18/09/2019
O Lav.mov de Vedra presenta a súa segunda edición
A segunda xeira do encontro audiovisual Lav.mov de Vedra ten abertas as súas inscricións. O evento iniciará a súa actividade a fin de semana do 5 e 6 de outubro cos obradoiros "Iniciación ás curtas. Retratando a realidade" que imparte Illa Bufarda, "Pensar e realizar unha serie de TV", a cargo de Pepe Coira e mais un curso de dirección de fotografía impartido por Jaime Pérez que xa ten as prazas esgotadas.
.
Amplía a nova>>
16/09/2019
Cadoul de Craciun faise coa Ánfora de Ouro do FICBueu
O Festival Internacional de Curtas de Bueu entregaba o pasado sábado os seus galardóns, co filme romanés
Cadoul de Craciun como grande vencedor. A película que aborda a represión de Ceaușescu con grandes doses de humor negro obtivo a Ánfora de Ouro, dotada con 2.000 euros, ademais dos premios ao Mellor guión e ao Mellor actor para o protagonista, Adrian Vancica. Canda a este traballo, a coprodución bielorrusa-alemá
Lake of hapiness fíxose coa Ánfora de Prata e cos premios á Mellor dirección artística e á Mellor actriz para Anastasasiya Plyats. .
Amplía a nova>>
12/09/2019
As artes como ferramentas de inclusión reclaman visibilidade no IVº Diversidarte na Coruña
Diversidarte, Festival das Artes Inclusivas , que se celebrará na Coruña do 16 de setembro ao 5 de outubro, proxectará en diferentes espazos da cidade 100 curtametraxes de temática social como parte do seu concurso DiversimaCine e ven de presentar a súa programación. A partir do próximo martes, 17 de setembro, comezan as proxeccións das curtametraxes en diferentes espazos da cidade vinculados á cultura como son a sede de Afundación, o CGAI e NORMAL . As sesións, que estarán libres de barreiras arquitectónicas e de comunicación, contarán con proxeccións subtituladas. A convocatoria feita pola impulsora do proxecto, a asociación Poten100mos que traballa polo desenvolvemento persoal e a inclusión sociolaboral de persoas en situación de vulnerabilidades física, psíquica e/ou social, recibiu máis de 1100 traballos de 89 países diferentes e estableceu catro categorías -perspectiva de xénero, diversidade sexual, diversidade funcional e exclusión social- para seleccionar e agrupar os traballos que xa forman parte de DiversidArte 2019. Entre os países participantes están Reino Unido, Irán, Australia, México, Brasil, Italia, Arxentina, Colombia e Israel, por citar algúns. As obras gañadoras daranse a coñecer durante a Gala Festival DiversidArte que terá lugar o sábado 5 de outubro na Fundación Luis Seoane. O grupo de música inclusiva Xerock Percusión (procedente de A Guarda) e o actor e cómico Quico Cadaval actuarán o sábado 21 de setembro na Praza María Pita..
Amplía a nova>>
10/09/2019
O Festival de Cinema Rural Carlos Velo intégrase no FICRural
Entre os vindeiros 22 ao 28 de setembro Santiago de Compostela acollerá a primeira edición do Foro Internacional de Economía e Cultura Rural. O evento, que coordinan os colectivos Arraianos e Lareira Pop, conta co apoio do Concello e da Deputación da coruña, e integra a quinta xeira do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo. Para alén dos obradoiros, proxeccións, ou as xincanas fotográficas deste programa, o novo foro incluirá unha sección dedicada ao xogo tradicional e mais unha feira orientada a amosar proxectos de emprendemento rural na que se programarán concertos e outras actividades. .
Amplía a nova>>
10/09/2019
A Fundación AISGE premia á actriz María Bouzas pola súa traxectoria
A Fundación AISGE decidiu outorgar o Premio A Toda Unha Traxectoria dentro do 24º Festival de Cinema de Ourense (OUFF) á actriz coruñesa María Bouzas, como recoñecemento a súa ampla andadura en tódalas ramas da interpretación e o seu compromiso coa profesión e a sociedade civil galega. A delegada de da sociedade de xestión de dereitos para artistas e intérpretes, AISGE, en Galicia, a tamén actriz Isabel Blanco, será a encargada de facerlle entrega do galardón. O nome de Bouzas súmase a outras figuras destacadas da escena galega que recibiron o aplauso desta entidade de xestión de propiedade intelectual. No caso de 2018, a recoñecida coa figura foi Mabel Rivera. A nova galardoada por AISGE xa acumula outros recoñecementos importantes na súa traxectoria, o máis significativo o Premio de Honra Fernando Rey nos Mestre Mateo do audiovisual galego de 2018. A aquela figura debemos sumarlle, por agora, cinco Mestre Mateo, dous María Casares de teatro e un Premio da Cultura Galega..
Amplía a nova>>
06/09/2019
O Cormorán Film Fest estréase como festival internacional de cine de autor na Coruña
Sete longametraxes e oito curtametraxes optarán aos galardóns do palmares do novo Cormorán Film Fest que se inaugura o luns 9 de setembro na Coruña. Esta nova cita audiovisual organizada desde a distribuidora e promotora Cormorán Cinema da Coruña nace como un festival internacional de cine de autor, “disposto a traer ao verán coruñés obras cinematográficas de todo o mundo, que ofrezan puntos de vista frescos e poderosos”, segundo eles mesmos se presentan. Entre o 9 e o 14 de se4tembro ofrecen a proxección dos filmes en competición no espazo Normal da Universidade da Coruña, e ademais cinco concertos na sala Mardi Gras o xoves e o venres con Bandas como Blanco Palamera, Seda, Oh Ayatollah!, Cabiria e Hnos Muñoz. O palmarés ofrecerá Premio do xurado, Mención especial e Premio do público na categoría de curtametraxes, mestres que na de longametraxes ademais dos mencionados engádese un premio especial: o Premio María Pita á obra máis valente. Al longametraxes desta edición chegan cada unha das sete de un país distinto. Entre as curtametraxes poderán verse obras galegas como
16 de decembro de Álvaro Gago ou
Rapaz de Felipe Gálvez. As entradas están á venda para as proxeccións e os concertos..
Amplía a nova>>
05/09/2019
Estréase en Francia 'O que arde' con éxito de difusión comercial
O cineasta Oliver Laxe volveu esta semana á súa cidade de nacemento, París, para presentar a estrea en Francia de
O que arde, a súa máis recente e aclamada película. O filme, que en Francia levará como título
Viendra le feu comezou o seu percorrido no circuíto francés e chegará en principio a 54 salas en 21 cidades de todo o país galo da man da distribuidora internacional Pyramide Films. Os principais medios xeneralistas e especializados do país cubriron profusamente a estrea da película que chegará a 54 salas na súa versión orixinal en galego subtitulada coa historia rural de Amador Coro e a súa nai Benedicta que xa engaiolou aos membros do xurado de Cannes e que está conseguir presencia e recoñecemento en todas as citas internacionais. A película chegará ás salas comerciais en España o vindeiro 11 de outubro da man de NUMAX Distribución pero con menos difusión no noso país do que se presenta en Francia. O festival Curtocircuíto de Santiago fará un pase especial da película o vindeiro 1 de outubro..
Amplía a nova>>
03/09/2019
Un festival WOS impulsado polos recoñecementos preséntase como consolidado
A sexta edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia, que terá lugar en Santiago do 11 ao 15 de setembro, é a da consolidación. Así o considerou hoxe o seu director Iván Arias do mesmo xeito que os patrocinadores públicos e privados e que interviron na presentación do evento e do seu programa completo marcado de novo polas vangardas creativas no musical, audiovisual e multidisciplinar. A falta de pouco máis dunha semana para o seu comezo o WOS chega este ano presumindo de ter sido recoñecida a súa anterior edición cos galardóns ao Mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards e á Mellor Promoción Turística nos Iberian Festival Awards, que lle deron unha proxección que xa viña apoiada polo percorrido anterior. Arias foi claro ao afirmar que desde organización estaban a notar a visibilidade que o evento acadou máis alá do eido local e galego ao ver aumentar a solicitude de acreditacións de medios foráneos e a constatar "o mellor rimo de venda de entradas da historia do festival", segundo el. Entre os días 11 e 15 de este mes trinta e dous artistas de máis de dez nacionalidade distintas e en espazos do máis diversos da cidade conforman unha oferta diferenciada respecto ao resto de festivais cuns criterios que responden, segundo o propio Iván Arias á busca da singularidade na creación contemporánea, a ofrecer a artistas difíciles de ver nos circuítos habituais, mesmo buscando aqueles que non tiveran actuado antes no territorio español. Este ano o festival urbano, inserido na marca Fest Galicia , será obxecto dun dos Estudos de Impacto económico, social e comunicativo que se promoven a través de Agadic. .
Amplía a nova>>
03/09/2019
O FICBueu bate marcas na súa duodécima edición
Do 6 ao 14 de setembro o Festival Internacional de Curtas de Bueu (FICBueu) celebra a súa duodécima edición a bater marcas. En total proxectaranse no evento 128 curtametraxes como parte dun programa que abrangue 65 actividades. A nivel audiovisual, a organización destaca que da selección de filmes 70 veranse verán por primera vez en Galicia e 30 serán estreas a nivel estatal. Como novidade, o evento incorpora dúas novas seccións, Experimental e Nouvelle Vague, ás xa existentes de Galicia R, España, Internacional e Panorama, sen contar as destinadas ao público novo. Entre as actividades paralelas están previstos encontros con profesionais como o actor Luis Zahera, o director Xacio Baño, o produtor Sergio Frade ou a directora de arte Elia Robles ademais de dous encontros sectoriais protagonizados polas asociacións Proxecta e CREA..
Amplía a nova>>
03/09/2019
Comeza en San Sadurniño o Chanfaina Lab máis extenso
Co programa máis extenso da súa historia, o Chanfaina Lab inicia hoxe en San Sadurniño a súa sexta xeira. A iniciativa centra a súa actividade na formación ata o vindeiro venres, con obradoiros sobre montaxe audiovisual, animación 3D e videoxogos, creación de APP’s e fotografía 3D. Na noite dese mesmo día desenvolverase a habitual Eira de Cineastas na que se poderan ver curtametraxes e fragmentos de traballos realizados polas persoas participantes. .
Amplía a nova>>