O FICBueu ofrecerá case 100 proxeccións en nove días

Mabel Rivera, Rodrigo Cortés e o finlandés Juho Kousmanen premios de honra do festival

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) proxectará entre os vindeiros 7 e 15 de setembro preto de 100 títulos galegos e internacionais, ademais de ofrecer charlas, conferencias, espectáculos de narración oral e humor, concertos, actividades infantís e de implicación social a través do cinema. O evento, que chega este ano á súa undécima edición, outorga este ano os seus premios de honra á actriz galega Mabel Rivera, ao realizador ourensán Rodrigo Cortés e ao cineasta finlandés Juho Kousmanen.

Os traballos realizados por galegos ou de produción galega se reúnen na sección especial 'Galicia R' programada para o sábado 8 de setembro. Trátase de Aysha, de Fon Cortizo, A muller invisible, de Noemí Chantada, The Neverending Wall, de Silvia Carpizo; Plus Ultra, de Helena Girón, e a multipremiada Matria, de Álvaro Gago. Na sección oficial internacional concorren 22 títulos, que entran na competición polos galardóns do festival. Ademais do apartado dedicado á produción galega, que contará coa presenza en coloquio dos protagonistas e artífices dos títulos proxectados, o resto das curtas do FICBueu agrúpanse baixo os epígrafes España, Escolas, Xuvenil, Infantil, Escolas e Panorama.

Programación complementaria
Á parte da extensa carteleira de proxeccións, o FICBueu ofrecerá concertos, charlas-vermú cos críticos cinematográficos Jordi Costa, Jara Yáñez, Sergi Sánchez e Manu Yáñez, conferencias sobre fotografía e efectos de son, o espectáculo Xogando coa luz (unha proposta artística multisensorial ambientada no mundo do cinema que correrá a cargo dos ilustradores Luis Davila e Marc Taeger), un monólogo especial de Carlos Blanco acompañado pola comparsa local Vou nun bou, un contacontos de cinema con Olalla González, ou o show ao vivo De Galicia a Holywood: salto ou esforzado arrastrarse? protagonizado polo director Rodrigo Cortés, o escritor Juan Gómez-Jurado e o humorista Arturo González-Campos, entre outras actividades.

A inauguración oficial do festival será este venres no Centro Social do Mar, espazo que acollerá a meirande parte da carteleira. O acto iniciarase coa actuación nos exteriores da banda The Alley Stompers, seguerá coa proxección de pezas realizadas no ámbito da área social e rematará co concerto de Xoel López. Os recitais de De Vacas, de Radio Bulebule e da banda de Música Artística de Bueu completan o programa musical.
Ligazóns