Matria é a grande triunfadora do Festival de Cans

A curtametraxe de Álvaro Gago fíxose con catro galardóns no evento

Fotografía da entrega de premios no Festival de Cans
Fotografía da entrega de premios no Festival de Cans
Co catro galardóns, a curtametraxe Matria de Álvaro Gago bateu marcas e revelouse como a grande triunfadora da 15 edición do Festival de Cans. A cita fechaba as súas portas este sábado coa entrega de galardóns, no que este filme levou os de mellor curtametraxe de ficción, o premio do público, o premio AISGE á mellor interpretación feminina para Francisca Iglesias e premio do xurado dos veciños. Canda a esta produción, no palmarés destacaron de xeito particular as producións de animación, con dous destes traballos a obter recoñecementos na sección oficial. Deste xeito, Afterwork de Luis Usón fíxose co premio AGAG a mellor guión, mentres Sea de Raúl Costafreda obtivo o recoñecemento á mellor banda sonora orixinal.

A organización destacou tamén o primeiro premio FuraCans, para obras de non ficción, que foi para Europa, de Hugo Amoedo, mentres Also Sisters levou o Premio CREA á mellor realización, Eloi Sánchez Palau o AISGE á mellor interpretación masculina por Después de la bandera e El reloj, de Borja Santomé o de animación. Os xurados outorgaron ademais dúas mencións especiais a A cat in the window, de Félix Brixel (en ficción) e a La mujer invisible, de Noemi Chantada.

Palmarés de Cans
- Premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción: Matria, de Álvaro Gago, "pola súa incontestable contundencia e sensibilidade".
Premio do xurado á mellor curtametraxe de animación: El reloj, de Borja Santomé, "polo universo de sensacións que crea".
- Premio do xurado á mellor curtametraxe de non ficción (FuraCans): Europa, de Hugo Amoedo, "pola súa urxencia de contar, pola necesidade de filmar, pola súa liberdade narrativa e polo seu grao de reflexión formal sobre a linguaxe cinematográfica".
- Premio do público á mellor curtametraxe: Matria, de Álvaro Gago.
- Premio do xurado dos veciños e veciñas á mellor curtametraxe: Matria, de Álvaro Gago, "por retratar unha realidade próxima e invisibilizada, por presentar a unha muller que loita contra a adversidade e por facelo de maneira que calquera persoa pode identificarse co seu sacrificio e xenerosidade".
- Premio AISGE do xurado á mellor interpretación masculina: Eloi Sánchez Palau, por Después de la bandera, "por trasladar de forma elocuente o xogo arriscado da película".
- Premio AISGE do xurado á mellor interpretación feminina: Francisca Iglesias, por Matria, "por conseguir dende a naturalidade unha interpretación excepcional".
- Premio CREA do xurado á mellor realización: Miriam Albert Sobrino e Sonia Albert Sobrino (Also Sisters) por The Film Machine, "por xogar habilmente coa linguaxe cinematográfica".
- Premio AGAG do xurado ao mellor guion: Luis Usón por Afterwork, "por mostrar de forma brillante unha realidade contemporánea pervertendo clásicos da animación".
- Premio do xurado á mellor banda sonora: Raúl Costafreda por Sea, "por mergullarnos no seu mar de area".
- Premio do xurado ao mellor videoclip: "Omertá", de Gero Costas para BALA, "por plasmar o espírito do grupo, integrando a imaxe e a canción, transmitindo moita forza, enerxía e visceralidade a través dun estilo directo".
- Premio do público ao mellor videoclip: "Sobre el mismo alambre", de Miryam Pato para Silvia Penide con Eladio Santos.
- Premio da Can Parade: Jessica Ramilo, "Jess".
- Mención especial do xurado de ficción: A Cat in the Window, de Félix Brixel, "por mostrar con sinxeleza o complexo".
- Mención especial do xurado FuraCans (non ficción): La mujer invisible, de Noemi Chantada, "por poñer voz e rostro ao que está na sombra e por subliñar o xesto político inherente á creación cinematográfica".