Novas | 1011 a 1020 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

23/10/2019
Preséntase a webserie de educación sexual S.E.X.

A produtora Illa Bufarda, en colaboración con ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e co apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paidea, vén de lanzar na rede a webserie S.E.X. como ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade destinada para adolescentes. Esta iniciativa, premiada na segunda edición do Premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña, preséntase como un proxecto con diversas accións entre as que se inclúe unha canle de Youtube na que se publicará unha serie de seis capítulos que abordan de forma monográfica diferentes aspectos da esfera da sexualidade. A webserie S.E.X., protagonizada por Noelia Liñares Mayo, Ángel Calo e Iria Freire (que fan os papeis de Sara, Eduardo e Xela, cuxas iniciais dan lugar ao título da serie), estreou o pasado martes 15 de outubro o seu primeiro capítulo na súa canle da plataforma Youtube e lanzará un novo vídeo cada mes. Amplía a nova>>

21/10/2019
Bota a andar a 41 Semana de Cine de Lugo

Este 21 de outubro comezan os actos do programa da Seman de Cine de Lugo, que chega á súa 41 edición a perder a súa denominación "de autor". O ciclo que organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá bota a andar cunha homenaxe e a presentación dun libro sobre o actor lucense Antonio Mourelos, cun acto que se desenvolve a partir das 17 horas no Auditorio Gustavo Freire. Ademais, descubriranse as primeiras placas do novo Paseo do Cine en Lugo. Cada á dedicada ao propio Mourelos, inaugurarase unha que recoñece a Prudencia Grifell, grande dama do cinema mexicano nada en Lugo que a semana homenaxeara en 2004.. Amplía a nova>>

18/10/2019
O festival Curtas celebra en Vilagarcía a súa 47 edición

Vilagarcía acolle entre o 25 de outubro e o 3 de novembro a 47 edición de Curtas, o festival de audiovisual e banda deseñada. Desta volta, os eixes da chegada do home á lúa e mais da maxia e das lendas artellan a programación, cunha especial homenaxe a Harry Potter, que estará presente cunha exposición específica. O debuxante inglés Davyd Lloyd, o catalán Pasqual Ferry, Kiko da Silva, o divulgador e escritor de ciencia ficción Álex Riveiro, Loulogio, Diana López Varela, Antonio Seijas, Salva Espín, Eli Ríos ou Fernando Cimadevila son algúns dos convidados desta ocasión. . Amplía a nova>>

17/10/2019
INTERSECCIÓN consolídase na segunda edición tendendo pontes entre arte e cine de vangarda

INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, celebrará na Fundación Luís Seoane da Coruña a súa segunda edición, do 24 ao 27 de outubro mantendo o seu obxectivo de dar visibilidade a obras creadas por artistas situados no cruce da arte contemporánea e o cine de vangarda. O festival ofrece unha completa programación que traerá a A Coruña a artistas de recoñecido prestixio internacional entre os que destacan o cineasta e antropólogo J.P. Sniadecki, a multidisciplinar Dora García e a portuguesa Salomé Lamas, unha das máximas expoñentes actuais da arte audiovisual lusa e creadora de pezas habitualmente comprometidas. Ademais a sección Galicia que contará con obras de artistas representativos tanto dentro de Galicia como en España ofrecendo a proxección de 13 obras das que nove son estreas mundiais e están asinadas por autores como Carla Andrade -que presentará dúas obras-, Carme Nogueira, Félix Fernández, Alberte Pagán ou Vázquez/Arrieta -Vicente Vázquez e Usue Arrieta. Nesta segunda edición, INTERSECCIÓN dedica una programación á Facultade de Belas Artes de Pontevedra repartida en dúas sesións independentes o primeiro día e último día do festival nas que se proxectarán 46 pezas do arquivo dos 26 años de docencia universitaria en materia de videoarte deste centro.. Amplía a nova>>

17/10/2019
Os Premios Ondas recoñecen Hierro como mellor serie televisiva estatal

Un proxecto de autoría galega conseguiu presenza no palmarés dos Premios Ondas deste ano. Os galardóns que outorga a Cadea SER recoñeceron Hierro, dirixida por Jorge Coira e creada polo seu irmán Pepe Coira co premio á mellor serie estatal. O galardón recoñécelle á produción "un guión que nunca decae, unha actuación esixente e unha paisaxe que acompaña a trama como un elemento primordial da obra". Segundo destaca a organización dos premios Hierro "é un espectáculo e un drama, funciona como un thriller e como un poema da terra e do mal". O proxecto comparte o premio Ex Aequo con Arde Madrid. . Amplía a nova>>

16/10/2019
AMAL volve traer o mundo árabe contemporáneo a Galicia

A Semana de Cine Euroárabe AMAL de Santiago chega á súa décima sétima edición sólida na súa proposta de seguir tendendo as pontes culturais entre oriente e occidente. O presidente da Fundación Araguaney- Puente de Culturas e director do festival, Ghaleb Jaber Martínez; e o director Xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo presentaron o programa desta nova edición do evento que terá lugar entre o 21 e o 25 deste mes na capital galega. Durante esa semana, proxectaranse 5 documentais e 4 longametraxes de ficción. A sesión inaugural de AMAL 19 terá lugar o luns 21, ás 20:00 horas -entrada gratuíta-, co documental La guerra empieza aquí, dirixido polo director bilbaíno Joseba Sanz. No programa deste ano tamén estará o audiovisual galego coa produción Hamada, un documental dirixido por Eloy Domínguez que realiza un retrato insólito, con matices de humor, dun grupo de tres amigos de 25 años – Zaara, Sidahmed e Taher– que viven nun campamento de refuxiados no medio do deserto do Sáhara. Tras da proxección (mércores-23, ás 22:00 horas) haberá o coloquio Po, area e soños: un achegamento á realidade do Sahara Occidental, no que Eloy Domínguez e o saharaui residente en Galicia, Wage Kori, analizarán e compartirán experiencias. . Amplía a nova>>

15/10/2019
Cineuropa cambia de dirección por vez primeira en 33 anos

A vindeira edición de Cineuropa en Santiago será a primeira que non dirixa o seu fundador José Luis Losa en 33 anos. Segundo relata o xornal El Correo Gallego, a empresa madrileña La Tropa Produce asinará hoxe mesmo co Concello de Santiago o contrato e será quen dirixa o festival de cine que dará comezo o vindeiro 8 de novembro. Un defecto de forma na presentación da documentación ao concurso público para a dirección do evento deixou fóra a Losa, alma mater do festival, cuxos recursos foron desestimados despois polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia que tivo que fallar a favor da adxudicación do Concello á outra proposta presentada, correspondente á empresa madrileña. En declaracións ao xornal compostelán, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, declarou que os pregos do concurso de contratación xa estipulaban cuestións estruturais do festival que non poden ser cambiadas como os premios ou a programación, polo cal os cambios non poden afectar a elementos como a maratón de proxeccións, por exemplo. No mesmo xornal José Luis Losa xa declarou que asumía con normalidade o fallo do tribunal e que el este ano se manterá a marxe do festival pero non renuncia a volver optar á súa dirección en 2020. La Tropa Produce é a empresa encargada da produción de eventos como os Premios Feroz, o festival de cine e series Lo Que Viene o ciclo de cine de verán Conde Duque en Madrid e da dirección do Festival Internacional de Cine de Almería e do Festival de Teatro Clásico de Alcántara.. Amplía a nova>>

15/10/2019
Máis de 11.000 persoas viron 'O que arde' na fin de semana de estrea

A chegada ás salas de cine da película O que arde de Oliver Laxe o pasado venres 11 de outubro xa deixa unha marca de éxito de asistencia, das que adoitan funcionar como referencia na industria audiovisual. Máis de 11.000 espectadores se achegaron en total a vela ás 49 salas de toda España onde se proxecta. NUMAX Distribución ven de facer público con incuestionable satisfacción ese resultado de audiencia que retrata como "salas cheas e estimulantes coloquios nas sesións presentadas polo director". Con estes datos a película de Oliver Laxe, exhibida exclusivamente en versión orixinal con opción de subtítulos, convértese na película en galego con máis copias en semana de estrea en España, ademais de ser a segunda mellor estrea independente da fin de semana e contar co sexto mellor promedio absoluto por copia desde o venres. Laxe seguirá esta semana acompañando en persoa varias das proxeccións da súa obra e hoxe, martes, estará nos Cines Duplex de Ferrol. Maña o realizador estará presente ao longo da tarde nos Códex Cinema de Lugo e o xoves acudirá ás 18:00 horas a Cinexpo Pontevedra e despois nos Multicines Norte de Vigo ás 21:20 horas, onde Laxe pechará o seu acompañamento do filme. . Amplía a nova>>

14/10/2019
A TVG presenta novos programas de divulgación e música para a temporada

A Televisión de Galicia dá comezo esta semana á unha nova temporada de programación na que incorpora novidades en programas divulgativos e musicais. Esta mesma noite estréase ás 22:30 horas o programa Segredos - Desmontando Galicia que tratará de descubrir os segredos das grandes infraestruturas e do patrimonio natural, urbanístico e cultural galego desde o punto de vista do entretemento incorporando animacións en 3D integradas con imaxes reais. Diana Nogueira e Alicia Burton conducirán o programa cuxa primeira entrega entrarase na cidade de Lugo, descubrindo o seu pasado romano con ollos de hoxe en día e desmontando en 3D a cidade e a súa muralla. A semana trae a estrea na noite dos xoves do espazo' Os cantos rolados. Presentado por Toño Novo "Tucho", guitarrista de Heredeiros da Crus, fará unha escolma da mellor música galega contemporánea interpretada ao vivo en programas dedicados a distintos xéneros musicais. Ademais, na mañá deste sábado 12 de outubro, día festivo, emitiuse o primeiro capítulo do documental O reino suevo de Galicia, o sábado 19 irá a segunda parte. Ese mesmo día, antes do Telexornal serán estrearase Anacos de vida, espazo que achega a historia de diferentes vilas a través da recuperación de vellas fotografías comentadas por nenos. Ademais na segunda canle da compañía pública, G2, os xoves se emite A noite da cultura un espazo monotemático en cada entrega de corte documental.. Amplía a nova>>

11/10/2019
Ferrol volve contar con cine grazas á reapertura do Duplex

Ferrol quedara sen salas de cine desde o verán, unha triste excepción entre as cidades galegas que a reapertura dos cines Duplex no barrio de Esteiro desfai desde hoxe. A sala pechaba esta verán ante un incerto futuro que agora ten, cana menos un proxecto de futuro ante si. Ramiro ledo, un dos impulsores da cooperativa NUMAX de Santiago recollía a luva de dar unha nova oportunidade ao recinto facendo nel cambios que inclúen, alén dalgunhas leves reformas das instalacións o programático. A busca de novos públicos reflectirase así na selección de producións e nas actividades e accións promocionais. O cine abr hoxe coa estrea galega do ano, O que arde de Oliver Laxe. De feito o director asistirá en persoa o vindeiro martes a facer alín unha presentación do seu filme. A busca dun público cinéfilo, máis alá de entrar na competición polos blockbusters será a liña a seguir polos Duplex, enfocados tamén cara ao universitarios e mesmo con accións conxuntas con colexios. A nova liña enfocarase en cine de autor, independente, documental e exhibición en versións orixinais. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org