O estudio Gato Salvaje presenta o primeiro xogo en galego para Steam

Bullshot é un arcade con voces e textos na nosa lingua

Bullshot, un arcade de desprazamento lateral e estilo retro, na liña de clásicos como Metal Slug é a nova proposta do estudio coruñés de videoxogos Gato Salvaje. O proxecto, de aire retro, acaba de se presentar como o primeiro produto dispoñible na nosa lingua, entre outras dezasete, na popular plataforma de venda Steam. O proxecto conta coa voz do actor Miguel Pernas, que pon na boca do protagonista, Frank F. Franky, expresións como "manda truco!", "voute esnaquizar, miñoca!" ou "caralludo!". O xogo, aínda sen rematar, pódese adquirir xa en Steam por 0,89 euros ata o vindeiro 14 de abril.