Novas | 1131 a 1140 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

24/07/2018
Un manifesto reivindica máis apoio para o cinema en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presentaba esta mañá en Compostela o manifesto O Cinema heroico galego. Este texto, que acumula xa máis de 150 adhesións e conta co apoio dos colectivos profesionais do sector, reivindica o "carácter heróico" da produción audiovisual da nosa lingua e lembra o carácter desta industria como sector estratéxico recoñecido por Lei. O texto, redactado por Ignacio Vilar, apela a "unha aposta decidida" polo cinema rodado na nosa lingua "das/dos directoras/directores, das/dos guionistas, das/dos produtoras/produtores, das empresas de produción, das salas de exhibición, da distribución, das institucións, dos medios de comunicación e da sociedade".. Amplía a nova>>

20/07/2018
Dez producións audiovisuais reciben axudas para acudir a festivais internacionais

As subvencións á difusión do cinema en festivais axudarán a presenza do audiovisual galego en mostras de referencia internacional como o festival de Sundance, a Berlinale, Clermont-Ferrand, San Sebastián ou a BAFICI de Bos Aires entre outras, algunhas que xa forno e outros aínda por celebrarse. A publicación da primeira quenda de adxudicacións das axudas promovidas desde a Axencia Galega de Industrias Culturais reparte en 13 subvencións a 10 diferentes producións a meirande parte do seu orzamento (24.000 dos seus 30.000 euros previstos) axudando a estas producións a chegar a oito citas de exhibición internacionais e internacionais. Trote, de Frida Films, é produción que recibe a maior contía cun total de 5.000 euros para a súa promoción e difusión nos festivais de Locarno e San Sebastián, seguida da longametraxe Trinta lumes de Diana Toucedo que recibirá 3.500 euros da arcas públicas para apoiar a súa presenza e difusión na Berlinale. A curtametraxe Matria de Álvaro Gago, Premio Mestre Matyeo deste ano, recibe nesta convocatoria 3.000 euros para axudar á presentación do filme no Sundance Film Festival estadounidense, no que obtivo o Premio do Xurado e no festival internacional de curtametraxes de Clermont-Ferrand. Con este apoio público tamén se axuda á presenza de tres producións galegas no festival de Rotterdam, dúas na BAFICI arxentina e outras dúas no festival de cine español de Málaga.. Amplía a nova>>

19/07/2018
Ourense presenta un plan estratéxico bianual de subvencións á cultura

O Concello de Ourense vén de presentar o Plan Estratéxico de Subvencións da Concellería de Cultura para os vindeiros dous anos, con eleccións polo medio. En total, 534.400 euros destinados tanto á realización de actividades, ao tecido cultural de base e ás empresas culturais. As partidas, con carácter anual, repártense en tres grandes bloques conformados por subvencións e réxime de concorrencia competitiva, convenios con entidades e premios. Como novidade haberá unha partida dedicada ás subvencións a festivais, ciclos ou mostras de artes escénicas ou musicais. . Amplía a nova>>

16/07/2018
As subvencións da Deputación coruñesa a entidades sen fin de lucro apoian 33 festivais

Máis de trinta entidades sen fins de lucro recibirán axudas da Deputación da Coruña para organizar festivais culturais segundo a resolución provisional que o ente provincial publicou no BOP sobre esta liña de axudas que ten un orzamento de 491.835 euros. O (S8) 9ª Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, é o evento que recibe a maior axuda desta liña, con 54.000 euros adxudicados; a 27ª edición do FIOT de Carballo síguelle con 53.100 euros. O Festival de la Luz, que ten o maior orzamento con 301.689 euros, recibe a terceira axuda en contía con 37.500 euros; a Fundación Galiza Sempre recibe pola súa parte 36.225 euros para o Festigal 2018. Ademais festivais como o Freakemacine da Coruña, o Festival das Carrilanas de Esteiro, o Irmandiño de Moeche, o Grelo Folc de Monfero, o Río Castro de San Sadurniño, o Feito a Man de Santiago, o Festival Loro Facu de Miño, a Festa da Carballeira de Zas ou o Folk in Rio de Touro son algúns dos outros eventos que a Deputación da Coruña apoia nesta convocatoria. Entre os festivais cuxa solicitude foi rexeitada nesta resolución está WOS Festival 2018 de Santiago, organizado pola Asociación Cultura WOSINC, que queda sen os 50.000 euros que pedían este ano o que non impedirá sacar adiante este evento urbano segundo a organización do WOS. O orzamento que se destina ás entidades sen fins de lucro súmase á convocatoria dirixida aos concellos que promoven festivais ás que nesta nova edición a Deputación da Coruña achega un total de 539.584,94 €. En total, por volta de sesenta festivais reciben financiamento da Deputación da Coruña, nesta nova edición das convocatorias públicas, 33 organizados por entidades e 26 polos distintos concellos da provincia.. Amplía a nova>>

09/07/2018
Culturgal centrará no público a súa undécima edición

Ti levas o compás é o lema co que se presentaba esta mañá a undécima edición de Culturgal. A Feira das Industrias Culturais desenvolverase en Pontevedra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro coa intención de outorgarlle o protagonismo ao público. A Cidade do Lérez acollía esta mañá a presentación da nova xeira do encontro, que mantén o espazo dedicado á arte contemporánea aberto en 2017. Tal e como se anunciara, Carlos Núñez protagonizará o grande concerto do 1 de decembro, mentres o día 30 haberá unha sesión de artes escénicas a cargo de Inversa Teatro e a súa obra Sofía e as Postsocráticas. O domingo 2 serán o OVIRAVAI e Xoán Curiel os que poñan en escena a música para o público máis cativo. A organización lembra que se abre o prazo para presentar actividades á programación (do 9 de xullo ao 1 de outubro) e reservar postos nesta nova xeira (ata o 15 de novembro). . Amplía a nova>>

03/07/2018
As vinte curtas do último Chanfaina Lab xa están na rede

A organización do Chanfaina Lab, o encontro audiovisual que se celebra anualmente en San Sadurniño, remataba o pasado 22 de xuño a publicación das curtametraxes que se desenvolveron na súa última edición. En total, vinte proxectos audiovisuais que se gravaron no concello en setembro de 2017 están dispoñibles na canle de Youtube do evento. Cineastas como Carlos Viana, Olalla Sendón, Carmen Rey, Óliver Laxe, Gabriel Tizón, Ángel Rueda ou mesmo da deputada Ana Pontón participaron neste encontro anual. O evento estreou estes traballos cunha proxección o pasado tres de febreiro e desde entón veu publicando cada venres unha das pezas en Internet.. Amplía a nova>>

02/07/2018
A Academia do Audiovisual comprométese coa igualdade nun decálogo de medidas

Se xa nas últimas galas dos premios do audiovisual galego Mestre Mateo o feminismo e a loita pola igualdade era unha reivindicación prioritaria que se deixaba sentir a través do propio deseño organizativo e cun lugar de importancia no discurso institucional do Presidente da Academia Galega do Audiovisual (AGA), Carlos Ares, agora a AGA dá un paso máis nesa mesma dirección con firmeza. A Academia Galega do Audiovisual aprobou na súa última Asemblea Xeral Ordinaria un Decálogo de Igualdade de Xénero que recolle os seus compromisos a prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres no eido do seu traballo. Entre as medidas tomadas a AGA comprométese a prestixiar as achegas femininas das profesionais do audiovisual "non deixando máis de dúas edicións sen nomear unha muller como Premio de Honra". A academia tamén se compromete no documento a deseñar protocolos axeitados para dar resposta ás situacións de acoso no eido audiovisual non alimentar o imaxinario sexista ou machista e fuxir de estereotipos e roles de xénero nos contidos que produza en calquera formato, así como a incluír a perspectiva de xénero en todos os informes, estudos e análises que elaboren. A composición igualitaria de órganos de dirección, equipas de traballo e comisións tamén se contempla sempre nuns mínimos de 40/60. Todos estes compromisos serán obxecto de seguimento e impulso por unha Comisión de Igualdade que a Academia creará.. Amplía a nova>>

21/06/2018
A Coruña acolle a Oficina de Cooperación da Academia Galega do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) e o Concello da Coruña veñen de asinar un novo convenio de colaboración, por valor de 80.000 euros, que coloca á cidade herculina no epicentro da actividade audiovisual de Galicia. Carlos Ares, presidente da AGA, e José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña anunciaron a ampliación da colaboración entre ambas as dúas institucións. En virtude do novo convenio asinado entre elas, hoxe mesmo abriuse unha Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO, dispoñible na web aco.gal) e a partir do 26 de xuño estará dispoñible na Sede Electrónica do Concello da Coruña un Manual de rodaxe e os formularios para a solicitude dos permisos de gravación na cidade. Ademais, no último trimestre do ano desenvolverase na cidade un completo Plan de formación. Todo isto, súmase á colaboración do Concello na celebración dos XVII Premios Mestre Mateo a próxima primavera e da III Semana das Músicas no Audiovisual (SEMUA) o próximo outono e na elaboración e difusión dos Papeis da Academia, que lle tomarán o pulso ao sector ao final do ano.. Amplía a nova>>

20/06/2018
As colaboradoras do Diario Cultural despídense asinando unha carta á directora de Programas

Esta é unha semana de despedidas cada día no Diario Cultural da Radio Galega antes da fin da súa temporada o vindeiro luns e, segundo o previsto, do programa en si. As cinco persoas colaboradoras habituais do programa , algúns deles durante máis de dúas décadas, están estes días rematando amargamente as súas seccións no programa. Hoxe ás tres da tarde será o último mércores que se escoite nese programa a crítica de arte a cargo de Natalia Poncela, colaboradora habitual desde 2007 e o lunso foi a quenda de despedida de Uxía Senlle nas súas críticas musicais. Tamén onte a crítica literaria María Xesús Nogueira fixo a súa última achega ao programa. Elas tres xunto a Miguel Anxo Fernández e Antón Lopo, os outros dous colaboradores, asinan e veñen de facer pública unha carta aberta dirixida a Tania Fernández Lombao, Xefa de Programas da Radio Galega. Na carta expresan o estupor con que asistiron ás xustificacións e detalles sobre o proceso de desaparición do programa para convertilo no vindeira temporada "nunha aparatosa sucesión de fragmentos". Para os asinantes a decisión supón "a destrución dun tecido radiofónico de probada efectividade informativa" con case trinta anos en antena e dunha calidade indiscutible. Estas cinco colaboracións, que representan a crítica de arte, teatro, literatura, audiovisual e música, ven no formato de programación cultural en anacos anunciado pola dirección da Radio Galega a anulación de calquera posibilidade de análise crítica das distintas realidades artísticas "que contribúa a xerar a normalización e profesionalización do tecido cultural galego". Nas circunstancias actuais estes colaboradores solicitan da directora de programas unha reflexión que reconduza a situación e a través da carta comunican a súa desvinculación co programa a partires da fin da temporada o vindeiro luns.. Amplía a nova>>

19/06/2018
Fran Gayo renuncia á dirección artística do seguinte OUFF

A seguinte edición do Ourense International Film Festival (OUFF) terá que acadar unha nova equipa directiva para a súa celebración, que non ten data fixada aínda. Os desencontros entre o Concello ourensán a equipa directiva das dúas pasadas edicións xa non dan máis de si para estes últimos e fixeron público un comunicado de despedida irrevogable do proxecto. Fran Gayo e e Analía G. Alonso, director artístico e produtora executiva das edicións de 2016 e 2017, veñen de facer pública esta toma de posición ante o que consideran a ausencia dunha “proposta clara e formal” que resolva a súa continuidade no OUFF a apenas catro meses da que sería a súa data de celebración habitual, malia que o alcalde ourensán Jesús Vázquez , xa colocou na primavera de 2019 a posible celebración da seguinte cita co evento, deixando así 2018 como ano en branco para o OUFF. O concello segue adiante co seu concurso público de licitación da organización do festival, xa tendo claro que Gayo non se presentará a el como desde a alcaldía se pretendía, e terán que publicar as bases que marquen os termos en que esta organización se leve a cabo en canto a contratación da equipa humana. A través do seu comunicado, feito público nas redes sociais, Gayo e Alonso lamentan ter que tomar esta decisión e aproveitan para agradecer todos os numerosos apoios recibidos nas pasadas semanas á súa xestión no OUFF e pedindo a súa continuidade.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org