Achegamento á figura de Prisciliano, este libro aborda a súa relevancia para a cultura galega, sobre todo desde o século XIX ata os nosos días. O mártir de Tréveris foi e segue sendo un símbolo e obxecto de estudo para unha elite intelectual pero pouco ou nada lle di á sociedade galega, que non elaborou discurso algún sobre Prisciliano.
4 / 1 / 2011
Xurxo M. Ayán. Santiago
O teólogo galeguista Victoriano Pérez Prieto fornece un novo chanzo na interminable escada bibliográfica sobre a vida e obra do mártir de Tréveris, o
galego Prisciliano. Das cinco partes que estruturan o volume, destacan de xeito sobranceiro as dúas primeiras, nas que o autor verque a súa extraordinaria erudición para analizar a vida e obra do asceta herexe, detallando polo miúdo o complexo mundo das disputas teolóxicas paleocristiás na Baixa Romanidade. Nesta liña, vai debullando as escasas fontes escritas dispoñibles e vai sintetizanzo ao leitor o posicionamento antipriscilianista de referentes patrísticos como Orosio, Hidacio ou Agostiño de Hipona, individuos que escribiron a Historia oficial do primeiro cristianismo condanando de cheo a heterodoxia do primeiro herexe executado polo poder secular a instancias da Igrexa en toda a súa historia.
Os capítulos III e IV fornecen unha ampla revisión historiográfica sobre as visións (teolóxicas, literarias, históricas, xornalísticas) que en Galicia se foron sucedendo dende a Ilustración até a obra política de Castelao. Nesta parte do libro, Victoriano desenvolve un tema ben querido por el como é a relación da Xeración Nós coa relixión, tratado nunha obra anterior que xa é un referente hoxendía (
A Xeración Nós. Galeguismo e relixión, 1988). Neste senso, este tramo do ensaio apenas apunta achegamentos novidosos e reincide en cuestións xa expostas polo autor con indiscutible solvencia décadas atrás e mesmo en artigos máis recentes. Remata o libro cun último capítulo que pecha o ensaio historiográfico abranguendo aproximacións publicadas na segunda metade do século XX, a xeito dunha sucesión de recensións de libros un pouco desconectada do fío argumental que alicerza a obra. Finalmente, cómpre subliñar o completísimo e ordeado apéndice bibliográfico que servirá de grande axuda a todos aqueles que queiran afondar na investigación sobre Prisciliano e a súa época.
Estamos, polo tanto, diante dun libro interesante ao que, sen embargo, cómpre facer unha serie de apreciacións no tocante ao enfoque asumido que poden ser orientativas para o leitor ou leitora. En primeiro lugar, o autor recoñece (como outros destacados investigadores, da caste de J.E. López Pereira) o carácter polisémico e multidimensional da figura de Prisciliano, un persoeiro no que se mistura realidade histórica, memoria mítica e manipulación política (véxase a Introdución). Nesta liña, interésase polo papel que xoga a figura do mártir apócrifo na sociedade galega do presente como referente identitario e mesmo recurso icónico-visual, como xa anticiparan X. Chao ou Á. Arizaga. Para o noso autor,
Prisciliano foi un mito mobilizador nas orixes da cultura galega, e pode volver selo na Galiza actual (páx. 16). Esta á tese esencial defendida no ensaio, claramente anticipada nun adro, firmado pola nacionalista María Pilar García Negro, que ve no caso do
compatriota Prisciliano un antecedente claro do descabezamento das clases dirixentes do futuro Reino de Galicia (páx. 13). Na nosa opinión, aquí radica o paradoxo deste ensaio; por unha banda, na capa do volume defínese coma un
achegamento científico á figura de Prisciliano (a teoloxía era unha ciencia no CSIC nacionalcatólico, mais hoxendía?), pero despois a leitura do mesmo sitúaoo no xénero do panfleto, e non o suliñamos con carácter despectivo senón facendo honra á súa consideración de panfleto como documento político. Así pois, Prisciliano interesa aos
bos e xenerosos galegos (páx. 17), que devecen por amosar a súa orixe galega (páx. 32); Prisciliano
é un mito necesario na historia de Galiza e na cultura galega (páx. 104) e
non unha simple manipulación política (105); Prisciliano é
un mito mobilizador de cara a un cristianismo lexitimamente galego nunha Igrexa galega que sexa algo máis que unha Igrexa en Galiza (páxs. 108-9). Este lexítimo discurso reivindicativo eclosiona nas conclusións do ensaio nas que o autor reinvindica a Prisciliano como modelo para a acción das comunidades de base cristiás e galeguistas do estilo da histórica
Asociación Irimia.
O segundo punto que imos abordar na nosa recensión céntrase precisamente nesta tese sobre Prisciliano como mito necesario e símbolo do pobo. Nós cremos que o mártir de Tréveris foi e segue sendo un símbolo e obxecto de estudo para unha elite intelectual pero pouco ou nada lle di á sociedade galega. O doado será botarlle a culpa á loita da xerarquía contra a heterodoxia que guindou a Prisciliano ás cunetas da Historia, marxinalizándoo do discurso histórico.
No noso traballo de campo arqueolóxico por Galicia demos con Prisciliano da man de eruditos que podían formar parte dos retratos de Cunqueiro en
Xentes de aquí e acolá. Nas escavacións d’A Lanzada chegounos este verán un catalán dun tal Monroe Institute de U.S.A. para medir o sentimento telúrico da terra en paraxes de Galicia onde, segundo el, esas técnicas xa foran empregadas pola escola priscilianista. Doutra volta, en Cuntis, escavando no castro de Castrolandín, un erudito local empeñábase en convencernos da existencia dun grupúsculo priscilianista que levara o corpo do Mestre a un pequeno mosteiro, hoxe desaparecido, e que a ruta seguida polos devotos se podía reconstruír analisando os canzorros das igrexas románicas que hai dende Compostela até Cuntis. Tanto no Salnés como en Cuntis non demos nunca cun paisano ou paisana que nos falara de Prisciliano.
Con estas dúas anécdotas queremos sinalar que unha cousa é reivindicar apoloxetica e encomiasticamente a Prisciliano e outra confundir os desexos coa realidade e ver nese mártir un mito popular real que nada ten que ver coa suposta caricatura oficial que se fixo de el. Aquí é onde non lle acae ben a definición de achegamento
científico a esta obra. O autor, para defender esta idea populista de Prisciliano bota man dunha visión esencialista propia dos arqueólogos galeguistas (Bouza Brey, Cuevillas, Lorenzo, Taboada) que vían a presenza dun
sustratum céltico en todas as manifestacións da historia de Galicia e na evolución da sociedade labrega tradicional. Este continuismo co sustrato céltico explicaría o trunfo do priscilianismo no seu día na Gallaecia: [Prisciliano]
atopou resonancias na alma dos galegos, tocando resortes do subconsciente colectivo, pois conectaba con formas relixiosas sobreviventes dun estadio precristián e enraizadas no substrato antropolóxico galego, que perviviron no cristianismo (páx. 104). Loxicamente, discursos históricos deste tipo, que poderían firmar o Padre Schmidt ou Vicente Risco, están amplamente superados hoxendía. E malia que o autor asume as críticas cara a esta perspectiva de defensa do
sustrato celta prerromano (páx. 106) recunca afirmando que todo vale, que unha cousa é a realidade histórica e outra a memoria elaborada polo pobo.
Lamentablemente, o pobo galego non elaborou discurso algún sobre Prisciliano, quen si o fixeron foron eruditos representantes dunha elite intelectual como, paradoxalmente, amosa o autor ao longo do seu ensaio. Neste senso, é dificil demostrar que o Prisciliano simbólico estea
no imaxinario social, con todo o que isto supón, sobre todo de implicacións éticas e mobilizadoras de cara á acción (páx. 107). É unha mágoa que non se vexa por ningures –
alén do que poidan dicir os historiadores- a marca indeleble deixada na alma galega e no inconciente colectivo (páx. 300),
o peso antropolóxico do priscilianismo no pobo galego (páx. 303). Polo que semella, os galegos e galegas non saben que no fondo da súa alma son priscilianistas, pero este sentimento está agochado niso tan científico alcumado
inconsciente colectivo, no Volkgeist galaico. No ano 2010 pode ser que mesmo a Hipatia da película de Amenábar ocupe máis lugar no maxín de moitos galegos e galegos ca o propio Prisciliano. O que podemos facer é laiarnos, como fai o autor en repetidas ocasións, porque este personaxe aínda non goce hoxendía do libro, a novela e a película que lle fagan honra. En vez dese proxecto de película alcumado
Galaicus (sucedáneo da serie Hispania de Viriato contra Roma) habería que cambialo por unha superprodución priscilianista, seguindo o modelo de autoafirmación étnica dos anuncios dunha coñecida cadea de supermercados. Unha produción que consolide a Prisciliano como mito mobilizador dunha lexítima identidade galega, como quere o autor, ou como defendía Uxío Romero, cando afirmaba
que Prisciliano resplandece como nuestro Cebrero de Galleguidad, nun artigo titulado
Priscilián: historia e ficción. Historia ou ficción? Está na man dos leitores decidir con que Prisciliano se quedan, lendo este interesante libro de Victorino Pérez Prieto.