Novas | 1151 a 1160 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

30/05/2018
O Concello de Ourense sacará a licitación a organización do seguinte Festival Internacional de Cine

O Concello de Ourense ven de anunciar nunha nota de prensa que iniciará un proceso de licitación mediante un procedemento aberto o contrato de servizos de organización da XXIII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense OUFF. Segundo o Concello a decisión vén motivada polos informes técnicos solicitados pola Concellería de Cultura con respecto á entrada en vigor da Ley 9/2017, de Contratos del Sector Público (LCSP), pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consejo 2014/23/UE e 2014/24/UE, que introduce importantes novidades na contratación e que obrigan a replantexar as fórmulas seguidas ata o de agora para organizar o OUFF. A redacción das bases que rexan o procedemento e os pregos de condicións, así como os prazos legalmente establecidos para estas licitacións farán imposible a resolución a tempo para sacar adiante o festival nas súas datas habituais de outubro e mesmo no resto do ano en curso. A continuidade do que foi director do Festival Internacional de Cine de Ourense OUFF desde o 2016, Fran Gayo non está aínda confirmada xa que, segundo recollía recentemente o xornal La Región, o directivo condicionaba a súa participación ao mantemento da súa equipa de traballo, cuxa contratación terá que pasar agora por este procedemento. Por outra banda, o propio anuncio deixa clara a decisión de continuidade do evento nas previsións municipais.. Amplía a nova>>

29/05/2018
'Dhogs' chega A 2.500 espectadores na súa primeira semana

O filme Dhogs (Gaitafilmes, Pixel films), a ópera prima de Andrés Goteira e a película máis premiada (13) da historia dos Premios Mestre Mateo, conseguiu chegar a 2.500 espectadores na súa primeira semana de exhibicións. Segundo fontes da produtora entre o 17 de maio, día da súa estrea en salas, e o 24 a película acadou unha recadación de máis de 13.000 euros exhibíndose diariamente na carteleira de seis salas galegas e unha barcelonesa, ademais de ter pases en outras catro salas do país no día da súa estrea ou posteriores. O filme independente que conta no seu palmarés con outros galardóns recollidos en festivais nacionais e internacionais puido verse nas carteleiras de Cinema NUMAX de Santiago, Abella Cines de Lugo, Multicines Norte de Vigo (Sala ganadora tamén dun premio José Seller da Academia Galega do Audiovisual), Cantones Cines da Coruña, Cines Dúplex de Ferrol, Cines Viveiro e o Zumzeig de Barcelona. Nesta segunda semana, a partir do 25 de maio, incorporáronse dous cines máis Artistic Metropol de Madrid e Cinema Avenida de Caldas de Reis. Ademais a película continúa en carteleira en Vigo, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Barcelona.. Amplía a nova>>

28/05/2018
Matria é a grande triunfadora do Festival de Cans

Co catro galardóns, a curtametraxe Matria de Álvaro Gago bateu marcas e revelouse como a grande triunfadora da 15 edición do Festival de Cans. A cita fechaba as súas portas este sábado coa entrega de galardóns, no que este filme levou os de mellor curtametraxe de ficción, o premio do público, o premio AISGE á mellor interpretación feminina para Francisca Iglesias e premio do xurado dos veciños. Canda a esta produción, no palmarés destacaron de xeito particular as producións de animación, con dous destes traballos a obter recoñecementos na sección oficial. Deste xeito, Afterwork de Luis Usón fíxose co premio AGAG a mellor guión, mentres Sea de Raúl Costafreda obtivo o recoñecemento á mellor banda sonora orixinal.. Amplía a nova>>

25/05/2018
Mira Rianxo, unha imaxe colectiva e audiovisual

Hoxe preséntase o proxecto Mira Rianxo, unha iniciativa para "construir unha imaxe colectiva desta vila a través de pezas audiovisuais feitas pola cidadanía". O proxecto, promovido polo concello, quere "recopilar, xuntar e gravar, vídeos que falen de /dende/ por/ Rianxo", dando corpo á visión contemporánea que os veciños da vila teñen de si mesmos e do territorio no que viven. Do mesmo xeito, o vídeo amosará a relación de destacados persoeiros coa vila.. Amplía a nova>>

24/05/2018
Dez filmes de doce países competiran na Mostra de Cinema Etnográfico

A 13ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo , que se celebrará do 4 ao 10 de xuño en Santiago de Compostela, ven de presentar o seu programa completo de proxeccións e actividades. A Sección Oficial a concurso da MICE recolle filmes realizados nos últimos dous anos e ofrece un panorama completo de traballos audiovisuais actuais feitos no campo da etnografía e da antropoloxía visual. As obras realizadas e filmadas en América Latina teñen especial peso entre os doce filmes da selección, que suman dez nacionalidades diferentes (dende Bélxica, Alemaña ou Francia a Perú, Venezuela, Arxentina ou Brasil). Catro das doce películas serán estrea en España e seis estrea en Galicia. O 50% das películas que concursan nesta sección están dirixidas por mulleres, algo que se pode extrapolar ao total da programación desta 13ª MICE do Museo do Pobo e que confirma o enfoque igualitario da Mostra. A vontade da MICE de recoller o dinamismo da cultura galega vese na relevancia no programa do cinema de Galicia, que no caso concreto da Sección Oficial inclúe tres filmes que optan ao Premio á Mellor Película Galega: Os fillos da vide, de Ana Domínguez; Palmira, de Diana Gonçalves; e Nocturno: Fantasmas de mar en puerto de Álvaro F. Pulpeiro, que ten ademais na MICE a súa estrea en Galicia. Ademais o MICE presenta tres seccións paralelas : Etnografía, muller e cinema, Trazas e Espiello.. Amplía a nova>>

22/05/2018
As dúbidas de continuidade sobrevoan o OUFF

A continuidade do Festival internacional de Cine de Ourense OUFF está posta en dúbida estes días, segundo recolle o xornal ourensán La Región. A burocratización e os impedimentos que a Lei de Racionalización e Estabilidade Presupuestaria pon ás contratacións públicas para a renovación directa da equipa do director do certame, Fran Gayo, estarían no fondo desta incerteza. Segundo o xornal non habería problema coa renovación de Gayo, malia que aínda non se produciu, pero si coa do persoal que con el saca adiante este evento que debería acceder a eses postos a través dun procedemento de concurso público, posibilidade que non satisfai ao director que podería renunciar a seguir adiante nesas condicións. Esta situación incerta que xira arestora arredor do posto de dirección e da equipa de traballo refórzase negativamente tamén polo feito de non ter presentadas aínda as bases para a edición deste ano a celebrar en outubro, a que sería número 23 do festival, e pola inestabilidade do actual goberno local do PP que goberna en minoría e cuxa principal oposición no consistorio, Democracia Ourensana, pide abertamente a desaparición do OUFF.. Amplía a nova>>

18/05/2018
Un novo documental de Gonzalo E. Veloso lembra a María Victoria Moreno

Reivindicando a María Victoria Moreno é o título do documental que dirixe Gonzalo E. Veloso sobre a autora homenaxeada no Día das Letras deste ano. A produción de Millo Films e da CRTVG, coa colaboración da Editorial Galaxia, repasa a figura de Moreno a través das voces de amizades e persoas que a coñeceron ademais de recuperar abondoso material de arquivo sobre ela. A Casa da cultura Cambre, ás 21 horas de hoxe e o Centro Galego de Artes da Imaxe, ás 18 horas de mañá, son as vindeiras ocasións de ver o filme, que se proxectou xa en Neda, San Sadurniño e Madrid desde o pasado 16 de maio.. Amplía a nova>>

16/05/2018
Agadic distribúe as axudas ao talento entre trece proxectos

Un total de trece proxectos distribúen as axudas de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. A Axencia Galega das Industrias Culturais facía pública hoxe a resolución desta convocatoria, que apoia os tres proxectos de longametraxes Alén mar de Andrés Sanjurjo García, 10/07 de Noveolas Producciones, e mais Aquel sol do verán de Madre Films con cadanseus 30.000 euros. Canda a estes, catro proxectos recibiron axudas de 6.000 na liña de apoio á realización de proxectos de curtametraxes. Giovana Lopalco, con Mother, Xacio Baño con Augas abisais, Andrea Girau Zapata para Un verán en Ruovesi, Noemí Chantada Puíme con Xoves de comadres e Iria Ares Campo co filme Bailaretada de amor. "De fartos e adoecidos" foron os proxectos seleccionados.. Amplía a nova>>

15/05/2018
Os premios do Festival Olloboi recoñecen o mellor audiovisual escolar

Un total de 174 pezas chegadas de 54 centros educativos competiron na edición 2018 de Olloboi, o festival audiovisual escolar. Boiro acolleu o pasado 11 de maio a final do encontro, que repartiu nove galardóns e unha mención especial. Ademais, a xornada incluíu unha nova xeira da actividade Muchachada Matiné, na que 185 rapaces e rapazas crearon pezas audiovisuais a amosar unha perspectiva feminina da vila. Destes traballos foron premiados O paseo, centrado na figura de Bríxida Muñiz, e mais ...e punto, que abordaba a importancia do sector téxtil na economía local.. Amplía a nova>>

14/05/2018
'Dhogs' premiada no Festival de Cine Fantástico de Bilbao a días da súa estrea

A poucos días da súa agardada estrea en salas (17 de maio) a película Dhogs (Gaitafilmes e PixelFilms, 2017), dirixida por Andrés Goteira, vén de engadir un novo recoñecemento ao seu xa abuultado palmarés obtendo o premio á mellor longametraxe dentro da sección Panorama Fantástico no Festival de Cine Fantástico de Bilbao. Para o xurado Dhogs merece este premio "por ser unha película poderosamente visual, crúa e moi directa, e sobre todo, pola invitación á reflexión que nos fai sobre o consumo da violencia". O novo premio acrecenta a expectación por ver este filme que este ano acadou a marca de película con máis galardóns nos Premios Mestre Mateo conseguindo acumular 13 premios. A ópera prima de Andrés Goteira xa ven dun percorrido por festivais internacionais nos que tamén foi sumando premios, o máis recente antes de Bilbao o Premio da Crítica no festival de cine fantástico de Bruxelas.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org