08/11/2019
Dezaseis novas películas e series recibirán axudas para iniciar a súa produción
A Xunta de Galicia publica hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a adxudicación da convocatoria anual de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, a través da que achega 260.000 euros aos traballos de preprodución de 16 futuras películas e series para cinema e televisión. As propostas beneficiarias de 2019 son sete novas longametraxes de ficción, tres series e miniseries televisivas, catro documentais e dous traballos de animación. Entre os títulos beneficiarios, atópanse os filmes
Océano titánico, de Frida Films;
As escravas da Casa Salvañach, de Xamalú Filmes;
Sinais, de Vizuals Lab;
A parra, de Filmika Galaika;
As neves, de Cósmica Producións;
Starmucks, de Gaitafilmes, e
O corno do centeo, de Esnatu Zinema, así como as series
Sofía Casanova, obreira do pensamento, de Zenit Televisión;
Dante, de CTV, e
Tagdemonium, de Congo Producciones Audiovisuales y Gráficas, na modalidade A para proxectos de ficción cinematográficos e televisivos. Na categoría B para animación, recibirán axuda a serie
Súper Valentina, de Abano Producións, e a longametraxe
O labirinto de pedra, unha aventura en Santiago de Compostela, de Producións A Fonsagrada. Por último, na modalidade C para documentais obtiveron apoio
Dúas vellas, sete gatos, tres máquinas de coser e
María Casares: a muller que viviu mil vidas, de Agallas Films;
O tempo do lume, de Madre Films, e
A muller borrada, de Cósmica Producións..
Amplía a nova>>
08/11/2019
A película 'Longa noite' de Eloy Enciso estréase na sección oficial do festival sevillano de Cine Europeo
O filme
Longa Noite de Eloy Enciso (Meira, Lugo, 1975) farás a súa estrea española o vindeiro luns no marco do 16º Festival de Sevilla de Cine Europeo que comeza hoxe. A cinta, na súa versión orixinal en galego, proxectarase (subtitulada en galego e inglés) con dous pases o propio luns ás 9 da mañá e ás 20:00 horas e tamén terá outra exhibición o martes 12. O filme de Enciso, que por esta película obtivo o premio Boccalino D'Oro ao mellor director da Asociación da Crítica de Cine Independente durante o festival de Locarno, entrou na Sección Oficial do festival internacional e conta a historia dun home que volve desde o estranxeiro á súa aldea de orixe no rural xa rematada a guerra civil e no escenario de represión de vencedores e vencidos da ditadura franquista. A estrea en terras galegas de
Longa Noite terá lugar na sala Numax o vindeiro 5 de decembro..
Amplía a nova>>
07/11/2019
O Curtas Armadiña de Poio céntrase no audiovisual galego
A quinta edición do festival audiovisual de formatos curtos Curtas Armadiña de Poio, quenta xa motores para dar comezo o vindeiro día 11 de novembro. O certame organizado desde a Asociación Cultural Deportiva e Medioambiental Armadiña levou a cabo este ano unha modificación nas súas bases que o levan a ser actualmente a única cita audiovisual centrada nas producións galegas en exclusiva. Para seren aceptadas como “curtametraxes galegas” a organización define tres posibles criterios, un relacionado coa orixe galega dos realizadores ou a localización da empresa produtora na nosa terra, outro coa escolla lingüística do galego e outro coa localización en terras da nosa comunidade. Vinte e unha curtametraxes optarán a galardón na sección oficial de curtametraxes e dez na sección de videoclips este ano. O que xa se coñece é destinataria do premio Áncora de honra desta quinta edición, que será a actriz e directora viguesa Sonia Méndez, directora á súa vez do certame Carballo Interplay. O luns 11 darán comezo os obradoiros que forman parte do programa deste ano e que se prolongarán ata o mércores, o xoves 14 será un día dedicado ás crianzas nas actividades e xa o venres comezarán as proxeccións no Fogar Armadiña de Combarro. O domingo terá lugar a gala final coa entrega dos premios no Centro Cultural Illa Couto de Raxó..
Amplía a nova>>
06/11/2019
Unha ducia de retratos de artistas e escritores locais 'iluminan' Vigo
A revista viguesa
A Movida é a responsable da montaxe
As outras luces de Vigo que onte se inaugurou na rúa Príncipe diante do MARCO de Vigo. Adiantándose ao acendido de luces de Nadal do Concello a publicación quixo facer unha posta en valor da cultura local a través da presentación dunha ducia de paneis iluminados cos retratos de outros tantos personaxes da vida cultural da cidade, coñecidos en diferentes eidos da expresión cultural que van desde a música ata a literatura ou o audiovisual e a arte. Estes paneis cos retratos tomados por Pablo Vázquez poderán verse na rúa viguesa ata o vindeiro día 10 de novembro, no que a cidade acenderá as moi comentadas luces de Nadal. Os representantes da cultura de Vigo escollidos para esta acción e cuxas caras e nomes acompañan xa aos viandantes son: os actores Antonio Durán "Morris" e Marta Larralde; as escritoras Ledicia Costas, María Xosé Queizán e Silvia Penas; o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín; Patricia Moon, Tony Lomba, Eladio Santos, Julián Hernández, Kaixo e Silvia Superstar pola variada escena musical viguesa, e Lupita Hard pola arte. A revista chama a crear un tecido industrial en Vigo en torno á cultura facendo dela un motivo de orgullo de cidade..
Amplía a nova>>
05/11/2019
Felipe Lage é o novo presidente da Asociación de Produtoras Independentes
A Asociación Galega de Produtoras Independentes, Agapi, ven de renovar por unanimidade a súa Xunta Directiva por un período de dous anos, tal e como establecen os Estatutos. Felipe Lage Coro, de Zeitun Films, será o novo presidente da Asociación neste período, ao que acompañará como vicepresidente, X.Lois Ledo de Nós Produtora Cinematográfica Galega. O cargo de secretaria seguirá en mans de Luisa Romeo de Frida Films e a tesourería pasa a incorporar a Andrea Vázquez de Miramemira. Continúan como vogais Ignacio Vilar de Vía Láctea Filmes, J.Antonio Velo de Ástrágalo Studio e Manolo López de Tex45. Incorpóranse ao equipo Dolores Ben de Cinemar Films e Daniel Froiz de Matriuska. A nova Xunta Directiva asume o cargo con ilusión e compromiso de traballo a prol do audiovisual galego como se leva facendo desde a constitución de Agapi no ano 1994 e fai un chamamento a todas as produtoras independentes a unirse á asociación. A próxima actividade de Agapi, en colaboración coa Deputación da Coruña, será a xornada
A PRODUCIÓN AUDIOVISUAL A DEBATE que terá lugar o vindeiro xoves 21 de novembro no Museo das Peregrinacións e de Santiago, situado na Praza das Praterías (Santiago de Compostela) na que se tratarán temas como a distribución ou o papel das administracións nas axudas á produción..
Amplía a nova>>
04/11/2019
O festival Curtas de Vilagarcía premia as películas 'Brotes' e 'El cumple'
Pechouse a 47ª edición do festival internacional de cine e banda deseñada Curtas de Vilagarcía de Arousa non sen antes repartir o palmarés da súa sección oficial deixando atrás nove premios colocados e cun gran protagonismo para a produción cinematográfica galega. A curtametraxe
El cumple (Producciones Labarouta, 2019) primeira película dirixida polos guionistas Pablo Alen e Breixo Corral levou o premio do festival á mellor curtametraxe na sección oficial internacional; na sección propia de curtametraxes galegas resultou premiada
Brotes, de Jorge Fernández Meneses; Fran X. Rodríguez levou o premio ao mellor director galego polo seu traballo coa produción
Neno bonito. O documental sobre a afectividade sexual durante a posguerra e a ditadura
Eu tamén necesito amar, dirixido por Antonio Caeiro para Ollomol Audiovisual de Gondomar e a Asociación Cultural O Faiado da Memoria de Vilagarcía de Arousa, levou o premio de mellor documental galego..
Amplía a nova>>
31/10/2019
O Cineuropa 33 proxectará case douscentos filmes
A trixésima terceira edición de Cineuropa, primeira sen Xosé Luís Losa como director, proxectará en Compostela case douscentos filmes ao longo do mes de novembro. A presentación oficial do evento, que se desenvolveu na mañá deste 31 de outubro, revelaba que a sección oficial contará con 103 filmes nas cinco categorías en competición, cun apartado de animación como novidade. No conxunto do programa poderán verse dezanove estreas estatais e outras nove preestreas de filmes que aínda non chegaron a salas..
Amplía a nova>>
28/10/2019
A Semana do Cine de Lugo premia a 'As tres caídas de María Santiso' e 'Marusía'
Cinco premios e ata dezasete mencións especiais do xurado conforman o palmarés que dexia tras de si a XLI Semana do Cine de Lugo, deprendida por primeiro ano do seu apelido "de autor", como levou durante as 40 edicións anteriores. Este domingo deuse a coñecer a lista de nomes das películas destinatarias en cadansúa categoría e nas seccións de longametraxe e curtametraxe galegas o público elixiu respectivamente a
As tres caídas de María Santiso, de Roberto Alvite e
Marusía, de Pedro Sancho como merecedoras do premio entre as 20 obras que se presentaron. Na Sección Oficial foi a cinta irlandesa
O pan da guerra de Nora Twoney a que acadou a maior puntuación dos asistentes; mentres que Xurado premiou na Sección Documental a cinta de Nata Moreno
Ara Malikian: una vida entre las cuerdas, sobre a traxectoria do violinista. Ademais o público lugués tamén premiou a curtametraxe
Happy Friday de José Antonio Campos Aguilera. Pola súa banda o Xurado deixou ata 17 mencións especiais polo especial tratamento dos temas, ás persoas e ao cine. Entre elas están as producións galegas
Mariñeiro, de Juan Galiñanes;
Narote, de David Vázquez Vázquez;
Devalar, de Mar García;
Limbo, de Daniel Viqueira;
Cambio, de Iago de Sant;
Pedrón de Freixo, de Ángel Cordero Gómez. .
Amplía a nova>>
25/10/2019
O 33 Cineuropa porá os acentos na perspectiva propia da ollada feminina
A 33ª edición de Cineuropa, a primeira na súa historia que non dirixe José Luís Losa, xa deixa ver algunhas diferencias respecto ás anteriores, a primeira é a presentación en dúas diferentes roldas de prensa cunha semana de diferencia. A de hoxe facíase para presentar a nova equipa directiva e debullar as grandes liñas do evento cinematográfico compostelán que comezará o 7 de novembro baixo o lema
Cuestión de perspectiva. A responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, presentou a que será a directora do festival este ano, Laura Seoane, e o coordinador de programación, Javier Trigales. Os dous coruñeses levarán as rendas pola empresa La Tropa Produce. Os tres, acompañados tamén polo director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron o cartel deste ano, que xa amosa a relevancia da ollada feminina que será a protagonista na sección oficial e terá especial importancia tamén nas seccións paralelas dun xeito transversal en todo o evento. A potencia observada das películas presentadas polas realizadoras na produción actual motivou a necesidade de facer este enfoque para a directora, Laura Seoane, que asegurou que o 40% das películas do programa están dirixidas por mulleres. .
Amplía a nova>>
24/10/2019
A SEMUÁ-Semana das Músicas do Audiovisual chega á súa cuarta edición
Esta semana que pon o foco no elemento musical das produción audiovisuais, organizada pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña, celebrarase entre o 27 de outubro e 1 de novembro na Coruña, baixo a dirección artística unha vez máis do compositor Nani García e co obxectivo de revalidar o éxito de público das tres edicións anteriores. A Semana das Músicas do Audiovisual-SEMUÁ, pon en valor o traballo dos profesionais da composición, produción e interpretación das músicas que acompañan as obras audiovisuais a través dun programa suxestivo que abarque a público de todas as idades. Na súa cuarta edición, a SEMUÁ dedicará unha especial atención á figura do pianista e compositor arxentino Federico Jusid, compositor de bandas sonoras para máis de 60 películas e 30 series de televisión, entre as que destacan títulos como
El secreto de sus ojos, Gran Reserva, Loving Pablo ou
Fariña entre outras moitas. Jusid dirixirá á Orquestra Sinfónica de Galicia no Teatro Colón dentro do programa
As nosas músicas; no que serán interpretadas algunhas das súas partituras máis coñecidas xunto a pezas dos compositores galegos Manu Riveiro e Pablo Barreiro, entre as que destacan unha suite a partir da banda sonora do filme galego
Sempre Xonxa no trixésimo aniversario da súa estrea..
Amplía a nova>>