O festival de Cans, o de Títeres de Redondela e o Play Doc súmanse á vaga de aprazamentos

Setembro aparece como o mes máis probable para estas citas

A vaga de adiamentos e cancelacións por mor da COVID-19 está a afectar mesmo a eventos programados para despois da fin prevista para o confinamento domiciliario. Deste xeito, varias citas que se celebran de xeito habitual en maio anunciaban esta semana o seu traslado a novas datas. A organización do Festival de Cans adiantou que a súa décimo sétima edición transcorrerá entre os días 2 e 5 de setembro. "Aínda que inicialmente se pensou en agardar ata despois de Semana Santa para decidir o aprazamento, a organización tomou esta decisión de forma urxente ante a preocupante evolución da epidemia do coronavirus, crendo que nestes momentos era inviable e imprudente manter as datas previstas para finais de maio", sinalan no seu web.

De xeito similar, a Asociación Xente Titiriteira, responsable do Festival Internacional de Títeres de Redondela, adiou para a semana do 1 ao 6 de setembro a vixésimo primeira xeira deste evento. Segundo adiantan, "Cando xa tiñamos a programación de maio a piques de ser lanzada e cos contratos das compañías asinados, reservas hoteleiras, billetes… sorprendeunos este triste episodio de crise sanitaria" que os levou a trasladar a celebración.

Tamén setembro aparece como mes máis probable para a celebración do décimo sexto Play Doc. A organización do festival de documentais de Tui, previsto para se desenvolver entre o 29 de abril e o 3 de maio anunciou tamén o seu traslado por mor da actual crise sanitaria.

Mesmo a Semana Galega de Filosofía, que anunciara inicialmente o mantemento da súa celebración entre os días 13 e 17 de abril, acordou finalmente trasladar a súa celebración cara ao mes de setembro.