Sete filmes en galego obteñen axuda para a súa difusión en salas da provincia da Coruña

A Deputación apoiará con ata cen mil euros a distribución destas películas do Novo Cinema Galego

A Deputación da Coruña destina máis de cen mil euros para que sete filmes recentes do novo cinema galego cheguen ao público da provincia na nosa lingua. Os novos títulos de Oliver Laxe, Eloy Domínguez, Jaione Camborda, Eloy Enciso, Alexandre Cancelo e Berio Molina, Rita Azevedo e Lois Patiño son as beneficiarias da nova liña de axudas ás que nesta edición se destinaron 105.515,38 € tal como se vén de publicar na resolución definitiva. A convocatoria neceu coa vontade de eliminar os grandes atrancos do cinema en galego para a súa distribución en salas de exhibición da provincia da Coruña. O que arde de Oliver Laxe, Hamada, de Eloy Domínguez, Arima de Jaione Camborda, Longa noite de Eloy Enciso, 7 Limbos de Berio Molina e Alexandre Cancelo, A portuguesa de Rita Azevedo e Tempo Vertical de Lois Patiño son os títulos que se distribuirán coa liña de axudas da área de Cultura da Deputación da Coruña pola que reciben achegas desde 5.927 € até 25.500 € segundo criterios obxectivos do proxecto presentado para a exhibición.