Novas | 1421 a 1430 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

22/04/2016
O audiovisual galego conquista o Festival de Málaga

Unha importante presenza galega desembarca no Festival de Cinema de Málaga, que abre hoxe as súas portas. En total serán tres longametraxes de ficción, dous documentais e unha curtametraxe de directores do noso país ou realizadas en Galicia as que fan parte deste prestixioso encontro. Entre as producións destacadas está a estrea de Estirpe, ópera prima do coruñés Adrián López, e mais a presentación de Kauflanders, de Olaia Sendón. O filme Toro, que protaganizan Luís Tosar e Mario Casas e que se rodou parcialmente en Vigo abrirá, fóra de concurso o evento. Nas seccións de curtametraxes, Unary do noiés Luís Avilés Baquero, o documental Freedom to kill other's children de David Varela e Cocinando en el fin del mundo de Alberto Vaamonde completan a representación.. Amplía a nova>>

20/04/2016
Trinta e seis webseries competirán no III Carballo Interplay

Unha selección de trinta e cinco webseries, de entre as 122 que se presentaron ao concurso poderá verse na terceira edición do Carballo Interplay. O Festival de Contidos Dixitais celebrarase entre os vindeiros 5 e 7 de maio e contará con 9 webseries galegas, 15 do resto do Estado e 12 do resto do mundo na súa selección. De todas elas, 30 competirán polo premio á mellor webserie de imaxe real, 6 á de animación, 12 polo premio á mellor webserie internacional e 7 á de versión orixinal en galego. A organización sinala un importante predominio da comedia nas producións seleccionadas, xa que 28 das 36 corresponden a este xénero.. Amplía a nova>>

20/04/2016
Óliver Laxe leva a súa segunda longametraxe á Semana da Crítica de Cannes

Aínda sen competir na selección oficial, o audiovisual galego ten a súa presenza nas seccións paralelas do festival de Cannes, que abre as súas portas o vindeiro 11 de maio. Deste xeito, Mimosas, segunda longametraxe de Óliver Laxe, poderá verse no marco da Semana da Crítica, un evento que se desenvolverá entre o 12 e o 20 de maio na localidade francesa. A produción, un proxecto conxunto de España, Marrocos, Francia e Qatar, é o único proxecto español presente na sección. . Amplía a nova>>

18/04/2016
Xavier Villaverde leva o premio Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer os gañadores dos dous galardóns que concede a súa directiva. Nesta ocasión, o premio Fernando Rey, que recoñece a carreira no sector audiovisual foi para Xavier Villaverde, a quen a AGA galardoa "por ser un dos pioneiros no renacer do cine en Galicia desde os anos oitenta". Canda a este, o premio José Sellier, que honra iniciativas salientables no sector audiovisual, foi para a sala Númax, a recoñecer a súa aposta por cinema en versión orixinal e independente. Os premios déronse a coñecer no encontro de finalistas que se celebrou esta fin de semana en Cambre. Na xuntanza tamén se revelou que Marga Pazos e Xosé A. Touriñán serán os presentadores da gala dos premios Mestre Mateo que se desenvolverán o vindeiro sábado 23 no Pazo da Ópera da Coruña. O centenario do filme Miss Ledyia será o eixe desta celebración.. Amplía a nova>>

18/04/2016
O galego Eloy Domíngez gaña o Play-Doc con No Cow on the Ice

No Cow on the Ice, un filme rodado durante unha estadía en Noruega polo galego Eloy Domínguez foi vencedor no XII Festival Play-Doc que se celebrou esta fin de semana en Tui. O xurado da sección oficial, composto polo crítico luso Nuno Lisboa, a directora do festival de Sarajevo Pravo Ljudski e a realizadora afroamericana Akosua Adoma Owusu destacou que o filme "desprega as complexidades da realidade da que o cineasta é parte, ao tempo que busca a súa propia linguaxe cinematográfica" e que o director "desafía o cinema ao se enfrontar a problemáticas difíciles mediante decisións cinematográficas honestas".. Amplía a nova>>

13/04/2016
Seis festivais de cinema reparten as subvencións da AGADIC

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) facía pública esta mañá a resolución de axudas a festivais audiovisuais. Un total de seis citas deste tipo repartirán os 105.000 euros da convocatoria, que incrementou nun 16% a súa contía a respecto do ano anterior. Play-Doc, Curtocircuíto, Cans, (S8), FICBUEU e Freakemacine son os eventos que conseguiron apoio público para as súas novas edicións. Play-Doc, con 24.395,08 euros é o que obtivo unha maior axuda, segundo polo XVIII Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, con 22.789,36 euros e Cans, que conta cun financiamento de 22.218,76. A sétima edición (S8) levou 18.076,25 euros, o FIC de Bueu 12.366 e o VIII Freakemacine fíxose con 5.153,78.. Amplía a nova>>

11/04/2016
Os premios Crea recoñecerán o traballo dos directores do país

A Asociación de directores e realizadores de Galicia presentaba o pasado venres os Premios Crea, cos que esta entidade quere recoñecer os traballos da industria audiovisual galega. Os novos galardóns nacen sen todación económica e con 11 categorías centradas todas elas na mellor dirección. Longametraxe de ficción, longametraxe documental, curtametraxe de ficción, curtametraxe documental, obra de animación, serie TV, serie web, programa de TV, videoclip, spot ou campaña publicitaria e mais obra experimental son as categorías desta primeira edición. Ademais haberá un premio de honra. . Amplía a nova>>

08/04/2016
O estudio Gato Salvaje presenta o primeiro xogo en galego para Steam

Bullshot, un arcade de desprazamento lateral e estilo retro, na liña de clásicos como Metal Slug é a nova proposta do estudio coruñés de videoxogos Gato Salvaje. O proxecto, de aire retro, acaba de se presentar como o primeiro produto dispoñible na nosa lingua, entre outras dezasete, na popular plataforma de venda Steam. O proxecto conta coa voz do actor Miguel Pernas, que pon na boca do protagonista, Frank F. Franky, expresións como "manda truco!", "voute esnaquizar, miñoca!" ou "caralludo!". O xogo, aínda sen rematar, pódese adquirir xa en Steam por 0,89 euros ata o vindeiro 14 de abril.. Amplía a nova>>

06/04/2016
O cinema afroamericano é protagonista do Play-Doc de Tui

Charles Burnett é o protagonista principal este ano do festival de documentais Play-Doc de Tui. O evento tamén publicará a primeira monografía en inglés e español sobre a súa obra e realizará outra retrospectiva sobre Les Blank, A poem is a Naked Person (1974). A selección de documentais galegos constará de dez títulos e haberá seccións monográficas dedicadas ao cine afroamericano e as vangardas iugoslavas dos sesenta e setenta. "Trátase do Play-Doc máis diverso en anos", aseguran desde a organización. . Amplía a nova>>

05/04/2016
Catorce empresas galegas participan no MIPTV de Cannes

O MIPTV de Cannes, o maior mercado internacional de formatos, programas e contidos para televisión, conta un ano máis cunha nutrida presenza do audiovisual galego. Un total de catorce produtoras do país participan desde onte, co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, neste encontro. A cifra supón un incremento a respecto ás once empresas que asistiron na pasada edición e ás oito que compuñan a delegación en anos anteriores. Artefacto, Ficción, Filmanova Invest, International Audiovisual Communication, Intuitive Productions, Matriuska, Maruxiña Films, Obradoiro Cab Sad, Portocabo, Somadrome, Tree Line, Vía Láctea, Voz Audiovisual e Zenit TV son as firmas que visitan a cidade francesa ata o vindeiro sete de abril.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org