febreiro recolle a convocatoria de subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, principal liña de apoio da Xunta ao sector. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, anunciaba na véspera ante o Parlamento de Galicia a nova xeira desta liña, que incrementa a súa contía un 20% a respecto de 2024 e chega aos 3 millóns de euros.

Unha novidade da convocatoria é a reformulación na tipoloxía de proxectos subvencionables, que se adscriben ás categorías de longametraxes cinematográficas de ficción e/ou animación, cun orzamento de 1.500.000 euros, documentais, que contan con 460.000, longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, para as que se destinan 380.000, curtametraxes, con 120.000, ou series para televisión ou plataformas baixo demanda, que suman 540.000 euros.

O incremento orzamentario implica tamén unha suba na contía máxima que poden recibir as distintas producións. Deste xeito, segundo indicou Sutil, "nas longas de ficción pasamos de 280.000 euros para as rodadas en versión orixinal galega e de 260.000 euros noutros idiomas, a 320.000 e 300.000 euros, respectivamente". No caso das series para televisión ou plataformas o incremento pasa de 240.000 ou 260.000 euros a 260.000 ou 280.000 euros, mentres as curtas en galego as axudas pasan de 15.000 a 20.000 euros.

O prazo para presentación de solicitudes está aberto do 15 de febreiro ao 15 de marzo, e nos criterios de concesión tense en conta o uso do galego, a participación de mulleres ou o emprego de profesionais, recursos e empresas galegas.