El desconocido arrasa nos Mestre Mateo con doce galardóns

A produción obtivo os premios á mellor longametraxe e ao director, actor e actriz

O equipo de <i>El desconocido</i> na gala
O equipo de El desconocido na gala
Acumulaba dezaseis candidaturas, e voltou con doce galardóns da gala que se celebrou este sábado no Pazo da Ópera da Coruña. El desconocido, o filme producido por Vaca Films e Atresmedia Cine, coa participación da TVG, converteuse no grande triunfador dos XIV Premios Mestre Mateo 2016, a conseguir case a metade das figuras desta edición. Mellor filme, Dani de la Torre como mellor director, Luís Tosar como mellor actor ou Paula del Río co premio a mellor actriz foron algúns dos principais galardóns que obtivo esta produción. A estes súmanse os de mellores actriz e actor de reparto (Elvira Mínguez e Javier Gutiérrez), guión (Alberto Marini), dirección de produción (Carla Pérez de Albeniz), montaxe (Jorge Coira), música orixinal (Manuel Riveiro), son (David Machado, Nacho Arenas e Jaime Fernández)e dirección de fotografía (Josu Incháustegui).

Fronte a este grande triunfo, a outra grande favorita para a gala, Lobos sucios tivo que se conformar con só dous dos doce galardóns aos que optaba. En concreto, levou o de mellor dirección de arte, para Antonio Pereira e mais o de mellor vestiario para Marta Anta. Tampouco a serie Hospital Real viu confirmadas as súas expectativas, e foi para a casa só co premio ao mellor maquillaxe e perrucaría para (Óscar Aramburu e Sabela Martín), dos dez aos que era candidata.

Martín Barreiro, home do tempo en TV, levou o premio ao mellor comunicador, Serramoura recuncou como mellor serie, mentres ZigZag Diario, da TVG, sumou o seu quinto premio consecutivo ao mellor programa televisivo. José Villaverde, recolleu o recoñecemento á mellor realización polo programa Land Rober Tunai Show, mentres o mellor documental foi Os dias afogados, e a webserie El método sueco.

Xacio Baño fíxose co premio á mellor curtametraxe con Eco, mentres os alumnos do IES de Imaxe e Son da Coruña conseguiron con O terceiro porco o galardón á curta animada. O traballo de Miss Movies para Herdeiros da Crus fíxose co recoñecemento ao mellor videoclip mentres o premio ao anuncio foi para Imposible sin ti, de Tex45 Producións, en colaboración con Ainé Producións.