A Semana de Cine Euroárabe AMAL de Santiago chega á súa décima sétima edición sólida na súa proposta de seguir tendendo as pontes culturais entre oriente e occidente. O presidente da Fundación Araguaney- Puente de Culturas e director do festival, Ghaleb Jaber Martínez; e o director Xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo presentaron o programa desta nova edición do evento que terá lugar entre o 21 e o 25 deste mes na capital galega. Durante esa semana, proxectaranse 5 documentais e 4 longametraxes de ficción. A sesión inaugural de AMAL 19 terá lugar o luns 21, ás 20:00 horas -entrada gratuíta-, co documental La guerra empieza aquí, dirixido polo director bilbaíno Joseba Sanz. No programa deste ano tamén estará o audiovisual galego coa produción Hamada, un documental dirixido por Eloy Domínguez que realiza un retrato insólito, con matices de humor, dun grupo de tres amigos de 25 años Zaara, Sidahmed e Taher que viven nun campamento de refuxiados no medio do deserto do Sáhara. Tras da proxección (mércores-23, ás 22:00 horas) haberá o coloquio Po, area e soños: un achegamento á realidade do Sahara Occidental, no que Eloy Domínguez e o saharaui residente en Galicia, Wage Kori, analizarán e compartirán experiencias.