Xavier Castro invítanos a facer un paseo a través da historia do viño en Galicia descríbíndonos a realidade do país e os cambios aos que se viu sometido a medida que as xentes foron mellorando as súas condicións de vida. O viño tiña e segue a ter unha clara función social e este relato presenta con rigor unha faceta relevante da experiencia colectiva dos galegos.
3 / 5 / 2010
Gustavo Hervella. Santiago
A historia do viño en Galicia é un espello da historia do país. A evolución que experimenta a vide, o cultivo, a recolección e os traballos que se fan na bodega son bo exemplo das transformacións que a sociedade galega experimentou no último século. As diferenzas entre mundo rural e urbano, foron desaparecendo paseniñamente, eclosionando este feito nos anos sesenta. Nesta década é cando a marea de emigrantes marcha cara á Europa, enriquécense e volven con outra concepción do mundo e das relacións persoais. Isto é a historia das xentes de Galicia e é a historia cultural do viño e da súa relación co pobo. O libro de Xavier Castro, A rosa do viño, lévanos por este camiño, desde finais do século XIX, onde os “paisanos” entendían a súa relación co que lles rodeaba de xeito inmutable, até a actualidade, onde nada é perenne e as relacións co medio e coas persoas cambian velozmente.
Xavier Castro, co paseo que nos invita a facer a través da historia do viño pola Galicia do século XX —principalmente, pero non en exclusiva—, descríbenos a realidade do país e os cambios aos que se viu sometido a medida que as xentes foron mellorando as súas condicións de vida. Deixar de utilizar a cunca a favor do vaso, ou copa, de cristal, non beber pola xerra, apartar aos nenos do consumo, o cambio do viño tinto “o viño de verdade” polo branco e, máis recentemente, o cambio como símbolo galego do Ribeiro polo Albariño, non só son feitos relacionados co evoluir vinícola, senón tamén co cambio acontecido na sociedade galega co abandono das tradicións, ou do que supostamente eran costumes tradicionais: “Semella claro que o que se denomina tradición é produto dunha selección, con compoñentes ás veces arbitrarios. En certo modo, a tradición invéntase, como ten sinalado Hobsbawm” (p. 227). Mención especial require o cambio de paradigma na elección simbólica do “viño galego”. O Ribeiro é o referente na primeira metade do século XX, sendo substituído polo Albariño xa nos anos sesenta. Unha das razóns deste cambio está relacionada co feito de que as clases populares, que antes só bebían tinto porque era máis barato, agora, ao aumentar o seu poder adquisitivo mercan e producen branco. Este cambio no paradigma do viño, é aplicable a outras realidades da Galicia do momento, como teremos ocasión de comentar.
No primeiro terzo do século XX o viño, ao igual que outros moitos elementos, era considerado un símbolo do país por parte de escritores e etnólogos vencellados ao nacionalismo: Risco, Otero Pedrayo ou Cabanillas pregoaban as virtudes do viño galego —nomeadamente o tinto, o máis popular—. Pola contra, antes que eles, traballos sobre a cociña de Emilia Pardo Bazán ou Manuel María Puga y Parga "Picadillo” loaban os viños foráneos máis que os da terra; trátase, de novo, da historia do país. Para aqueles, galego non só era o produto, tamén como e onde se bebe, que comidas acompaña e como era a paisaxe que ao seu redor se constrúe. O mundo idílico labrego vaise esfarelando a medida que a “urbanidade” vai entrando nas aldeas. O que Risco e Otero Pedrayo criticaban nos seus ensaios sobre a realidade económica e sentimental do país, é aplicable ao viño. Certamente, como sinala Xabier Castro no estudo: “...a práctica da bebida popular carecía de normas escritas. O criterio era neste caso, a ausencia de criterio [...] Non eran dende logo tan hixiénicos e canónicos os xeitos populares de beber” (p. 82-83). As regras chegan á mesa e cambia o xeito de comer e beber. O que se aprecia neste feito é o triunfo do individualismo fronte ao comunitarismo; beber por vasos diferentes e se cada comensal se serve dunha botella diferente, “é un modo de expresar o all one, a plasmación do individuo como unha totalidade distinta dos outros” (p. 105). A modernidade no que ten de cambio de tradicións é rexeitada polos nacionalistas xa que leva implícita a destrución do comunitarismo que até ese intre campara entre os labregos. A regulamentación remata por apartar a tradición en todos os aspectos: deporte, política, arte... e tamén no que respecta ao viño e os costumes con el relacionados.
Función social do viño
O viño tiña e segue a ter unha clara función social, é un elemento polo que aínda hoxe a xente se xunta e, diante dunha copa, séguense a compartir experiencias e anécdotas. Xabier Castro sinala que poucas veces o viño se bebía —e se bebe— por sede. Hoxe en día, “ir de viños” segue a ser un ritual social, algo que se aprecia coa idade: canto máis anos teñen os bebedores máis se acostuma a ir de viños. Amais desta faceta, en tempos onde a fame era o común denominador do agro, tomar un viño constituía un bo remedio de calmar o estómago, tamén quentaba o corpo e, como non, co viño se facía fronte ás contrariedades da vida: “o recurso ao mosto é á borracheira era o calmante dispoñible contra a dor, o desexado esquecemento fronte ao pesar inscrito a lume na conciencia” (p. 117) ou “no tempo que antecede á invención da viagra, era o viño un dos escasos consolos da vellez” (p. 205). No que respecta ás relacións sociais máis persoais, o viño adquire importancia de seu, como nos indica o autor; ir mocear a unha aldea diferente á propia levaba parello un convite na taberna. Non estaba ben visto, naquela Galicia endogámica, que un mozo se casase cunha muller de fóra do seu entorno; outra vez o comunitarismo fronte ao individualismo. O mesmo acontecía na relación entre os nenos e o viño; a permisividade da inxesta alcohólica por parte dos menores estaba á orde do día, feito que foi cambiando cos anos.
Viño e política
Os actos políticos, até non hai moito anos eran pechados cunha “copa de vino español”. A alternativa foi a copa de viño galego. Para Castro, “...este era outro problema que se engadía ao da falla de conciencia, poderiamos dicir identitaria, en asuntos enolóxicos” (p. 159). Entre o galeguismo histórico houbo sempre unha defensa a ultranza do viño galego, o do pobo, o tinto. Otero Pedrayo, nunha das súas reflexións afirmaba: “Para nós o pan é o centeo, e o viño, o da cepa vella, de cepa torta, coma osatura dun patriarca” (p. 228). Non remata aquí a relación de viño e política; Xavier Castro da conta como antano os caciques mercaban ao labrego cunha comida e un viño e, agora, case un século despois, segue habendo partidos políticos onde seguen utilizando esta fórmula. A diferenza é que se ben a comezos de século a pobreza do campesiño facía isto máis comprensible, agora xa é mais complexo darlle unha explicación na lóxica electoral democrática.
Por último, é obrigado facer unha mención ás fontes que o autor utiliza para a elaboración deste traballo. Os documentos de época, tanto os de carácter lexislativo como os especializados —estudos hixienistas, biolóxicos e enolóxicos— son empregados sistematicamente; xunto a eles, as entrevistas a vellos adegueiros e consumidores de viño —especiais son as realizadas no Morrazo e Salnés, dúas comarcas ben coñecidos por Castro—. Pero destaca, sobre todo, o emprego da literatura: as obras de Cunqueiro, Otero Pedrayo, Cabanillas, Pardo Bazán, Valle Inclán ou Risco son analizadas para sacar delas as liñas argumentais do pensamento de cada autor e así poder establecer unha liña entre viño e cultura. Xavier Castro acostuma a utilizar a literatura para construír o relato histórico, conseguindo resultados excelentes, o que é de agradecer.