Novas | 881 a 890 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

27/03/2020
Certames literarios e audiovisuais incentivan a creatividade desde o confinamento

O período de confinamento que está a vivir o país aparece como un momento especialmente axeitado para desenvolver a creatividade artística. A animar este proceso están a aparecer diferentes certames, xa habituais na axenda ou creados ex profeso, que chaman a achegar propostas literarias ou audiovisuais. . Amplía a nova>>

27/03/2020
O festival de Cans, o de Títeres de Redondela e o Play Doc súmanse á vaga de aprazamentos

A vaga de adiamentos e cancelacións por mor da COVID-19 está a afectar mesmo a eventos programados para despois da fin prevista para o confinamento domiciliario. Deste xeito, varias citas que se celebran de xeito habitual en maio anunciaban esta semana o seu traslado a novas datas. A organización do Festival de Cans adiantou que a súa décimo sétima edición transcorrerá entre os días 2 e 5 de setembro. "Aínda que inicialmente se pensou en agardar ata despois de Semana Santa para decidir o aprazamento, a organización tomou esta decisión de forma urxente ante a preocupante evolución da epidemia do coronavirus, crendo que nestes momentos era inviable e imprudente manter as datas previstas para finais de maio", sinalan no seu web.. Amplía a nova>>

25/03/2020
A Deputación da Coruña pon medidas para non dar por perdida a programación cultural

A área de Cultura da Deputación da Coruña ven de anunciar unha batería de medidas encamiñadas a paliar na medida do posíbel o efecto da crise do coronavirus no sector cultural. Na liña das peticións que se fan desde o sector de non dar por perdido o investimento previsto e buscar a reubicación ou aprazamento dos eventos culturais a Deputación busca garantir as contratacións artísticas a través de catro medidas coas que animar os concellos a manter a programación da Rede Cultural apoiada polo ente provincial. Ademais o deputado de Cultura, Xurxo Souto, dirixirase á Xunta para solicitar a redefinición do Xacobeo co fin de apoiar a cultura galega.. Amplía a nova>>

24/03/2020
A actriz Isabel Naveira premiada en Brasil pola curtametraxe 'Cafeina'

O xurado do VI Festival Internacional Brasil de Cinema Itinerante acordou outorgar á actriz Isabel Naveira (A Coruña, 1975) o premio a mellor interpretación feminina de reparto na sección competitiva de curtametraxes, polo seu traballo na produción . A curtametraxe rodada en galego tamén recibiu no mesmo certame celebrado en Limeira (Sao Paulao) o premio á Mellor Banda Sonora Orixinal polo traballo de Black Panda e Diego Amil coa música. Naveira, que ven de participar nun rol coprotagonista na recente serie Néboa (TVE, Voz Audiovisual) é tamén moi coñecida polo seu traballo en series como Fariña ou Vis a Vis e é unha fixa nas series de Voz Audiovisual desde Mareas vivas. Cafeína estreouse en outubro do pasado ano 2019, dirixida por Sara C. Lorenzo e Julio López.. Amplía a nova>>

24/03/2020
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico estrea sección en liña

Logo de ter que adiar a súa 15 edición por mor a alarma sanitaria que vive o país, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que organiza o Museo do Pobo Galego presenta unha sección en liña a coincidir coas datas de celebración previstas. Segundo explica a coordinación do evento "na nosa canle de VIMEO iremos subindo cada dous días algunhas das películas que pasaron por edicións anteriores da #MICEmpg para que as poidades ver dende as vosas casas. Hoxe martes tedes as dúas primeiras, estarán públicas ata este xoves 26 de marzo". Grab and run de Roser corella e Hora silenciosa de Noelia María María Muíño abren esta sección. Segundo lembra a coordinación do evento, esta iniciativa "non exclúe a celebración da mostra prevista para a segunda quincena de setembro deste ano".. Amplía a nova>>

24/03/2020
CREA publica no seu web 150 pezas de audiovisual galego

Un total de 150 producións audiovisuais en libre acceso na rede. Esta é a proposta que acaba de facer a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) co lema Audiovisual galego para unha corentena. O proxecto recolle traballos das socias e socios da entidade, entre eles vinte que chegan por vez primeira a través de Internet. Dentro destas lístanse longametraxes como O segredo da Frouxeira, A pegada dos avós, Mar de terra, O equilibrio dos opostos, Contraces, 7 limbos ou La felicidad de los perros.. Amplía a nova>>

23/03/2020
A TVG estrea esta noite Eroski Paraíso

A Televisión de Galicia estrea esta noite do luns ás 22.30 horas, na súa primeira canle, a longa Eroski Paraíso, unha "comedia documental" dirixida por Jorge Coira que versiona a obra teatral de éxito producida por Chévere. A obra conta historias reais acontecidas na discoteca muradá Paraíso nos anos 80, e que actualmente é un supermercado Eroski. A obra é un retrato das transformacións sociais da Galicia dos anos 80 e 90, así como un retrato do paso do tempo. No argumento, Álex, unah nova cineasta, quere facer un documental sobre a historia dos seus país divorciados. Con este filme, Miguel de Lira e Patricia Lorenzo gañaron os Mestre mateos a actor e actriz protagonista. . Amplía a nova>>

23/03/2020
A Consellaría de Cultura publicita contidos na rede para o confinamento

A seguir a liña iniciada por diferentes empresas, profesionais do sector ou entidades de base, a Consellaría de Cultura sumouse este 21 de marzo á proposta de achegar contidos para consumo na casa durante o período de confinamento. A promover o cancelo #aculturasegue, a entidade lembra toda unha serie de recursos que xa estaban dispoñibles nos webs de diferentes organismos que dependen desta entidade. Así, os recursos en préstamo da plataforma GaliciaLe, os filmes históricos publicados no web do CGAI, os percorridos virtuais por diferentes museos do país ou as mostras e publicacións dos arquivos do país preséntanse como opcións para o ocio doméstico. Do mesmo xeito, lémbranse os recursos existentes no web de Turismo de Galicia para coñecer o noso patrimonio ou no Portal da Lingua Galega, entre outros espazos na rede. . Amplía a nova>>

23/03/2020
Novos comunicados do sector alertan do impacto na cultura do Estado de Alarma

Continúan as reflexións desde diferentes ámbitos do sector cultural a alertar do impacto que a actual situación de parálise e de confinamento social vai ter sobre as empresas e traballadores deste ámbito. Nos últimos días, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación emitiu un comunicado no que apuntan que este é "un colectivo que vai sufrir de xeito moi forte o impacto económico, dado que a cancelación de encontros internacionais pode durar ben máis que a situación de alerta e emerxencia na que estamos inmersas, sobre todo tendo en conta que as cancelacións de eventos xa se iniciaron antes de o goberno decretar medidas concretas e que van afectando de xeito paulatino cada vez a máis países". A isto engaden a cuestión de que "a maioría de profesionais da interpretación no noso país traballan como autónomas e están nestes momentos en situación de ingresos cero sen unha fin á vista". . Amplía a nova>>

20/03/2020
Eventos culturais dos vindeiros meses buscan evitar a cancelación preparando datas posteriores

A onda expansiva do Estado de Alarma decretado está a afectar a numerosas citas culturais que tiñan prevista a súa realización posteriormente á finalización dos 14 días do actual decreto de illamento social, e mesmo dentro do marco temporal de outros posibles 14 días a seguir, que xa se está a contemplar como posible. Pero as decisións non sempre son de cancelación, en liña co que se está a pedir a nivel estatal usando o cancelo #ACulturanonsesuspendeprorrógase que fai un chamamento a promotores e organizadores de actividades culturais tanto públicos coma privados de non dar por perdidas esas iniciativas e buscar un futuro para elas. Como soubemos nas derradeiras horas o Festival de Cans deu a coñecer que á organización do evento audiovisual segue traballando co horizonte posto nas datas previstas inicialmente para a celebración do evento, do 19 ao 23 de maio, malia que non se descarta un posible aprazamento. O festival de Curtametraxes recibiu este ano 251 obras para as súas seccións competitivas. Desde o comunicado da organización asegúrase que é a súa prioridade actuar con prudencia e garantir que a protección da saúde prevaleza como criterio irrenunciable á hora de tomar calquera decisión. Porén seguir adiante coas datas previstas é unha excepción e son moitos outros os que optaron por ese adiamento no eido dos encontros audiovisuais coma Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), de Santiago de Compostela, o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay e o Play-Doc de Tui. Do mesmo xeito as entidades organizadoras da Gala do Libro Galego 2020, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Federación de Librarías de Galicia (FLG) e Asociación Galega de Editoras (AGE), acordaron adiar o evento que se ía celebrar o 9 de maio, en principio ata o outono deste ano. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org