Máis de 11.000 persoas viron 'O que arde' na fin de semana de estrea

O realizador segue esta semana acudindo en persoa a proxeccións en vilas galegas

O realizador segue esta semana acudindo en persoa a proxeccións en vilas galegas
Amador Sánchez nun fotograma de 'O que arde'
A chegada ás salas de cine da película O que arde de Oliver Laxe o pasado venres 11 de outubro xa deixa unha marca de éxito de asistencia, das que adoitan funcionar como referencia na industria audiovisual. Máis de 11.000 espectadores se achegaron en total a vela ás 49 salas de toda España onde se proxecta. NUMAX Distribución ven de facer público con incuestionable satisfacción ese resultado de audiencia que retrata como "salas cheas e estimulantes coloquios nas sesións presentadas polo director". Con estes datos a película de Oliver Laxe, exhibida exclusivamente en versión orixinal con opción de subtítulos, convértese na película en galego con máis copias en semana de estrea en España, ademais de ser a segunda mellor estrea independente da fin de semana e contar co sexto mellor promedio absoluto por copia desde o venres. Laxe seguirá esta semana acompañando en persoa varias das proxeccións da súa obra e hoxe, martes, estará nos Cines Duplex de Ferrol. Maña o realizador estará presente ao longo da tarde nos Códex Cinema de Lugo e o xoves acudirá ás 18:00 horas a Cinexpo Pontevedra e despois nos Multicines Norte de Vigo ás 21:20 horas, onde Laxe pechará o seu acompañamento do filme.

Por establecer unha referencia semellante e próxima de comparación en canto a datos de público, a multipremiada premiada Dhogs (Gaitafilmes, Pixel films, 2016), ópera prima de Andrés Goteira gravada en galego e a película máis premiada (13) da historia dos Premios Mestre Mateo, conseguiu chegar a 2.500 espectadores na súa primeira semana de exhibicións en maio do pasado ano 2018. A estrea de O que arde conseguiu ademais un impacto en medios enorme, estando presente en xornais, televisións e radios de todo o Estado, xa coa mención da estrea ou xaora cunha crítica, comentario ou artigo dedicado á produción, as críticas están a ser moi favorables coa película en todos os casos. Mesmo revistas como Traveler dedicáronlle reportaxes.