As dúbidas de continuidade sobrevoan o OUFF

O festival de cine de Ourense podería quedar sen director e sen equipo organizador

A continuidade do Festival internacional de Cine de Ourense OUFF está posta en dúbida estes días, segundo recolle o xornal ourensán La Región. A burocratización e os impedimentos que a Lei de Racionalización e Estabilidade Presupuestaria pon ás contratacións públicas para a renovación directa da equipa do director do certame, Fran Gayo, estarían no fondo desta incerteza. Segundo o xornal non habería problema coa renovación de Gayo, malia que aínda non se produciu, pero si coa do persoal que con el saca adiante este evento que debería acceder a eses postos a través dun procedemento de concurso público, posibilidade que non satisfai ao director que podería renunciar a seguir adiante nesas condicións. Esta situación incerta que xira arestora arredor do posto de dirección e da equipa de traballo refórzase negativamente tamén polo feito de non ter presentadas aínda as bases para a edición deste ano a celebrar en outubro, a que sería número 23 do festival, e pola inestabilidade do actual goberno local do PP que goberna en minoría e cuxa principal oposición no consistorio, Democracia Ourensana, pide abertamente a desaparición do OUFF.