'Dhogs' premiada no Festival de Cine Fantástico de Bilbao a días da súa estrea

O festival Primavera de Cine de Vigo repartiu os galardóns da súa sétima edición

A poucos días da súa agardada estrea en salas (17 de maio) a película Dhogs (Gaitafilmes e PixelFilms, 2017), dirixida por Andrés Goteira, vén de engadir un novo recoñecemento ao seu xa abuultado palmarés obtendo o premio á mellor longametraxe dentro da sección Panorama Fantástico no Festival de Cine Fantástico de Bilbao. Para o xurado Dhogs merece este premio "por ser unha película poderosamente visual, crúa e moi directa, e sobre todo, pola invitación á reflexión que nos fai sobre o consumo da violencia". O novo premio acrecenta a expectación por ver este filme que este ano acadou a marca de película con máis galardóns nos Premios Mestre Mateo conseguindo acumular 13 premios. A ópera prima de Andrés Goteira xa ven dun percorrido por festivais internacionais nos que tamén foi sumando premios, o máis recente antes de Bilbao o Premio da Crítica no festival de cine fantástico de Bruxelas.

Xustamente esta fin de semana poido verse unha proxección de Dhogs dentro do VII Festival primavera de Cine que se clausurou onte dando a coñecer o palmarés desta edición no que hai maioría feminina na realización dos filmes galardoados. Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro, alzouse co premio do público á mellor longametraxe galega, o premio do xurado nesa mesma categoría foi para 30 lumes , de Diana Toucedo. Os premios destinados á mellores longametraxes portugueses recaeron nas películas A fábrica de nada de Pedro Pinho, que foi a recoñecida polo xurado e Elis, de Hugo Prata que levou o premio do público á mellor película lusa. Tamén o público asistente foi o que decidiu outros catro galardóns. La mujer invisible, de Noemí Chantada, e Matria, de Álvaro Gago compartiron o Premio á mellor curtametraxe galega, que na categoría lusa foi para O vestido de Myrian” de Lucas Rossi. Ademais o premio ao mellor videoclip foi para Inferis do grupo vigués Basanta, realizado por Xaime Miranda. O galardón outorgado polo público no apartado de curtametraxes de animación foi para Áuga mole, de Aura Gonçalves e Alejandra Ramires.