Novas | 1141 a 1150 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

19/06/2018
Trece proxectos distribúen as axudas a producións coproducións audiovisuais da Agadic

Catro longametraxes cinematográficas en imaxe real, dúas de animación, catro documentais para cinema e para televisión, unha serie e dúas curtametraxes son os proxecto que distribúen os dous millóns de euros da convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer onte a resolución desta convocatoria, a de maior contía das que promove para o sector audiovisual. Nove dos proxectos seleccionados rodaranse en galego na súa versión orixinal.. Amplía a nova>>

15/06/2018
O CGAI estrea web dispoñendo o seu arquivo de cine recuperado

O Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) renovou o seu web de xeito integral. Unha das novidades máis destacadas é a posibilidade de acceder a parte do arquivo audiovisual do CGAI en liña. "Procúrase democratizar o acceso ao patrimonio cinematográfico galego", aseguran desde a entidade. Polo de agora, o cine recuperado son oito traballos recuperados e restaurados "aos que se irán sumando máis nos próximos meses". Entre eles, hai obras do pioneiro do cine galego, José Gil, de cineastas amadores como Eligio González e documentais dos anos 20. . Amplía a nova>>

15/06/2018
A Xunta subvencionará un audiovisual sobre o Camiño por 1,5 millóns de euros

O Consello da Xunta aprobou onte as bases dunhas subvencións para o desenvolvemento dunha produción audiovisual ben en forma de longametraxe cun mínimo de 90 minutos, ben en forma de serie de televisión de cando menos 6 capítulos. O produto ten que ser "atemporal" e o Camiño de Santiago "debe ser un elemento importante pero non necesariamente principal". A produción poderá ser subvencionada ata con 1,5 millóns de euros (que non deben ser máis do 30% do custo total do produto). Será seleccionada a partir dos cinco proxectos resultantes dun concurso de ideas previo convocado pola Xunta, e que tamén contarán con financiamento para o desenvolvemento das ideas. . Amplía a nova>>

12/06/2018
Galaxia presenta unha colección dedicada ao audiovisual

A compostelá sala Numax acolle ás oito desta tarde a presentación de Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega. Este volume recolle textos de oito investigadoras que esculcan na relación do cinema galego con diversos aspectos da cultura. O conxunto, segundo recolle a presentación da obra "analiza o xeito no que se filmou a terra e a idea da terra no cine da emigración, tratando as distintas concepcións do cinema nacional-popular e lembrando a contribución do cinema militante e amateur ao debate en torno da lingua na que debían ser rodadas as películas. O volume supón a primeira entrega da colección Pantallas unha nova proposta conxunta do Grupo de Estudos Audiovisuais e a Editorial Galaxia baixo a coordinación de Margarita Ledo Andión que se dedicará a publicar textos sobre o cinema na nosa lingua.. Amplía a nova>>

11/06/2018
As realizadoras Ana Domínguez e Roser Corella levan os premios da MICE

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego entregou na gala final, os premios correspondentes á súa 13ª edición. A película alemano-española Grab and run de Roser Corella, sobre o a tradición do rapto de noivas no Kirguistán, acadou o premio á Mellor Película Etnográfica "por ser unha película crítica, por ofrecer unha visión poliédrica, polo impacto potencial que o filme ten na sociedade e por achegar o tema ao público xeral", segundo a decisión do xurado. Por outra banda, o premio á Mellor Película Galega recaeu en Os fillos da vide de Ana Domínguez, unha viaxe persoal a través dos ciclos da vida e das estacións na súa terra natal, Valdeorras. A elección deste filme para o premio xustificouse "polo ben tratado que está na película a parte humana e a tradición ancestral do viño". Na parte cinematográfica o xurado considera que "funcionan moi ben a recreación do pasado, da comunidade e do traballo colectivo fronte ao problema actual do despoboamento do rural". O xurado, formado por Elisenda Ardévol (antropóloga audiovisual e profesora da UOC), Miguel Alonso Cambrón (antropólogo especializado en etnografía sonora e membro de AGANTRO) e Manuel Precedo (presidente do Cineclube Padre Feijoo de Ourense), decidiron ademais facer unha mención especial ao documental Ohne Diese Welt de Nora Fingscheidt sobre a colonia menonita de fala alemana en Arxentina porque "combina á perfección a estética cinematográfica coa investigación, a crítica e a reflexión socioantropolóxica". Doce filmes de dez países competían na sección oficial desta mostra.. Amplía a nova>>

11/06/2018
Vinte e seis festivais de organización municipal reciben axuda da deputación coruñesa

Un total de 539.584,94 € é o orzamento que a área de Cultura da Deputación da Coruña destina aos festivais de música, teatro e audiovisual organizados polos concellos. Vinte e seis festivais recibirán este ano apoio para o desenvolvemento da súa programación. Unha das citas máis veteranas, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, leva este ano a máxima das axudas que concede o ente provincial con 85.000 euros, apenas mil euros máis que o seguinte máis beneficiado, a XVª edición do festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto de Santiago. Os eventos relacionados co audiovisual conseguen case a metade do total deste orzamento, acadando entre os oito que se recollen nesta resolución, un total de 267.808 euros. Mentres, os festivais de teatro e artes escénicas organizados polos concellos da provincia recollen axudas por menos de 40.000 euros en total e as citas dedicadas á música, nove en total contando a Festa do Queixo, acadan axudas por valor de 180.241,15 euros. Segundo a propia deputación a cantidade total que se dedica nesta resolución duplicarase coa concesión de axudas a entidades que organizan festivais co que sumará un millón de euros.. Amplía a nova>>

08/06/2018
O sector audiovisual amosa o apoio á continuidade de Gayo e Alonso no OUFF

A situación de incerteza do Festival internacional de Cine de Ourense OUFF tras o anuncia da sída a concurso da súa organización para a seguinte edición segue a provocar reaccións. Se antes foi o Cineclube Padre Feijóo o que sacaba un comunicado e tamén o propio ex-director, Fran Gayo e a Produtora executiva, Analía G. Alonso, agora son máis de douscentos profesionais da cultura en xeneral e do audiovisual en particular os que asinan un documento sobre o asunto. Baixo o título En apoyo a Fran Gayo e Analía G. Alonso, o documento expresa os méritos da equipa saínte do OUFF e os méritos acadados coa organización das dúas pasadas edicións do festival ourensán coas que afirman que "han conseguido situar al OUFF en un lugar de privilegio". Cineastas, actores e actrices, xornalistas, publicistas e profesionais técnicos poñen a súa sinatura neste comunicado que critica como "mala xestión", "torpeza" e "mala idea" abrir un proceso de concurso que poida levar a posibilidade de renunciar ao traballo desta equipa comandada por Gayo e Alonso por "una cuestión de burocracia, legalismos e papeleos administrativos". Aínda así o documento non pretende valorar a Lei 30/2007, de 30 de outubro, de Contratos do Sector Público pero si o feito de que desde o Concello non se dea outra saída a esta situación. Malia todo, as persoas asinantes acreditan en crer que aínda non é tarde para reverter "una situación que no debería haberse producido nunca", afirman, e agardan que polo ben da cidade, da cultura e da cidadanía, os responsables políticos sexan capaces de encontrar unha saída que opara eles pasa indefectiblemente polo restablecemento de Gayo e G. Alonso á fronte do OUFF. O documento chega asinado por ducias de prodesionais españois e doutros certames europeos e americanos, cunha ampla representación do audiovisual galego como son os nomes de Diana Toucedo, Oliver Laxe, María Ruido, Héctor Carré, Isaki Lacuesta, Lois Patiño, Eloy Domínguez, Fernando Franco, Melania Pérez Cruz, Iria Pinheiro, Jonás Trueba, Gaspar Broullón, Ramiro Ledo, Ramón Costafreda, Lucía Catoira Pan, Marcos Nine, Roi Cagiao, Noemi Chantada, Xacio Baño, o escritor Juan Tallón e José Luis Losa, Director de Cineuropa e Pela del Álamo, Director do Festival Curtocircuíto, entre outros moitos.. Amplía a nova>>

06/06/2018
Os II Premios María Luz Morales de Ensaio audiovisual repártense cun importante peso da perspectiva feminina

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) ven de resolver e entregar os premios correspondentes á segunda edición do certame María Luz Morales de Ensaio Audiovisual, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual. Tres dos traballos elixidos polo xurado dos II Premios María Luz Morales cuestionan o papel da muller no cinema e na televisión, dende distintas perspectivas. En total dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por dúas investigadoras e máis dous investigadores galegos fixéronse cun galardón e 1.200 euros. Na convocatoria de este ano se destacaron, tamén, outros tres traballos con cadanseu accésit. No palmarés repiten dous nomes con respecto ao ano pasado: Denisse Lozano (mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional) e Brais Romero (accesit).. Amplía a nova>>

04/06/2018
Jesús Vázquez coloca a posible celebración do OUFF na primavera e liga o futuro á continuidade de Gayo

O recente anuncio por parte do Concello de Ourense do proceso de licitación da seguinte edición, que sería a número 23, do Festival de Cine Internacional de Ourense –OUFF-, ven de provocar a redacción e difusión de dous comunicados moi críticos desde o Cineclube Padre Feijóo e do Director Artístico e a Produtora Executiva das dúas últimas edicións, Fran Gayo e Analía G. Alonso. Hoxe en declaracións ante a prensa o alcalde ourensán, Jesús Vazquez, afirmou que el a concelleira de Cultura eran "os primeiros desgustados" pola situación pero defendeu que o concurso público era única opción legal posible. O rexedor ourensán ligou a continuidade do OUFF á do propio director artístico á fronte e colocou o horizonte de celebración do evento no primeiro semestre do ano, referíndose concretamente á posibilidade de trasladar o festival a abril ou maio nunha decisión que, segundo el partiría sas argumentacións do propio Fran Gayo que vería nestas datas máis axeitada a celebración. Amplía a nova>>

01/06/2018
As axudas ao desenvolvemento audiovisual contarán con 40.000 euros máis

Un total de 240.000 euros, 40.000 euros máis que no pasado ano, é a contía coa que a Axencia Galega das Industrias Culturais convocou as subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega. A convocatoria cobre proxectos de ficción para cine e televisión (longametraxes, series e miniseries), proxectos de animación (longametraxes cinematográficas e series de animación para TV), proxectos de documental para cine e televisión e pilotos de programas para televisión con formatos innovadores. A contía máxima que poderán recibir os proxectos será de 20.000 euro, agás nas categorías de longametraxe de ficción para TV, longametraxe cinematográfica documental, longametraxe documental para TV e piloto de programa para TV que teñen un máximo de 10.000. O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 28 de xuño.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org