10/09/2018
Once solicitudes contarán coas axudas á distribución audiovisual da Deputación da Coruña
Finalmente serán trece os filmes en galego que se poderán ver na provincia da Coruña mercé ás axudas á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega que convocou a Deputación Provincial. As once solicitues que se presentaron á convocatoria reparten un orzamento de 123.816 euros e permitirán a distribución de títulos como
Dhogs, A batalla descoñecida, Memorias dun home en pixama, A Estación violenta, Sicixia ou
O soño de papá entre outros. O Boletín Oficial da Provincia do pasado xoves 6 de setembro publicou a resolución definitiva desta convocatoria, que cobre o investimento en marketing, publicidade, dobraxes e subtitulados ou asistencia a festivais.
.
Amplía a nova>>
10/09/2018
A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo fai 40 anos
O grupo Fonmiñá inicia hoxe, 10 de setembro, a corenta xeira da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Para conmemorar o aniversario deste veterano evento, a entidade presentou un programa especial cunha duración estendida, ata o vindeiro día 21, cun total de 165 filmes que se poderán ver en seis espazos diferentes. En total, desenvolveranse trece ciclos diferentes, Infantil, O Mellor do Ano, Sección Oficial, E para comer... Lugo, Arte de Cine, Ciclo Cárceres, Grandes Historias, Cine Galego, Sección Especial, Encontros de Cine, Cine Nostálxico e Curtas de Cine. Desenvolverase tamén unha homenaxe a Rosario Durcal, actriz nacida en Lugo que obtivo grande éxito co seu traballo en México..
Amplía a nova>>
06/09/2018
O FICBueu ofrecerá case 100 proxeccións en nove días
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) proxectará entre os vindeiros 7 e 15 de setembro preto de 100 títulos galegos e internacionais, ademais de ofrecer charlas, conferencias, espectáculos de narración oral e humor, concertos, actividades infantís e de implicación social a través do cinema. O evento, que chega este ano á súa undécima edición, outorga este ano os seus premios de honra á actriz galega Mabel Rivera, ao realizador ourensán Rodrigo Cortés e ao cineasta finlandés Juho Kousmanen. .
Amplía a nova>>
05/09/2018
María Solar coordinará a nova programación cultural da CRTVG
A nova temporada da CRTVG trae con ela un novo proxecto de comunicación da información cultural, Cultura365, que estará coordinado pola xornalista e escritora María Solar, de ampla traxectoria no ente público a través de diversos programa da radio e da televisión. Información cultural específica na TVG, na Radio Galega e na nova canle dixital os 365 días do ano son os parámetros deste proxecto integrado dos medios públicos galegos. Tras a protestada desaparición do histórico formato do programa da Radio Galega
Diario Cultural, o novo proxecto contempla, como estaba anunciado, convertelo en microespazos ao longo da programación diaria cun total acumulado de unha hora e corenta minutos repartidos en horarios de mañá e de tarde e, segundo a CRTVG, con contidos novos en cada unha das sucesivas emisións. Este novo modelo do
Diario Cultural ofrecerase en directo tamén na fin de semana e contará coa súa propia canle dixital, que albergará contidos audiovisuais, as "caras B" dos programas (como se fan, como se gravan...), os podcast e tamén unha achega exclusiva de todos os colaboradores de cultura da nova temporada, entre os que non están ningún dos da anterior temporada do
Diario Cultural que se despediron en xuño cunha carta dirixida á Directora de Programas na que expresaban o seu malestar cos cambios no formato de programación cultural da radio..
Amplía a nova>>
05/09/2018
Curtocircuíto crece en presenza de audiovisual galego
O festival Curtocircuíto celebra o seu 15º aniversario proxectando máis dunha trintena de pezas que xirarán arredor do audiovisual galego. O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que se desenvolverá entre o 29 de setembro e o 7 de outubro -que organiza o Concello de Santiago, subvenciona a Deputación da Coruña e conta coa colaboración da AGADIC- presenta como unha das novidades principais desta edición dúas novas seccións: Terra e Supernova. A primeira delas proporá unha programación arredor de cineastas de Galicia cunha traxectoria de prestixio e dá inicio este ano poñendo o foco en Xacio Baño e Jaione Camborda. Supernova, pola súa banda, nace para salvar a brecha existente entre os centros de formación e os circuítos profesionais, servindo de escaparate para os traballos de directores e directoras no comezo das súas carreiras. A maiores, a sección Planeta GZ, de carácter competitivo, recolle dez filmes que se atopan entre o máis destacado da produción galega no último ano, e o carballiñés Alberte Pagán participará con Uluru na Sección Oficial Explora, na que Curtocircuíto dá cabida a obras que procuran novas caligrafías cinematográficas. .
Amplía a nova>>
03/09/2018
Once concellos acollerán as proxeccións do programa Redecinema
Ao longo do mes de setembro, once concellos do país acollerán as proxeccións en galego da terceira xeira do programa Redecinema. A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove esta iniciativa para achegar aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística de Galicia a produción audiovisual na nosa lingua. Rodeiro, Ribeira, Cerceda, Ribadavia, Sober, Carral, Triacastela, Boborás, Abegondo, O Rosal e A Baña participan dun programa no que se realizarán proxeccións ao ar libre os filmes
Sinbad,
Pérez, o ratiño dos teus soños,
O Apóstolo,
Mimosas e
Engurras..
Amplía a nova>>
28/08/2018
Vinte e sete cineastas participan no V Chanfaina Lab
A organización do Chanfaina Lab deu a coñecer a listaxe completa de creadores e creadoras audiovisuais que pariciparán na quinta edición deste evento. Entre o 31 de agosto e o 2 de setembro un total de 27 cineastas filmarán San Sadurniño e os seus habitantes desde cadansúa perspectiva. Andrés Goteira, Margarita Ledo, Aser Álvarez, Abel Vega, as youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño -Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón, Consuelo Picos e Lucía Pita-, Adrián Canoura, Ángela Arnosa, Javier Seoane, Kevin Lorenzo, Bieito Beceiro, Catalina Rodríguez, Cibrán Tenreiro, Helena Girón, Fran Bermúdez, Iago Lourido, Irene Beceiro, Lucía Estevez, Mar Catarina, o triunvirato The Sun Girls -Mónica Cibreiro, Graciela Galdo e Olga López-, Natalia Fernández, Pablo Martínez, Rubén Domínguez, Samuel M. Delgado, Sebastián Rodríguez e Simone Saibene desensvolverán as súas gravacións, que serán retratadas polo fotógrafo Gabriel Tizón..
Amplía a nova>>
24/08/2018
A terceira edición do Festival 85C reunirá máis de 80 artistas en Vigo
Entre os vindeiros 7 e 9 de setembro terá lugar en Vigo unha nova edición do Festival 85C que reúne a mulleres creadoras de todas as artes e disciplinas. Durante eses tres días diversos espazos, máis de 25 locais da cidade, acollerán máis de 80 artistas con diferentes propostas. As creadoras toman a cidade: un cóctel de artes escénicas, faladoiros, música en directo, cinema, intervencións de rúa, obradoiros, poesía, contacontos, etc. O evento está organizado desde a asociación sen ánimo de lucro, 85C, que traballa irmandando mulleres artistas de distintos eidos e cidades coa intención de facer medrar o panorama da cultura emerxente. O programa conta con realizadoras como Anxos Fazáns, músicas como Mounqup, corógrafas como Olga Cameselle e outros moitos nomes importantes da nosa cultura como María Lado ou Carmen Conde..
Amplía a nova>>
06/08/2018
O falecemento de Ernesto Chao enche de tristura a Galicia
O mundo da cultura, especialmente o do audiovisual e o teatro, lamenta hoxe o pasamento do actor Ernesto Chao Pino (Ribadavia, 1943- Santiago de Compostela, 2018) aos 74 anos. O tanatorio de Boisaca acolle a capela ardente do artista. Chao foi un prolífico actor que traballou en teatro, cine e televisión, comezando nos anos sesenta do pasado século e que se fixo moi popular entre o público galego polo seu papel protagonista na comedia televisiva
Pratos combinados coa que estivo en pantalla durante máis dunha década con novos capítulos e pola que hoxe é recordado por milleiros de persoas que deitan das redes sociais a súa tristura ante a desaparición de quen tanto os fixera rir. Ernesto Chao xogou asemade importantes papeis institucionais dentro da profesión actoral ao exercer o cargo de director do Centro Dramático Galego entre 1986 e 1987; presidiu asemade o colectivo Escena Galega e foi tamén presidente da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG) entre 2016 e 2017. Sempre foi un home preocupado pola situación da cultura e proactivo na defensa do teatro e da profesión interpretativa e levou as súas reivindicacións ante todas as instancias..
Amplía a nova>>
31/07/2018
Quiosco: número 1 de Díxome, díxome
O Clúster do Audiovisual Galego acaba de facer público o primeiro número da súa revista
Díxome, díxome, unha publicación que busca "poñer en valor o sector". Terá periodicidade trimestral e inclúe contidos de "información, formación e innovación". Neste primeiro número, atopamos desde unha entrevista a Antonio Durán, "Morris" ou Jorge Algora elabora uns Fitos do Audiovisual Galego. .
Amplía a nova>>