17/02/2020
O festival Olloboi leva o premio José Sellier da Academia Galega do Audiovisual
O festival de audiovisual escolar Olloboi, que celebra este ano a súa X edición, acaba de ser galardoado co Premio José Sellier. A Academia Galega do Audiovisual recoñeceu co seu galardón especial este proxecto "por utilizar o cinema como ferramenta transversal para a educación en valores, a promoción da cultura e o idioma galegos entre a xuventude e visibilizar un compromiso ambiental e social co entorno". Do mesmo xeito, a entidade destacou o labor da iniciativa á hora de "difundir o audiovisual galego entre a xuventude a través das creadoras e creadores e permitir que o talento dos nosos artistas faga canteira". A entrega dos premios desenvolverase este venres 21 de febreiro no Encontro de Finalistas dos XVIII Premios Mestre Mateo que se celebrará na Coruña..
Amplía a nova>>
10/02/2020
'Hierro' e 'Quien a hierro mata' acumulan candidaturas finalistas aos Mestre Mateo 2020
Os premios Mestre Mateo do Audiovisual galego organizados pola Academia Galega do Audiovisual xa teñen finalistas. A actriz Tamara Canosa e o presentador Rodrigo Vázquez (que o pasado ano levou o Mestre Mateo ao mellor comunicador e volve ser finalistas nesta ocasión) foron os encargados de ir dando a coñecer hoxe as candidaturas finalistas das 25 categorías a premiar. De acordo co modelo estipulado pola academia, ficción televisiva e cinematográfica entran a competir en igualdade na maioría dos premios resultando así que este ano a maior acumulación de postos finalistas vai de xeito case parello para a longametraxe
Quien a hierro mata(Vaca Films), con 15 e a serie televisiva
Hierro (Portocabo /Atlantique Productions) con 16 finalistas. Moi preto delas está a produción
O que arde (Miramemira, S.L., 4 A 4 Productions, Kowalski Films, S.L., Tarantula Luxembourg) con 12 posibilidades de engadir un Mestre Mateo ao seu xa longo palmarés. O director Jorge Coira optará por partida dobre ao premio á Mellor dirección polos seus traballos en
Hierro e
Eroski Paraíso (nesta última compartindo dirección con Xesús Ron) e terá ademais a Óliver Laxe (
O que arde) e Paco Plaza (
Quien a hierro mata) como competidores na categoría.
Eroski paraíso, a cinta baseada na obra de teatro do mesmo nome de Chévere, acada sete postos finalistas, mentres que
Longa noite de Eloy Enciso optya a dous galardóns..
Amplía a nova>>
07/02/2020
Falece a actriz Pilar Pereira
Os sectores da escena e do audiovisual galego choran este sete de febreiro o falecemento de Pilar Pereira. A actriz, nada en 1937, desenvolveu unha intensa carreira deste unha idade temperá, participando en multitude de montaxes teatrais así como en series televisivas, producións de cinema e traballos de locución e dobraxe. Nos seus máis de sesenta anos de traballo participou en montaxes teatrais de autores clásicos desde os anos cincuenta, a incluír a versión en galego de
Antígona estreada en 1958.
.
Amplía a nova>>
07/02/2020
Chega aos cinemas Arima
Logo de ser recoñecida en festivais cinematográficos como o de Sevilla, as salas galegas acollen hoxe a estrea a de
Arime. A directora Jaione Camborda, nada en Euskadi, asina a súa primeira longametraxe, rodada integramente en galego e con Melania Cruz, Nagore Arias, Rosa Puga Dávila, Iria Parada, Tito Asorey e Mabel Rivera como protagonistas. No filme nárrase a historia de catro mulleres e unha cativa "que se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles fuxe do outro, agochándose pola vila coma un ser fuxidío, fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida das mulleres. Todo isto moverase na fronteira entre o real e o imaxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio"..
Amplía a nova>>
05/02/2020
Falece o director de cinema José Luís Cuerda
O director de cinema José Luís Cuerda falecía este catro de febreiro en Madrid aos 72 anos de idade. Unanimemente recoñecido como un dos grandes nomes do cine español, e aínda que nado en Albacete, Cuerda desenvolveu unha intensa relación con Galicia. Esta viuse a nivel profesional ao dirixir no noso país adaptacións de obras como
El bosque animado de Wenceslao Fernández Florez, coa que obtivo un Goya, e mais
A lingua das bolboretas (Premio Ondas 1999) a partir de relatos de Manolo Rivas. O seu contacto co noso país comezou precisamente cunha curta baseada noutro texto deste autor,
Primer amor que rodou no ano 2000 no Carballiño, e mantívose coa súa participación en diferentes foros e eventos do sector..
Amplía a nova>>
04/02/2020
Alfonso Castaño asume a dirección do Festival Primavera do Cine
O Festival Primavera do Cine celebrará este mes de maio a súa sexta edición en Vigo con novo equipo á fronte dentro da empresa Reencanto Producións. Alfonso Castaño presentábase este 3 de febreiro como director do evento, en substitución de Juan de Castro, que dimitiu por "diferenzas insalvables" co equipo fundador. Do mesmo xeito que en anos anteriores, a nova xeira contará con tres categorías a concurso, curtametraxe, longametraxe e videoclip, e cunha sección específica dedicada á lusofonía e outra para animación. Ata o vindeiro 5 de marzo está aberto o prazo de presentación de filmes para o encontro, que se celebrará entre o 5 e o 14 de maio..
Amplía a nova>>
03/02/2020
Seis curtametraxes no catálogo 'Shorts from Galicia' que se presenta no Festival de Clermont-Ferrand
O Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se está a desenvolver arestora e ata o 8 de febreiro nesta localidade francesa, marca o inicio da difusión da nova edición do catálogo
Shorts from Galicia que, como cada ano, edita a Xunta co obxectivo de promover a recente produción galega no formato audiovisual da curtametraxe. Os seis títulos que lle dan forma á súa escolma de 2020 son
16 de decembro, de Álvaro Gago;
Irmandade, de Helena Girón e Samuel M. Delgado;
Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos;
Unidade veciñal, de Tono Mejuto e os traballos de animación
Brotar, de Montse Piñeiro e Rubén Abad,
Homomaquia, de David Fidalgo Omil. As seis curtametraxes foron elixidas por un grupo de traballo especializado tras unha convocatoria á que se presentaron unha trintena de traballos de realizadores galegos. Seguindo un criterio artístico, a través desta escolma búscase dar conta do bo momento creativo do noso audiovisual.
16 de decembro e
Unidade veciñal están gravadas en galego no idioma orixinal e preséntanse subtituladas ao inglés..
Amplía a nova>>
27/01/2020
O que arde volta para a casa con dous premios Goya
A trixésima cuarta edición dos Premios Goya, que celebrou a súa gala este 25 de xaneiro, acabou con dous galardóns para o cinema galego. O seu traballo en
O que arde, de Óliver Laxe, valeulle a Benedicta Sánchez facerse co galardón á actriz revelación, mentres Mauro Herce obtivo o de dirección de fotografía polo mesmo filme. Non se concretaron as outras dúas candidaturas para esta produción, as de mellor filme e mellor dirección, que foron para
Dolor y gloria de Pedro Almodóvar. Tampouco o galego Santi Prego conseguiu a estatua a mellor actor revelación, que lle foi outorgada a Enric Auquer polo seu traballo na produción galega
Quen a ferro mata..
Amplía a nova>>
23/01/2020
La Cinematográfica de Vigo crea o Museo Online de Cine Autobiográfico
A organización viguesa La Cinematográfica ven de impulsar a creación do MOCA - Museo Online de Cine Autobiográfico- un museo virtual en liña dedicado ao audiovisual autobiográfico ou en primeira persoa que presenta características únicas na súa proposta. Co apoio no patrocinio de Cafés Candelas, Pablo Gómez Sala e Xisela Franco ( dirección e dirección artística respectivamente) asistidos por un equipo para diversas tarefas, veñen de poñer na rede este espazo que se presenta como punto de encontro, de creación e investigación arredor de traballos de cine documental que parten da escritura autobiográfica e a exploración da memoria, as relacións coa familia, a procura da identidade individual e a indagación no arquivo familiar. O MOCA conta con 4 patas fundamentais: as exposicións, organizadas en mostras anuais, a colección propia de cine doméstico, dúas becas anuais de produción de obra cinematográfica autobiográfica, e a organización dunhas xornadas nas que reflexionar sobre este fenómeno artístico.
.
Amplía a nova>>
21/01/2020
Lois Patiño estreará 'Lúa vermella' no Forum da 70 Berlinale
No marco da 70ª edición da Berlinale o cineasta vigués Loís Patriño (Vigo, 1983) fará a estrea mundial do seu segundo filme
Lúa vermella( Zeiyum Films, 2019). A película será proxectada dentro da sección Forum do Festival Internacional de Cinema de Berlín que terá comezo o 20 de febreiro, un apartado independente do evento con comisariado externo e no que se presentan producións con perspectivas non convencionais da arte cinematográfica que abran novos camiños ao xeito de relatar audiovisual. O Forum, que este ano alcanza a súa 50ª edición baixo o lema "Galopando entre eras diferentes"., contará con 35 cintas, das que 28 son estreas mundiais. Lois Patiño volve en
Lúa vermella a escribir e dirixir unha historia situada nunha localidade costeira, como xa fixera con
Costa da Morte (2013) a súa primeira longametraxe pola que obtivera o premio no festival internacional de Locarno á mellor dirección emerxente. Nesta nova película Patiño usa do mundo dos mitos e lendas populares para contar unha fabulación sobre unha vila costeira na que os seus habitantes están paralizados coma suspendidos no tempo, tres mulleres chegan ao pobo e teñen que manexarse con esta situación. A historia está protagonizada por Ana Marra, Carmen Martínez e Pilar Rodlos.
Lúa vermella chegará o vindeiro 30 de abril ás salas de cine..
Amplía a nova>>