Ricardo Gurriarán, que xa é por dereito o cronista oficial da USC para o século XX, saca á luz a intrahistoria político-cultural da universidade compostelá do ano 1936 ata as datas previas ao maio do 68. A través de entrevistas aos protagonistas, consulta de arquivos públicos e privados e unha axeitada interpretación das fontes, vai desentrañando a cuestión universitaria achegándonos a través desta a toda a sociedade que loitaba por saír adiante nun ambiente escuro.
7 / 6 / 2010
Gustavo Hervella. Santiago
Ricardo Gurriarán achéganos neste estudo ás mobilizacións estudantís na Compostela da ditadura franquista. Tralo triunfo na guerra civil non daba comezo a paz, senón a vitoria; este axioma faise patente desde o mesmo instante en que se regulariza a vida académica. Os exames patrióticos, a depuración docente, a presenza asfixiante de Falange e dos ultracatólicos nas aulas universitarias corroboran este feito. Xa nada volverá a ser igual ao curso de 1936; a universidade europea e avanzada da etapa republicana —que recollía os froitos dos avances de comezo do século XX— quedará para sempre no esquecemento. O autor, que xa é por dereito o cronista oficial da USC para o século XX, ten demostrada esta circunstancia na súa tese doutoral “A investigación científica en Galicia (1900-1940): institucións, redes formativas e carreiras académicas: a ruptura da Guerra Civil”, no libro “Ciencia e conciencia na universidade de Santiago (1900-1936)”, premio da Crítica de Galicia, e máis recentemente na exposición “Do gaudeamus Igitur ao venceremos nós”, entre outros traballos, onde ofrece unha liña argumental e de evolución evidente nos estudos superiores impartidos desde Compostela e o freo e volta atrás que supuxo o golpe de estado franquista.
A través de “Inmunda escoria” analiza como era a vida cotiá, política e académica na universidade, o hermo en que se converteu até ben entrada a década de 1960 e a escasa preocupación pola sociedade á que tiña que formar, en oposición ao que fora anos atrás. A través de entrevistas aos protagonistas, consulta de arquivos públicos e privados e unha axeitada interpretación das fontes, vai desentrañando a cuestión universitaria, as incipientes mobilizacións até rematar en marzo de 1968, preludio do acontecido na universidade madrileña e barcelonesa meses despois. Neste estudo xunta a fonte oral con máis dun centenar de entrevistas aos protagonistas directos, estudantes e profesores, con documentos dos arquivos estatais e galegos, destacando nestes aspecto a reprodución e interpretación de informes policiais e gobernativos, e tamén a consulta de fondos privados que moitos dos estudantes dos anos sesenta foran agochando nas súas casas, de seguro xa esquecidos por moitos deles e que agora ven a luz a través da interpretación que o autor lles outorga.
Con este traballo, non só nos achegamos unicamente á universidade, senón tamén á Galicia do momento, que loitaba por saír adiante nun ambiente escuro e cheo de prohibicións, onde a loita polos dereitos individuais e colectivos convertíase nun dos peores delitos que se podían cometer. Así, a defensa da cultura autóctona —que Gurriarán exemplifica á perfección a través da actitude de Ramón Piñeiro e os seus “discípulos”, p. 113, 201—, dos dereitos de labregos e gandeiros —Castrelo de Miño é un dos fitos máis lembrados daqueles anos—, da sindicalización libre —cunha completa disección do SEU desde a súa hexemonía nos anos corenta até a súa práctica desaparición a finais dos sesenta—, ou a análise e a conseguinte relación que se establece entre o desenvolvemento económico, coas remesas dos emigrantes, a emigración campo-cidade, e o aumento de estudantes; é, xa que logo, o reflexo da Galicia do momento. E como todo este espertar pretende ser hexemonizado pola “oposición organizada”: PCE, FELIPE, ADE ou, en menor medida, polos nacionalistas galegos da UPG. Así mesmo, e en relación con isto, apreciamos como se vai artellando a Galicia posterior á morte do ditador: os estudantes dos anos sesenta serán os docentes universitarios dos setenta e os políticos que levarán a cabo a transición tamén comezan a súa actividade agora. O libro, porén, non só nos achega á Galicia antifranquista, tamén nos pon na estrada político-cultural do que serán os anos da transición política e da autonomía dos primeiros oitenta.
Como en todo ensaio histórico, as fontes documentais nas que se basea o autor son de importancia fundamental. Gurriarán bota man da fonte oral, recollendo as impresións de cada un dos entrevistados e tamén interpretando o que din, os silencios e as dúbidas. Moitos dos consultados son personaxes públicos na actualidade, outros, xa no anonimato, amosan as súas consideracións sen ánimo de protagonismo e sen pretender “demostrar” o seu antifranquismo. Temos que destacar o baleirado de fontes escritas: documentación policial, do goberno civil e da propia universidade, cunha selección significativa no anexo documental. Aínda que semelle incrible, e cando xa van máis de 30 anos da morte do ditador, aos historiadores énos moi complicado achegarnos aos feitos dos últimos anos da ditadura. Moitos documentos están aínda vedados para o estudo histórico, aplícaselle a lei de arquivos —teñen que pasar 50 anos para a súa “desclasificación”— cando en realidade e por mor dos temas que tratan, ditadura franquista e represión, deberían de ser de consulta pública sen restricións.
Estamos, pois, ante un estudo completo e complementario de todos aqueles que tratan a historia da universidade compostelá no século XX, desde os primeiros textos de Isaura Varela até os máis recentes de Carlos Morais e o propio Ricardo Gurriarán. Nestas páxinas condénsanse os anos máis convulsos da institución académica ofrecendo, ademais, unha selección de cincuenta entrevistas en CD e un completo repertorio de documentación pública e privada, o que incrementa notablemente o valor historiográfico do ensaio.