Novas | 1021 a 1030 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

10/10/2019
O XI Festival Freakmacine enche A Coruña de utopías e distopías

Utopías e distopías é o eixe da XI edición do Festival de cinema fantástico, de ciencia ficción e de terror Freakmacine. O encontro inicia a súa andaina na Coruña este 12 de outubro co concurso de curtametraxes en galego Fetus e mais coa festa psicotrónica. No programa non faltan proxeccións como a das fitas postapocalípticas Los nuevos bárbaros ou Los invasores del abismo. Canda a elas, estreas coma Tinder Time, Flesh City, Atacama ou Blood Machines, a homenaxe a David Cronenberg ou a xa clásica Video-Regueifa, que enfrontará a Lois E. Froiz e a Álvaro Dorda fan parte do programa, que se desenvolverá ata o vindeiro día 20.. Amplía a nova>>

07/10/2019
Parásitos faise co premio ao mellor filme do OUFF

O OUFF, Festival Internacional de Cinema de Ourense, fechou o pasado día 5 de outubro as portas a entregar os galardóns da súa vixésimo cuarta xeira. Parásitos, de Bong Joon-Ho, foi a produción que se fixo coa Calpurnia á mellor película, dotada con 18.000 euros. O filme foi tamén recoñecido co premio ao mellor guión. Pola súa banda, o traballo de Alejandro Landes, en Monos valeulle o galardón á mellor dirección, mentres a mellor interpretación foi a de Julianne Nicholson neste mesmo filme. . Amplía a nova>>

03/10/2019
Dezanove festivais galegos procuran apoios para os VI Premios Fest

Os Premios Fest chegan este ano a súa sexta edición como únicos galardóns que valoran en exclusiva os festivais musicais que teñen lugar cada ano en España en nove diferentes categorías de valor, algunhas dependendo do tamaño do evento e outras entrando a xulgar características como a innovación, a diversidade e igualdade, a campaña de comunicación, a sostibilidade, o impacto turístico xerado, etc. Entre o marasmo deste tipo de evento que cada ano aumentan en número no territorio estatal -agora mesmo son arredor dun millar- os festivais galegos sempre quixeron colocar a súa marca e desde os inicios desta iniciativa acudiron a inscribirse na convocatoria, logrando nalgúns casos premios importantes. Este ano son 19 os festivais galegos que están xa na lista de 170 candidaturas aberta para votación popular a través da web dos premios. Os galegos buscan apoio para as 61 candidaturas ás que aspiran, algunhas competindo entre eles tamén. De feito na procura do premio á Maior Achega Turística á rexión é onde se condensa a meirande presenza de opcións galegas con ata quince dos noso festivais na lista. Da competición deste ano desaparecen algunhas categorías que no pasado viñeron recoñecer a promotoras galegas, coma as de Mellor Zona de restauración ou mellor zona de acampada pero os eventos galegos seguen a manter posibilidades en moitas outras categorías das que tamén trouxeron premios nas pasadas edicións como se pode comprobar na nosa hemeroteca. . Amplía a nova>>

02/10/2019
Curtocircuíto vive unha noite especial coa preestrea de 'O que arde'

O festival Curtocircuíto vestiuse onte de gala, photocall e alfombra vermella para acoller unha sesión especial de preestrea na capital galega para a película de Óliver Laxe. O Teatro principal de Santiago encheuse ata a barreira para este pase que contou mesmo coa presenza de todo o catálogo de autoridades institucionais, encabezado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pouco habitual nos actos culturais. Ademais del a representación oficial completábase co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; Xosé Sánchez Bugallo, Alcalde do Concello de Santiago de Compostela; Ovidio Rodeiro Tato, Delegado territorial da Xunta na Coruña; Jacobo Sutil, Director da AGADIC; Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña e gran parte do consistorio local de todos os partidos. Se ben o abano de representantes políticos era do menos habitual para un evento destas características realmente as estrelas da noite foron os tres elementos máis destacados da película: o seu director Óliver Laxe e os seus dous protagonistas Amador Arias e Benedicta Sánchez. . Amplía a nova>>

30/09/2019
O MARCO inaugura dúas mostras, de Eduardo Gruber e Jorge Martins, co debuxo como fío condutor

O MARCO retoma o seu programa expositivo coa presentación de dúas novas exposicións nas salas do primeiro andar. Dúas mostras individuais inauguradas o pasado venres e que estarán no espazo vigués ata o vindeiro 5 de xaneiro de 2020. As mostras O salón dos espellos de Eduardo Gruber (Santander, 1949) e Sombras e Paradoxos de Jorge Martins (Lisboa, 1940) teñen o debuxo e a obra sobre papel como fío condutor, a través de estéticas moi diferenciadas: o relato de Eduardo Gruber xunto á voz poética de Jorge Martins. Gruber é un artista polifacético, ten realizado esculturas, intervencións no espazo, instalacións, escenografía (de ópera para Pilar Miró), e ten publicado varias novelas. En O salón dos espellos reúne unha selección de obras recentes, debuxos e obra sobre papel, na que resulta central a presenza da palabra, do relato, da literatura. A exposición JORGE MARTINS. Sombras e paradoxos supón a grande presentación individual que se dedica no noso país a un dos nomes referenciais da plástica portuguesa do último século. Aos seus setenta e nove anos, e en plena actividade creadora, Jorge Martins chegou a converterse nun referente interxeracional, profundamente respectado. Unha coidada selección dos seus debuxos —xunto aos seus cadernos de apuntamentos, que se amosan en primicia— compoñen esta nueva proposta expositiva do MARCO. Ademais con esta exposición de Martns levase a cabio a presentación dunha publicación —un libro de artista co que o MARCO inicia unha colección— que recolle, por vez primeira, a súa obra literaria, precisa e poética ao mesmo tempo. Tanto a exposición coma a publicación contan co patrocinio da Fundação Carmona e Costa, o Instituto Camões, e o MEIAC de Badaxoz, institucións coas que están previstas novas colaboracións para mostrar a obra de artistas de Portugal e Galicia en distintas sedes peninsulares.. Amplía a nova>>

30/09/2019
O que arde suma un novo premio en San Sebastián

Aínda que non obtivo o premio do público polo que competía no 67 Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o filme O que arde de Óliver Laxe, non volta de baleiro do evento que fechou as súas portas esta fin de semana. A produción do director galego foi recoñecida co IX Premio San Sebastián-Gipuzkoa film Commission, no que competía con outras 18 producións e que se entrega no marco do festival. O galardón recoñece os filmes que mellor representan a contorna na que se rodaron, neste caso Tapia de Casariego, en Asturias. A produción levou un premio de 10.000 euros que se reparte entre a produtora (7.000) e a Asturias Paraíso Natural Film Comission (3.000). Amplía a nova>>

26/09/2019
O festival de Sitges homenaxea a Xoán Pinzás

Juan Pinzás, único cineasta do estado que fixo parte de xeito oficial do movemento Dogma 95, será homenaxeado no vindeiro Festival de Cinema Fantástico de Sitges, que se celebra entre o 3 e o 13 de outubro. O evento catalán estreará Universo Pinzás, obra na que Víctor Olid repasa a traxectoria do galego a mesturar documental e ficción. Ademais, proxectarase neste encontro o filme do homenaxeado La leyenda de la doncella, unha das súas producións máis ambiciosas considerada hoxe unha película de culto. O propio Pinzás participará no evento a manter un coloquio co público.. Amplía a nova>>

23/09/2019
O OUFF presenta o seu programa a se reclamar como referente

Logo de que a Deputación se fixese cargo do evento o pasado mes de agosto, o OUFF, Festival Internacional de Cinema de Ourense, presentaba o seu programa na mañá deste 23 de setembro. A cita, que celebrará entre o 27 de setembro e o 5 de outubro a súa 24 edición, reivindícase "como o festival de referencia do cinema de Galicia". Segundo Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, trátase "do único festival de Galicia con sección competitiva en longametraxes" e o único tamén en contar con "exposicións e publicacións de produción propia que completan as actividades paralelas que xunto ás proxeccións a competición e ciclos temáticos conforman o programa".. Amplía a nova>>

23/09/2019
Nace en Betanzos o Cineclub Lar de Unta

Coa intención de "devolver a Betanzos a súa tradición cinematográfica" bota a andar nesta vila que acolle o cinema máis antigo en funcionamento do estado, o Cineclub Lar de Unta. Promovido pola asociación do mesmo nome, a nova entidade desenvolverá o seu traballo no local da rúa Peixaría 1 do casco histórico betanceiro, aínda que prevé realizar proxeccións especiais no histórico cinema Alfonsetti. A entidade anunciou que están e conversas coa Federación de Cineclubs de Galicia para procurar vías de colaboración. . Amplía a nova>>

19/09/2019
Trinta e oito filmes competirán na sección oficial de Curtocircuíto

O festival Curtocircuíto presentaba esta mañá en Compostela o programa oficial da súa XVI edición, que se celebrará en Compostela entre o 28 de setembro e o 6 de outubro. Para alén de contidos xa anunciados, o programa contará coa participación de trinta e oito filmes nas súas dúas seccións oficiais. Como é habituall, Radar centrarase nos proxectos de cinema de autor a acoller títulos como Operation Jane Walk, 27 thoughts about my father, RISE, Fuck You ou Alba, que lle outorgan un especial protagonismo á adolescencia. My Generation, do gañador do Oscar Ludovic Houplain ou Como Fernando Pessoa salvou Portugal de Eugène Green.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org