«Inmunda escoria» foi o titular co que un xornal caracterizou os estudantes universitarios antifranquistas en 1968, cando as súas protestas fixeron tremer as estruturas da Ditadura. Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968 nace da exposición que a Fundación 10 de Marzo lle encargou a Ricardo Gurriarán para conmemorar os corenta anos das loitas do curso 1967/68 na Universidade galega. A partir dun intenso labor de investigación en arquivos públicos –malia os impedimentos legais que amparan os tan «distantes» tempos da Ditadura franquista– e privados, así como das máis de cen entrevistas aos participantes directos e indirectos do conflito, Gurriarán analiza o que foi coñecido como «o 68 galego», que protagonizou toda unha xeración de persoas cun percorrido político, social e cultural que chega ata os nosos días. A investigación arranca no ano 1939 e avanza ano a ano para chegar ao curso 1967/68, cando as mobilizacións estudantís antifranquistas conquistaron espazos de liberdade, á custa, iso si, de non poucos desgastes persoais. Sen aqueles acontecementos, a sociedade galega de hoxe sería moi diferente. Inmunda escoria é un libro que non só enche un baleiro na historiografía, senón que está chamado a converterse, sen dúbida ningunha, nun referente para os estudos que sobre o antifranquismo se fagan no futuro. - Contén DVD con 50 entrevistas. [Presentación editorial]