A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer os gañadores dos dous galardóns que concede a súa directiva. Nesta ocasión, o premio Fernando Rey, que recoñece a carreira no sector audiovisual foi para Xavier Villaverde, a quen a AGA galardoa "por ser un dos pioneiros no renacer do cine en Galicia desde os anos oitenta". Canda a este, o premio José Sellier, que honra iniciativas salientables no sector audiovisual, foi para a sala Númax, a recoñecer a súa aposta por cinema en versión orixinal e independente. Os premios déronse a coñecer no encontro de finalistas que se celebrou esta fin de semana en Cambre. Na xuntanza tamén se revelou que Marga Pazos e Xosé A. Touriñán serán os presentadores da gala dos premios Mestre Mateo que se desenvolverán o vindeiro sábado 23 no Pazo da Ópera da Coruña. O centenario do filme Miss Ledyia será o eixe desta celebración.