20/03/2020
O filme 'A Esmorga' poderá verse de balde en liña esta fin de semana
Co obxectivo de contribuír "a acadar a disposición de espírito para a afouteza", Vía Láctea Filmes, TVG e Editorial Galaxia, produtoras da longametraxe
A esmorga (2014), ofrecerán dende hoxe venres ás 20:00 horas, e ata o luns 23 ás 6:00 AM. o filme en aberto e de balde a través de Internet. A longametraxe
A Esmorga está baseada na novela homónima de Eduardo Blanco Amor. O filme foi dirixido por Ignacio Vilar e protagonizado por Karra Elejalde, Miguel de Lira, Antonio Durán 'Morris' e Sabela Arán. Ata seis Premios Mestre Mateo acadou a produción no ano 2015, entre eles o de mellor protagonista para Antonio Durán, o de Fotografía a Diego Romero Suárez-Llanos. E o de mellor música orixinal de Zeltia Montes. A película tamén levou na XXª edición do Festival Cinespaña de Toulouse (Francia) premios para Ignacio Vilar na mellor dirección, a mellor interpretación masculina
ex aequo a Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán 'Morris' e á Mellor Fotografía a Diego Romero Suárez-Llanos. A editorial porá a disposición hoxe unha url onde ver o filme..
Amplía a nova>>
17/03/2020
Dúas curtametraxes galegas gañan o certame Suroscopia
O certame audiovisual universitario Suroscopia, que convoca a Universidade de Córdoba, tivo nesta edición vencedoras do país. As estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo Cristina Yañez e Miguel Gómez Abad impuxéronse coas súas curtametraxes
Na memoria da túa esposa e
Ti tamén na categoría de obras de ficción e repartirán os 700 euros do primeiro premio.
Na memoria da túa esposa, curta baseada na historia da avoa de Yáñez xa fora galardoada co primeiro premio no concurso de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo e co segundo premio CurtasoPrima das Xociviga do Carballiño. Pola súa banda
Ti tamén, que se rodou contra o reloxo no marco da iniciativa
A fume de carozo formara parte da selección do Mumbai Shorts International Film Festival na India..
Amplía a nova>>
12/03/2020
As actividades culturais van en cascada cara ao peche total pola incidencia de contaxio do COVID-19
Ao longo do día e desde onte foi constante o goteo de anuncios e comunicados de aprazamentos e cancelacións de eventos culturais pola incidencia dos contaxos causados polo Coronavirus COVID-19. A pesares de non existir nese momento máis limitación que a dirixida a actos a porta pechada que reunisen a máis de 1.000 persoas o feito da declaración de pandemia global ditaminado dese a Organización Mundial da Saúde e o crecente clima de incertidume contribuíron a facer optar pola cancelación a moitos eventos. As reunións hoxe do Consello de Goberno galego estaba a ser agardada desde o sector para coñecer o alcance das medidas e a base xurídica que ampararía as accións a levar a a cabo. A comparecencia do Presidente da Xunta xa marcou as grandes liñas de decisións, que no caso do sector cultural inclúen para os seguintes 14 días os peches de arquivos, bibliotecas e museos xestionados pola Administración autonómica, ademais de colexios e centros de ensino e unha maior limitación para a celebración de eventos en espazos pechados, que xa estaban prohibidas nos aforos superiores a mil persoas e desde este venres tamén afecta a todos aqueles que superen as 50 persoas en recintos de titularidade pública ou privada, que terán que reducir nun terzo o número de xente que poden xuntar. No caso de actividades ao ar libre a afluencia máxima pode ser de 500 persoas. A medida implica todo tipo de actos como concertos, representacións teatrais, conferencias, actos de inauguración de exposicións, presentacións de libros e calquera outra actividade convocada..
Amplía a nova>>
11/03/2020
A epidemia de coronavirus comeza a afectar á axenda cultural
As medidas que as autoridades están a tomar para conter a expansión co coronavirus (Covid-19) no noso país comezan a lle afectar á axenda cultural galega. Deste xeito, a entrega do Premio Literario San Clemente, prevista para o vindeiro 31 de marzo, trasladarase ao vindeiro mes de outubro. Segundo explicou a organización neste 10 de marzo, a dificultade do xurado internacional para se desprazar a Compostela por mor das limitacións en voos internacionais impide que se poida contar cun ditame para a data prevista.
Actualización (16:10): O Carballo Interplay anunciaba na tarde deste 11 de marzo a suspensión temporal da súa vindeira edición, prevista para a primeira semana de abril. A Concellaría de Promoción Económica e Turismo de Carballo, responsable do evento, comunicou que a decisión se tomou "por responsabilidade" e para "evitar risco de contaxio". Segundo explica nun comunicado a organización "aínda que, polo momento, o COVID-19 parece contido en Galicia e as autoridades sanitarias non impiden expresamente manter o Interplay, a maior parte das actividades programadas implicaban a participación de persoas chegadas dende distintos puntos da península e as crecentes recomendacións de limitación da mobilidade da poboación que habita zonas de risco, para evitar a transmisión da enfermidade, levou a organización do Carballo Interplay a tomar esta difícil decisión"..
Amplía a nova>>
09/03/2020
A serie 'Auga Seca' estará no catálogo de HBO para España e Portugal
A serie,
Auga Seca, un drama policial de seis capítulos en torno ao mundo do tráfico de armas, rodado en Vigo e Lisboa, incorpórase ao catálogo de HBO España e HBO Portugal. Rodada orixinalmente en galego e en portugués, baixo a premisa do realismo e a naturalidade, que fai que as personaxes de cada un dos dous lados da fronteira falen na súa lingua,
Auga Seca, da produtora galega Portocabo en asociación coa portuguesa SP-i engade ao fito de ser a primeira serie luso-galega que se emite simultaneamente en cadeas públicas de ambos países ( RTP e TVG) o de ser a primeira en lingua galega que se incorpora ao catálogo da plataforma HBO, que tamén ofrecerá versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e en inglés, continuando así a presenza do audiovisual en galego nas plataformas dixitais como xa pasa desde xaneiro coa serie
O sabor das margaridas (CTV), presente en Netflix a nivel internacional. Logo da súa estrea mundial na última edición do MIPCOM de Cannes o pasado outubro e unha gran acollida da audiencia en RTP e TVG, a serie
Auga Seca, creada por Alfonso Blanco e protagonizada por Victoria Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, terá dispoñibles todos os seus episodios para os subscritores da plataforma nos dous países a partir do 1 de abril. Portocabo obtivo recentemente para Auga Seca unha das axudas da Unión Europea á produción televisiva mediante o programa Europa Creativa - MEDIA, que se suma á axuda recibida da Xunta de Galicia a través de AGADIC..
Amplía a nova>>
06/03/2020
As axudas á produción audiovisual medrarán un 25 por cento
Quiñentos mil euros máis, ata os 2,5 millóns, é o incremento que terá a convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego para 2020. O Consello da Xunta aprobaba onte as bases desta liña de axudas, que verá así un incremento do 25% nos seus fondos. A medra, segundo informa a Xunta "dedicarase integramente a novos proxectos de cinema e de televisión promovidos por produtoras galegas independentes".
.
Amplía a nova>>
03/03/2020
O cinema protagonizado por mulleres protagoniza a axenda cultural
A coincidir coa celebración do 8 de marzo, o Centro Galego de Artes da Imaxe e mais o Consello da Cultura Galega programan unha nova xeira do ciclo cinematográfico
Olladas de muller.
Os fillos da vide de Ana Domínguez abre este 3 de marzo na Filmoteca en Galicia (A Coruña) este programa, que amplía a súa duración a sete días e se prolongará ata o vindeiro día 10. A proposta inclúe proxeccións como as de
Esquece Monelos, de Ángeles Huerta,
Arima, de Jaione Camborda, ou a curtametraxe
As mulleres co mundo na cabeza, de Encarna ou unha sesión a lembrar a figura de Concepción Arenal co telefime
Concepción Arenal, la visitadora de cárceles da galega Zenit Comunicación. O ciclo abre tamén unha liña de traballo para atender producións francesas e portuguesas. Entre as primeiras recupéranse traballo do colectivo "Les Insoumuses" como son
Maso et Miso Vont en Bateau (1976),
S.C.U.M. Manifesto 1967 (1976) ou
Sois belle et tai-toi (1976). Da banda lusa, poderá verse
Colo, de Teresa Villaverde ou
Extinção de Salomé Lamas..
Amplía a nova>>
27/02/2020
A Academia do Audiovisual dá o seu Premio de Honra ao proxeccionista do CGAI
A Academia Galega do Audiovisual ven de facer pública a concesión do seu premio de honra anual, o Premio de Honra Fernando Rey, ao proxeccionista do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI ) José María Rodríguez Armada, "Chema". 2020. Desde a AGA salientan que Rodríguez Armada é unha figura fundamental na estrutura do CGAI, onde realiza labores de restauración, conservación e divulgación do noso patrimonio audiovisual. Con esta decisión a academia pon en valor ademáis a labor realizada por este centro público e o traballo dos técnicos do audiovisual que se fai fóra dos focos da produción. Chema Rodríguez recibirá o galardón na Gala dos Premios Mestre Mateo, o vindeiro 7 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña.
.
Amplía a nova>>
20/02/2020
A industria audiovisual galega busca no European Film Market de Berlín a súa proxección e desenvolvemento
Dezasete empresas produtoras e distribuidoras, ademais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Cluster Audiovisual Galego (Clag) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) conforman a delegación institucional e empresarial galega no European Film Market, que arranca mañá en Berlín en paralelo á 70ª edición do seu prestixioso festival internacional de cinema. As devanditas empresas chegan á cita berlinesa con cadansúa carteira de títulos tanto en proxecto como en fase de produción ou xa rematados. Moitos deles recóllense, ademais, na nova edición do catálogo promocional
Films from Galicia, que inicia aquí a súa distribución internacional. Esta publicación anual da Xunta dá conta do bo momento que está a vivir o noso audiovisual. Como en anos anteriores, as empresas galegas acreditadas contarán cun espazo propio para as súas xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón de
Cinema from Spain no recinto feiral do Martin-Gropius-Bau, desde onde se difunde tamén o catálogo galego..
Amplía a nova>>
18/02/2020
'O que arde' chega en marzo ás salas do Reino Unido
A multipremiada película
O que arde de Oliver Laxe fará o vindeiro mes de marzo o seu desembarco en Gran Bretaña apoiada coa presenza do director nalgúns dos pases de exhibición. O filme en galego orixinal e subtitulado ao inglés poderá verse en varios cines de seis cidades británicas a partires do 20 de marzo: Londres, Bristol, Newcastle, Glasgow, Sheffield e Manchester. Tres salas da área londiniense exhibirán a película, dous delas durante toda unha semana (ICA Cinema e Curzon Bloomsbury), o mesmo que as salas de Bristol e Sheffield. O director, como xa fixo en varias proxeccións en Galicia e noutros puntos da península, acudirá ao encontro co público nalgunha das proxeccións entre o 20 e o 27 de marzo. Durante o pasado ano, na súa exhibición por festivais a película galega xa participou en varios festivais no Reino Unido como o London Film Festival, Cambridge Film Festival, Leeds Film Festival e Cork Film Festival. A distribución internacional comercial da película en salas chega así a un segundo país estranxeiro tras da súa estrea e inicial distribución en Francia no pasado mes de setembro. .
Amplía a nova>>