02/09/2019
Homenaxe a Euloxio R. Ruibal e o Equipo Lupa en Curtocircuíto
A 16ª edición de Curtocircuíto fará unha homenaxe a Euloxio R. Ruibal ao Equipo Lupa, creadores de importancia vital na década dos setenta que contribuíron á configuración do que hoxe é o cinema galego. O programa, que levará por nome “Curtocircuíto x Cineclube de Compostela: Euloxio R. Ruibal e o Equipo Lupa” e estará marcado polo carácter documental, acollerá a proxección de pezas como A rapa das bestas (1972), filmada en Candaoso (Viveiro); O Corpiño (1973), rexistro da popular romaría; Peliqueiros (1973), arredor do Antroido de Laza; O edificio Castromil (1975), na que se verán integramente, de xeito público, en pantalla grande e despois de máis de corenta anos as imaxes do derrubamento do emblemático edificio compostelán no ano 1975 e Holocausto (1972), a única ficción. A comezos da década dos setenta o Equipo Lupa foi o primeiro grupo que, de xeito continuado, emprendeu un proxecto organizado destinado á produción cinematográfica en Galicia e en galego. Formado por Euloxio R. Ruibal, Félix Casado, Ana Antón, Roberto Vidal Bolaño, Clemente Crespo, Xosé Ramón Pousa, Miguel Pérez Romero, Lucrecia Carril, Pablo Crespo, Jesús Velasco, etc, tiña entre os seus obxectivos principais o de soster a valoración do cine como forma de expresión e como medio de comunicación entre a cidadanía, partindo dunha atención preferente á cultura tradicional..
Amplía a nova>>
30/08/2019
O festival de arte audiovisual INTERSECCIÓN apoiará tres proxectos creativos
INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo , que celebrará a súa segunda edición do 24 ao 27 de outubro na Fundación Luis Seoane de A Coruña, apostará este ano polo desenvolvemento de proxectos creativos a través da iniciativa INTERSECCIÓN LAB . A convocatoria para a recepción de dossieres estará aberta ata o venres 6 de setembro. INTERSECCIÓN é un festival de audiovisual contemporáneo que busca xerar un espazo para dar visibilidade a obras elaboradas por artistas locais, nacionais e internacionais que se sitúan á marxe da industria cinematográfica tradicional e que manexan tanto códigos estéticos como procesos de creación anovadores. As tres persoas que resulten seleccionadas para o LAB poñerán en común e debateran sobre os seus proxectos, baixo a coordinación do artista Enrique Lista , en tres sesións que terán lugar durante os días do festival. Na derradeira xornada, profesionais do sector opinarán sobre estes traballos tras a presentación dos mesmos. Algúns dos requisitos para participar nesta convocatoria son ter nacido ou residir en Galicia, ser maior de 18 anos e desenvolver un proxecto artístico audiovisual. Nesta segunda edición INTERSECCIÓN quere ampliar e consolidar a súa oferta mantendo a súa sede na Fundación Luis Seoane de A Coruña, onde, ademais de ofrecer múltiples formatos de exhibición, complétase con actividades de xeración e transferencia de coñecemento, de encontro e formación específica, e de diálogo aberto cos diversos públicos, entre os que se atopan investigadoras, galeristas, comisarias e demais profesionais, así como a cidadanía en xeral..
Amplía a nova>>
29/08/2019
A Deputación de Ourense farase cargo do OUFF de xeito permanente
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome acordaron iniciar os trámites para que a Deputación de Ourense asuma, de xeito permanente, a organización do Ourense Film Festival (OUFF) que xa asumiu na pasada edición e na que está por comezar este mes de setembro. Despois de moitos avatares que puxeron a súa continuidade en xogo durante o pasado ano o ente provincial deu un paso adiante que fixo posible a celebración da 23ª edición en novembro do 2018. O actual alcalde manifestárase en contra de manter o festival cando estaba na oposición. A 24ª edición do OUFF celebrarase agora do 27 de setembro ao 5 de outubro e a súa sede oficial será o centro cultural Marcos Valcárcel. Miguel Anxo Fernández dirixirá por segundo ano consecutivo o evento que terá como país convidado a México, e adicará unha das súas seccións ao cine que se está a producir en México coa colaboración da Fundación Carlos Velo e o Centro de Capacitación Cinematográfica de México, entidade de referencia no sector, fundado en 1975 polo galego Carlos Velo. Durante o transcurso da OUFF entregarase a Calpurnia de Honra Internacional desta edición ao actor francés de orixe ourensá José García, en recoñecemento a súa carreira no mundo da interpretación. Asemade, o director ourensán Norberto López Amado será galardoado co Premio Ourense, un dos máis arraigados na historia do Ourense Film Festival e que nesta 24ª edición quere homenaxear a traxectoria e o traballo de Norberto López Amado..
Amplía a nova>>
26/08/2019
O XVIº Curtocircuíto acollerá unha proxección especial de ‘O que arde’ de Oliver Laxe
A película
O que arde, o último filme de Oliver Laxe, producido pola galega Miramemira, 4 a 4 Productions, Tarantula e Kowalski Films, segue a acender titulares neste mes de agosto. O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, que se celebrará entre os próximos 28 de setembro e 6 de outubro, acollerá na súa décimo sexta edición unha preestrea do filme. Esta sesión especial terá lugar o martes 1 de outubro ás 22:30 h no Teatro Principal de Compostela e contará coa presenza do cineasta e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, os protagonistas do filme. O pasado mes de maio,
O que arde fíxose co Premio do Xurado da Sección Oficial Un Certain Regard de Cannes e o Premio á Mellor Creación Sonora da sección. O filme, que ven de converterse nun dos catro españois seleccionados nos Premios do Cinema Europeo, terá a súa estrea estatal no festival de San Sebastián no mes de setembro. Ademais nos próximos meses competirá nalgúns dos festivais internacionais máis prestixiosos como Toronto ou Nova York antes de chegar ás salas comerciais o próximo 11 de outubro da man de NUMAX Distribución..
Amplía a nova>>
22/08/2019
'O que arde' entra na lista de candidatos aos premios da Academia Europea de Cine
A película
O que arde de Oliver Laxe segue a ser fonte de boas novas para o audiovisual galego. A Academia Europea de Cine (EFA) ven de facer público que o filme, rodado en galego, é unha das 46 películas de ficción seleccionadas como candidatas aos Premios de Cine Europeos (European Film Awards) deste 2019, na que será a 32ª edición dos galardóns. O filme de Oliver Laxe é un dos catro con produción española que aparecen no listado da EFA, xunto con
El reino, de Rodrigo Sorogoyen na que actúa o compostelán Luís Zahera, premiado cun Goya pola súa interpretación;
Dolor y gloria, de Pedro Almodóvar e
La noche de 12 años, de Álvaro Brechner. Na mesma lista que Laxe están as produción de realizadores moi recoñecidos a nivel internacional como Agnieszka Holland, Ken Loach, Olivier Assayas e Danny Boyle entre outros. As 46 películas pre-selecionadas foron elixidas por un comité formado pola directiva da EFA máis un panel internacional de expertos convidados. .
Amplía a nova>>
19/08/2019
Eloy Enciso premiado como mellor director pola crítica de cine independente
O cineasta Eloy Enciso ven de ser galardoado pola Asociación da Crítica de Cine Independeente co premio Boccalino D'Oro ao mellor director pola súa película filmada en galego
Longa Noite. O fallo da asociación deuse a coñecer tras a súa exhibición no marco do 72 Festival internacional de Cine de Locarno, en Italia este pasado sábado. Enciso xa estreara anteriormente neste festival a súa primeira longametraxe documental,
Arraianos, en 2012. O filme,
Longa noite é unha reflexión sobre as relacións humanas e a auxe do fascismo ambientada na Galicia da posguerra.
Longa Noite cometía tamén na sección oficial do festival de Locarno pero non recibiu ningún dos recoñecementos do palmarés oficial do evento. Longa Noite participará na 44 edición do Festival de Toronto e no Festival de Nova York. A estrea en terras galegas de
Longa Noite terá lugar na sala Numax o vindeiro 5 de decembro..
Amplía a nova>>
09/08/2019
Sete filmes en galego obteñen axuda para a súa difusión en salas da provincia da Coruña
A Deputación da Coruña destina máis de cen mil euros para que sete filmes recentes do novo cinema galego cheguen ao público da provincia na nosa lingua. Os novos títulos de Oliver Laxe, Eloy Domínguez, Jaione Camborda, Eloy Enciso, Alexandre Cancelo e Berio Molina, Rita Azevedo e Lois Patiño son as beneficiarias da nova liña de axudas ás que nesta edición se destinaron 105.515,38 € tal como se vén de publicar na resolución definitiva. A convocatoria neceu coa vontade de eliminar os grandes atrancos do cinema en galego para a súa distribución en salas de exhibición da provincia da Coruña.
O que arde de Oliver Laxe,
Hamada, de Eloy Domínguez,
Arima de Jaione Camborda,
Longa noite de Eloy Enciso,
7 Limbos de Berio Molina e Alexandre Cancelo,
A portuguesa de Rita Azevedo e
Tempo Vertical de Lois Patiño son os títulos que se distribuirán coa liña de axudas da área de Cultura da Deputación da Coruña pola que reciben achegas desde 5.927 € até 25.500 € segundo criterios obxectivos do proxecto presentado para a exhibición..
Amplía a nova>>
09/08/2019
Xa están dispoñibles na rede todas a producións do último Chanfaina Lab
Os traballos de 23 cineastas que participaron na última edición do Chanfaina Lab están xa na rede. O web desta iniciativa audiovisual que convida a creadores a realizar os seus filmes durante un día neste concello completou a publicación en Youtube de todos os proxectos que se desenvolveron ao longo da última xeira. Un total de 23 curtas da man de Catalina Rodriguez Rico, Adrián Canoura, Natalia Fernández, The sungirls, Bieito Beceiro, Ángela Arnosa, Cibrán Tenreiro, Iago Lourido, Margarita Ledo, Javier Seoane, Irene Beceiro, Simone Saibene, Sebastian Rodríguez, o equipo de Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón, Fran Bermudez, Aser Álvarez, Lucía Estevez, Abel Vega, Andrés Goteira, Pablo Martínez, Helena Girón e Samuel M. Delgado; Mar Catarina e Rubén Domínguez, e mais Gabriel Tizón.
.
Amplía a nova>>
08/08/2019
'O que arde' de Óliver Laxe seleccionada polo Festival de Cine de Nova York
O Festival de Cine de Nova York (NYFF) exhibirá este outono a película
O que arde (
Fire Will Come no seu título internacional) do cineasta Óliver Laxe dentro do seu Panel Principal. A película gravada integramente en lingua galega competirá en versión orixinal con outros 28 filmes de 17 países diferentes, nove deles tamén recoñecidos no festival de Cannes como a longametraxe de Óliver Laxe, así e o caso de Pedro Almodovar e a súa cinta
Dolor e gloria. O evento neoiorquino celebra a súa 57ª edición este ano como a cita outonal co cine de referencia en EE.UU. e durará 17 días, entre o 28 de setembro e o 15 de outubro. No panel principal tamén se inclúe a estrea mundial da nova película de Martin Scorsese,
The Irishman e filmes de Agnes Varda ou edward Norton entro outros moitos directores. Esta ocasión será a da estrea nos EE.UU da película sobre os lumes pirómanos de Galicia, asinada por Laxe..
Amplía a nova>>
05/08/2019
O sector cultural despediu a Celso Parada como compañeiro e referente fundamental do teatro
Coas súas propias verbas Celso Parada (Moaña, 1958- Vigo, 2019) daba o adeus desde a súa necrolóxica publicada onte no xornal Faro de Vigo: "Voume lixeiro con todo o saber do contador, meu pai Ventura e toda a alegría da miña nai Bernarda./ Xa non mirarei aos ollos do espectador, nin a sentir a grande vertixe do actor nas táboas./ Voume co inmenso pracer do traballo, o teatro como un océano...". Deste xeito convocaba desde o alén Parada a familiares e amigos a xuntarse no que foi o acto da súa despedida onte na súa localidade natal, Moaña. A noticia do seu pasamento tinguía de loito o pasado sábado 3 de agosto o mundo da cultura do país. Parada, falecía aos 61 anos no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, vítima dun cancro que levaba máis dun ano loitando. .
Amplía a nova>>