10/05/2016
Fran Gayo é o novo director do Festival de Cinema de Ourense
O Festival de Cine Internacional de Ourense estreará director na súa vixésimo primeira edición. O asturiano Fran Gayo correrá coa coordinación do evento na xeira que se celebrará entre o 28 de outubro e o 5 de novembro vindeiros. Segundo explicou a organización do evento, Gayo, que xa fora responsable de eventos como o FicXixón ou o BAFICI de Bos Aires, "asume o reto de contaxiarlle ao público de Ourense a súa curiosidade polas novas tendencias cinematográficas do concerto internacional, especialmente do ámbito iberoamericano, sobre o que se porá o foco na presente edición do OUFF"..
Amplía a nova>>
10/05/2016
El Partido impúxose no Carballo Interplay
O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay fechaba este domingo a súa terceira edición coa entrega de premios. Como novidade, a organización outorgoulle un Premio de Honra ao humorista Pedro Reyes. O falecido actor protagonizaba unha das webseries da sección oficial,
Pedro Reyes For President. No entanto, o grande vencedor desta xeira foi a produción
El Partido, que levou os premios á mellor direccións e mais á mellor webserie en imaxe real.
Poetarras, pola súa banda, recuncou como mellor webserie en galego, un galardón que xa obtivera hai dous anos.
Orfanato atroz, de Antón Varela, foi recoñecida como mellor webserie de animación, categoría na que houbo unha mención especial para o proxecto
Niño ratón. .
Amplía a nova>>
06/05/2016
A Consellaría de Cultura presenta dúas pezas audiovisuais sobre poemas de Manuel María
A pita choca e
Biografía dunha folla son os títulos da dúas pezas audiovisuais que están a difundir a Secretaría Xeral de Cultura e mais a TVG sobre senllos poemas de Manuel María. Os vídeos, realizados por Algarabía Producións, amosan animacións sobre os temas destas composicións, que son recitadas por diferentes persoas. En paralelo, a Consellaría de Cultura presentaba onte na biblioteca González Garcés da Coruña a exposición
Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004), a mostra itinerante que lle dedica ao autor homenaxeado no Día das Letras este ano. A mostra repasa en dez paneis "a personalidade de Manuel María e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais" a abordar "aspectos relevantes como a identificación do escritor coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios que abordou"..
Amplía a nova>>
06/05/2016
A mostra (S8) dedica a súa sétima edición aos Novos Impresionistas
Os novos impresionistas é o lema da sétima edición da (S8), a mostra de cinema periférico da Coruña. Entre o 1 e o 8 de xuño vindeiros, o programa deste evento achegará unha selección de cineastas emerxentes e veteranos "para os que a experimentación coa luz e as calidades pictóricas do cine é esencial. Investigando os límites da percepción sensorial e da subxectividade, este grupo de cineastas asinan algunhas das obras visualmente máis estimulantes dos últimos anos". Jacques Perconte,Stephen Broomer, Jodie Mack e Robert Todd, o arxentino Pablo Mazzolo, os canadenses John Price, Alexandre Larose e Eva Kolcze ou a británica Charlotte Pryce, así como Germaine Dulac son nomes que fan parte da nova xeira do encontro. Para a gala inaugural proxectarase unha versión restaurada do clásico de Sergei Eisenstein,
Acorazado Potemkin que contará con música ao vivo a cargo do pianista e compositor Chris Jarrett..
Amplía a nova>>
03/05/2016
Cans presenta a súa edición máis multidisciplinar
Con dezaoito curtametraxes a concurso, cinco delas de animación, presentábase esta mañá a XIII Edición do Festival de Cans. O evento do Porriño proxectará en total 90 pezas audiovisuais, entre as que se contan as dezaoito que fan parte do concurso de videoclips. A selección realizouse entre 215 producións presentadas, o que constitúe unha nova marca na historia do evento. Dentro do programa, a organización salienta a importante presenza de directoras e directores galegos que crean desde fóra do país. Para alén do audiovisual a nova edición do evento, que se desenvolverá entre o 18 e o 21 de maio, caracterízase por ser á que ten unha maior presenza multimedia.
.
Amplía a nova>>
03/05/2016
Psiconautas leva o premio Animovie do Festival de Stuttgart
O Festival de animación de Stuttgart fechaba onte as súas portas a achegar un novo galardón ao palmarés do filme
Psiconautas. A longametraxe que codirixou e coguionizou o coruñés Alberto Vázquez fíxose co premio AniMovie, que recoñece a mellor longametraxe de animación. O traballo, baseado nunha BD do propio Vázquez, participará tamén no Festival de Animación de Annecy, onde o debuxante e director tamén compite coa curtametraxe
Decorado..
Amplía a nova>>
29/04/2016
Os I Premios Crea xa teñen finalistas
As once categorías da primeira edición dos Premios Crea, que convoca a Asociación de directores e realizadores para recoñecer o traballo no audiovisual xa teñen finalistas. Na longametraxe de ficción, o premio dispútano Ángel Santos por
Las Altas presiones, Dani de la Torre por
El Desconocido, Alber Ponte por
Little Galicia e Simón Casal por
Lobos Sucios. En canto a serie de televisión optan ao premio Jorge Cassinello por
Hospital Real, Miguel Conde, Jorge Saavedra e Manuel Espiñeira por
Serramoura, Toño López e Jorge Coira por
Luci e mais Carlos Sedes por
Velvet. En programa de televisión, pola súa banda, compiten Jorge Saavedra por
E agora que?, Gaspar Broullón e Simón Vázquez por
Éche así, Roberto Vilar e José Villaverde por
Land Rober Tunai Show e Suso Iglesias por
Naqueles tempos. Os galardóns entregaranse nunha gala o vindeiro 14 de maio. A mellor Longametraxe documental despútana César Souto e Luís Avilés por
Os días afogados, Diana Toucedo por
En todas as mans, Susana Sotelo por
Querida Gina e Jorge Coira por
Torre de Breoghan..
Amplía a nova>>
27/04/2016
Un ciclo de cinema leva o audiovisual galego a Bos Aires
As actividades da 42ª Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, que está a celebrar con Compostela como cidade convidada, chegan para alén do literario.
Galicia en cine é o título do ciclo cinematográfico que acolle o Cine Gaumont da capital arxentina ata o vindeiro 4 de maio. O programa achega unha selección de dezasete filmes do audiovisual galego máis actual, con títulos como
Lobos sucios,
As altas presións,
A esmorga,
Maimiño ou
Inevitable entre outras. .
Amplía a nova>>
25/04/2016
El desconocido arrasa nos Mestre Mateo con doce galardóns
Acumulaba dezaseis candidaturas, e voltou con doce galardóns da gala que se celebrou este sábado no Pazo da Ópera da Coruña.
El desconocido, o filme producido por Vaca Films e Atresmedia Cine, coa participación da TVG, converteuse no grande triunfador dos XIV Premios Mestre Mateo 2016, a conseguir case a metade das figuras desta edición. Mellor filme, Dani de la Torre como mellor director, Luís Tosar como mellor actor ou Paula del Río co premio a mellor actriz foron algúns dos principais galardóns que obtivo esta produción. A estes súmanse os de mellores actriz e actor de reparto (Elvira Mínguez e Javier Gutiérrez), guión (Alberto Marini), dirección de produción (Carla Pérez de Albeniz), montaxe (Jorge Coira), música orixinal (Manuel Riveiro), son (David Machado, Nacho Arenas e Jaime Fernández)e dirección de fotografía (Josu Incháustegui)..
Amplía a nova>>
22/04/2016
O audiovisual galego conquista o Festival de Málaga
Unha importante presenza galega desembarca no Festival de Cinema de Málaga, que abre hoxe as súas portas. En total serán tres longametraxes de ficción, dous documentais e unha curtametraxe de directores do noso país ou realizadas en Galicia as que fan parte deste prestixioso encontro. Entre as producións destacadas está a estrea de
Estirpe, ópera prima do coruñés Adrián López, e mais a presentación de
Kauflanders, de Olaia Sendón.
O filme
Toro, que protaganizan Luís Tosar e Mario Casas e que se rodou parcialmente en Vigo abrirá, fóra de concurso o evento. Nas seccións de curtametraxes,
Unary do noiés Luís Avilés Baquero, o documental
Freedom to kill other's children de David Varela e
Cocinando en el fin del mundo de Alberto Vaamonde completan a representación..
Amplía a nova>>