Novas | 1161 a 1170 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

09/05/2018
O filme Trinta Lumes obtén un novo galardón en Barcelona

O Festival Internacional de Cinema d'Autor de Barcelona, que finalizou o pasado seis de maio, outorgoulle o o seu premio da crítica á produción galega Trinta Lumes de Diana Toucedo. Ignasi Franch, Daniel Jiménez Pulido e Daniel Pérez Pamies, membros do xurado, destacaron "o seu diálogo entre o cine fantástico e o documental, conxurando pantasmas e capturando formas de vida en perigo de extinción".. Amplía a nova>>

08/05/2018
A IXª (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico abordará o ADN do cine

A Coruña acollerá entre o 25 de maio e o 3 de xuño a IX edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico. Hoxe tivo lugar en presenza de representantes do Concello, Deputación Provincial e Xunta, a presentación da programación, que abrangue, como é habitual neste evento, proxeccións, encontros profesionais, propostas didácticas e obradoiros. o director da Mostra, Ángel Rueda, explicou que a proposta deste ano pecha unha triloxía temática "arredor dos vimbios do cinema como ferramenta". Se ben no ano 2016 Os Novos Impresionistas centraban o foco na luz, e no 2017 Obxectos e aparicións , de como os propios cineastas transformaban o obxecto cinematográfico, este ano a Mostra aborda, de xeito especial, o tempo, "o ADN do cinema", sinalou Rueda. Así, a novena edición do (s8), Lux algebra , afondará na idea do cine como que conta co tempo e a estrutura como feitos diferenciais, e abordará o cinema estrutural de figuras como Ernie Gehr, Kurt Kren, Scott Stark ou Chris Kennedy. Esta sección completarase coa sesión Patróns de Interferencias , o programa Métrica e rima , ou a exposición O cine en papel.. Amplía a nova>>

08/05/2018
O documental do Concello de Pontevedra sobre María Victoria Moreno chega á rede

Logo da súa presentación pública o pasado 27 de abril, a rede acolle desde o pasado 3 de maio o documental íntegro María Victoria Moreno, galega por amor. O filme de 40 minutos, producido polo Concello de Pontevedra, percorre a vida e a obra da homenaxeada no Día das Letras Galegas e amosa o seu vencello coa cidade da man de amizades como Fina Casalderrey, Xavier Senín, Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado ou Francisco Castro. . Amplía a nova>>

07/05/2018
Antón Riveiro Coello recibiu un dos Premios Frei Martín Sarmiento

Arredor de 2.500 estudantes das Escolas Católicas de Galicia escolleron os gañadores dos XIV Premios Frei Martín Sarmiento. Luis Prego con Xogos musicais resultou vencedor na categoría infantil, Ánxeles Ferrer fíxose con O sombreiro do mago co premio escolleito por alumnas e alumnos de primeiro e segundo de primaria, Helena Villar Janeiro, con Contos do sol e da lúa foi a máis votada en terceiro e cuarto de primaria mentres Xoán Babarro resultou o favorito para os alumnos dos últimos cursos deste ciclo con Hilario e os tres medos.. Amplía a nova>>

03/05/2018
Cinemas de Galicia chegará a seis concellos

A incorporar Cangas e coa baixa de As Pontes, a Axencia Galega das Industrias Culturais presentaba onte a nova xeira do ciclo Cinemas de Galicia. En total serán seis concellos os que entre maio e xuño proxectarán en 19 sesións os filmes incluídos no catálogo desta iniciativa. Entre as 20 películas que se poderán ver inclúense producións galegas como o documental Vigo 1972 ou Santoalla. Bueu abre as proxeccións desta quinta edición do programa, que busca levar proxeccións a vilas que carecen de salas de cinema. Canda a este concello, en Cariño, Cedeira, Celanova e O Grove participan deste proxecto, e para a segunda metade do ano incorporaranse Allariz e Foz. . Amplía a nova>>

02/05/2018
Ruth Berckermann e Pablo Sigg levan o premio do Play-Doc

Onte fechaba as súas portas a edición máis longa do Play-Doc. O Festival Internacional de Curtametraxes de Tui puña fin logo de seis días á súa décimo cuarta xeira a cifrar en 8.000 o número de visitantes. Ao tempo, daba a coñecer o premio do xurado, composto nesta ocasión polo crítico e programador Roger Koza e polas responsables de programación da Cinemateca Francesa e da plataforma MUBI, Caroline Maleville e Chiara Marañón, respectivamente. Finalmente, dos cinco filmes a competición, a comisión por vez primeira outorgar o premio ex-aequo. The Waldheim Waltz de Ruth Berckermann e Lamaland (Teil I) de Pablo Sigg foron os traballos galardoados, xa que o xurado considerou que "coas dúas películas, Play-Doc insta a súa audiencia a cuestionar as formas de representación no cinema contemporáneo e así mesmo a continuar cun traballo crítico sobre os conceptos de ficción e non ficción".. Amplía a nova>>

30/04/2018
O Festival Primavera do cine abre hoxe programa cunha mostra de cinema brasileiro

A Sala Ingrávida do Porriño acollía onte 29 de abril a presentación pública do VII Festival Primavera de Cine de Vigo. O encontro desenvolve ata o vindeiro venres as súas actividades previas, que inclúen unha nova mostra de cinema brasileiro e dúas proxeccións ao ar libre do documental Vigo 1972 no marco do ciclo Cinema nos Barrios. Será o vindeiro día 8 cando abra a programación oficial do evento, á que se incorpora unha nova categoría de filmes de animación. Canda a esta, mantéñense as seccións competitivas de longametraxes, curtametraxes e videoclips, a sumar preto de cincuenta filmes seleccionados entre os case trescentos que se presentaron ao certame. . Amplía a nova>>

26/04/2018
Play-Doc comeza hoxe recuperando a memoria cotiá audiovisual de Tui

O documental do realizador Nicolás Combarro Alberto García-Alix. La línea del tiempo, que se presentou na pasada edición do Festival de San Sebastián, é a película escollida para abrir hoxe a 14ª edición do Play-Doc en Tui. A cinta compartirá protagonismo nesta xornada inaugural cunha proxección de gravacións domésticas filmadas na localidade pontevedresa nos anos sesenta, setenta e oitenta en Super 8 e agora dixitalizadas. Unha selección desas imaxes forma parte da montaxe visual coa que se inaugura o evento, ao son dunha banda formada para a ocasión polo brasileiro Ricardo Dias Gómez, baixista de Caetano Veloso; Jeremy Gustin, batería, e Alex Toth, trompetista e fundador de Rubblebucket, a banda de Brooklyn que actúa en exclusiva en Tui o sábado 28 de abril. Así arrancarán seis días deste festival audiovisual, un día máis que nas anteriores edicións, ata o martes 1 de maio. . Amplía a nova>>

24/04/2018
As bibliotecas incorporan filmes ao seu catálogo de préstamo electrónico

Un total de 77 películas de 24 produtoras galegas están dispoñibles desde onte para o seu visionado na plataforma de préstamo electrónico GaliciaLe. Este espazo, dependente da Rede de Bibliotecas de Galicia permite o visionado en liña durante dous días de cada unha destas películas logo do seu préstamo a cada usuario. A directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaban onte este servizo, a destacar que as producións dispoñibles inclúen obras premiadas internacionalmente como De profundis, Sicixia, A Esmorga, Mimosas ou Todos vós sodes capitáns entre outras.. Amplía a nova>>

23/04/2018
O concurso Youtubeir@s repartiu os seus premios

Unha gala no Teatro Colón da Coruña a noite do pasado venres daba a coñecer os proxectos vencedores da segunda edición do certame Youtubeiros. O xurado, composto por Laura Cruxeiras, Iván Capón, Estela Romasanta, Adrián Dios e Anxos Sobriño seleccionou os gañadores entre os 230 proxectos presentados. Na categoría de vídeo-facermos, o gañador foi o vídeo Como escaquearse dunha comida familiar, de As cousas do Choio. Entre os proxectos de vídeo-opinarmos, foi galardoado A expedición Balmís e a vitoria da vacinación, de Xacobe de Toro Cacharrón, mentres o premio á mellor canle levouno Nubes Baixo ti. Cada un dos premiados levan 1.000 euros de premio.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org