O MARCO inaugura dúas mostras, de Eduardo Gruber e Jorge Martins, co debuxo como fío condutor

Inicia ademais unha actividade de cine clube sobre a historia da sétima arte nun ciclo de dez sesións

Jean Wilson. Serie Femme fatale-amores platónicos, 2018. Acuarela, carbón sobre papel. Eduardo Gruber
Jean Wilson. Serie Femme fatale-amores platónicos, 2018. Acuarela, carbón sobre papel. Eduardo Gruber
O MARCO retoma o seu programa expositivo coa presentación de dúas novas exposicións nas salas do primeiro andar. Dúas mostras individuais inauguradas o pasado venres e que estarán no espazo vigués ata o vindeiro 5 de xaneiro de 2020. As mostras O salón dos espellos de Eduardo Gruber (Santander, 1949) e Sombras e Paradoxos de Jorge Martins (Lisboa, 1940) teñen o debuxo e a obra sobre papel como fío condutor, a través de estéticas moi diferenciadas: o relato de Eduardo Gruber xunto á voz poética de Jorge Martins. Gruber é un artista polifacético, ten realizado esculturas, intervencións no espazo, instalacións, escenografía (de ópera para Pilar Miró), e ten publicado varias novelas. En O salón dos espellos reúne unha selección de obras recentes, debuxos e obra sobre papel, na que resulta central a presenza da palabra, do relato, da literatura. A exposición JORGE MARTINS. Sombras e paradoxos supón a grande presentación individual que se dedica no noso país a un dos nomes referenciais da plástica portuguesa do último século. Aos seus setenta e nove anos, e en plena actividade creadora, Jorge Martins chegou a converterse nun referente interxeracional, profundamente respectado. Unha coidada selección dos seus debuxos —xunto aos seus cadernos de apuntamentos, que se amosan en primicia— compoñen esta nueva proposta expositiva do MARCO. Ademais con esta exposición de Martns levase a cabio a presentación dunha publicación —un libro de artista co que o MARCO inicia unha colección— que recolle, por vez primeira, a súa obra literaria, precisa e poética ao mesmo tempo. Tanto a exposición coma a publicación contan co patrocinio da Fundação Carmona e Costa, o Instituto Camões, e o MEIAC de Badaxoz, institucións coas que están previstas novas colaboracións para mostrar a obra de artistas de Portugal e Galicia en distintas sedes peninsulares.

Ademais desta oferta expositiva o MARCO inicia a partir do 4 de outubro, unha nova actividade da man do cineclube Sunset Boulevard. Un ciclo de proxeccións de grandes clásicos da historia do cinema, unha vez ao mes, cun total de dez sesións repartidas entre outubro de 2019 e xuño de 2020. En cada sesión, a proxección do filme (VOSE) está precedida dunha presentación, e seguida dunha análise e coloquio durante o que se tratarán e debateran os aspectos máis relevantes das obras, procurando un ton divulgativo e didáctico. A primeira das sesións estará dedicada aos pioneiros do cine proxectando curtametraxes dos irmáns Lumière, Georges Méliès, Segundo de Chomón e Alice Guy.
Ligazóns