Novas | 781 a 790 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

01/10/2020
A sala Numax recibe o premio Xela Arias polo seu apoio ao galego

O traballo da sala compostelá de cinema Numax a prol da lingua galega no audiovisual valeulle facerse co III Premio Xela Arias. A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación acordou outorgalle o seu premio anual a esta iniciativa a valorar que na súa programación "inclúense filmes en versión orixinal con subtítulos en galego que a propia empresa encomenda a profesionais da tradución". A Asociación destaca a importancia deste traballo "dada a falta de apoio por parte das institucións públicas á tradución cara ao galego de produtos cinematográficos noutros idiomas (tan necesarios para a normalización da nosa lingua) e a imposibilidade do público para asistir a filmes dobrados ou subtitulados en galego". Ademais, segundo destaca, "NUMAX respecta as profesionais dando visibilidade ás tradutoras e tradutores e facendo que o seu nome figure sempre nos créditos dos filmes".. Amplía a nova>>

30/09/2020
Amplíase o corpus de investigación audiovisual cos ensaios galardoados nos Premios María Luz Morales

A Academia Galega do Audiovisual entregou onte os premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, comunicando o fallo do xurado nun acto con xeito de gala no salón de actos da Deputación de Pontevedra, incluíndo unha actuación musical e co humorista David Amor como condutor do acto no que tamén participaron represetnantes das deputacións de Pontevedra, Lugo e Coruña así coma Ana Míguez, Presidenta da Academia Galega do Audiovisual . Alba Gallego, Ester García Mera, Iván Villarmea e José Manuel López son os gañadores da cuarta edición dos premios de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición seguiu medrando a participación respecto das edicións anteriores. Os catro traballos galardoados este ano súmanse aos dezanove traballos recoñecidos, incluíndo gañadores e áccesits, nas anteriores edicións, conformando un corpus de investigación en galego sobre o audiovisual moi valorado pola comunidade investigadora. Todos os traballos gañadores están xa dispoñibles na rede e na web da Academia Galega do Audiovisual.. Amplía a nova>>

25/09/2020
Recuperan a cor do documental Pontevedra, cuna de Colón

O 2 de maio de 1927 estreouse en Pontevedra o documental Pontevedra, cuna de Colón co que Enrique Barreiro seguía as famosas teses de Celso García de La Riega, que aínda contan con seguidores a día de hoxe, reivindicando a orixe galega de Colón. Pero o acontecemento foi excepcional por un motivo: foi a primeira película rodada en cor en España. O fotógrafo e cineasta Enrique Barreiro desenvolvera dous anos antes un método experimental para a filmación en cor, o Cromacolor, que empregou para este filme. Agora, a Filmoteca Nacional rematou o laborioso proceso de restauración cromática que permitirá ver o filme de novo coa súa cor orixinal. Para iso, os técnicos da Filmoteca Nacional tiveron que investigar a tecnoloxía e a óptica existentes na época e restituir a cor a 20.000 dos 30.000 fotogramas que forman o filme. O documental a cor poderase ver no Cine Doré (Madrid) o 1 de outubro, así como na canle de Vimeo da Filmoteca Española. O 27 de outubro proxectarase no CGAI. . Amplía a nova>>

25/09/2020
Quiosco: Cadernos FICBueu 1

Cun monográfico sobre as curtametraxes do movemento frances da Nouvelle Vague o Festival Internacional de Cinema e Bueu (FICBueu) estrea a súa propia publicación. Cadernos FICBueu nace coa intención de dar a coñecer ao público as investigacións que se realizan para a propia documentación do evento. Nesta primeira entrega, co título de A Nouvelle Vague a través das súas curtametraxes (1956-1965) achégase o traballo que realizou Severiano Casalderrey sobre esta cuestión para a Sección Retrospectiva da edición 2019 do evento. Co texto quéreselles dar "protagonismo a obras de difícil acceso para o público pero con grande valor histórico no desenvolvemento do cinema e do formato curtametraxe", segundo explica a presentación da obra. . Amplía a nova>>

24/09/2020
Curtocirtuíto reforza a súa aposta galega na nova edición

O Concello de Santiago acollía na mañá deste 24 de setembro a presentación do décimo sétimo Curtocircuíto. O festival audiovisual incrementa a súa aposta polo cinema galego nunha edición na que tamén colle peso a programación en liña. Malia a contar cun programa reducido, o evento mantén as seccións Planeta GZ, dedicada a cineastas do país e mais Supernova, orientada a novos talentos do audiovisual. Como novidade, XX_Novas Creadoras quere explorar o traballo que toda unha xeración de mulleres novas está a desenvolver neste campo no noso país. . Amplía a nova>>

23/09/2020
Noventa filmes danse cita no 25 aniversario do OUFF

Entre o 25 de setembro e o 3 de outubro Ourense acollerá preto de 90 proxeccións dos filmes que fan parte do vixésimo quinto Festival Internacional de Cinema de Ourense. O OUFF presentaba esta 22 de setembro o seu programa, que transcorrerá entre o Teatro Principal, o Auditorio, as salas do Pontevella e o Cineclube Padre Feijóo”. O programa botará a andar con sabor ourensán ao estrear o filme Olvido y León de Xavier Bermúdez. A clausura tamén terá protagonismo ourensán coa estrea de Luarada, de Óscar Doviso, que estará acompañada pola curtametraxe Non me espera ninguén con Isabel Blanco e Antonio Durán Morris.. Amplía a nova>>

21/09/2020
O FICBueu dálle a súa Ánfora de Ouro a Fleur de pavot

A coprodución franco-chinesa Fleur de pavot facíase na noite deste sábado 19 de setembro coa Ánfora de Ouro que a proclama gañadora do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. O galardón, dotado con 2.000 euros, sumouse ao premio á mellor fotografía que obtivo a mesma produción. A francesa Olla, pola súa banda, levou a Ánfora de Prata cos correspondentes 1.000 euros. O Premio R á mellor curtametraxe galega recaeu sobre Carne, de Camila Kater mentres Ca nostra, de Laia Foguet obtivo o Premio Fundación Novas á mellor curtametraxe española. A Mellor curtametraxe experimental foi para Genius loci, do francés Adrien Merigeau e o Premio CREA á mellor dirección levouno o lituano Laurynas Bareiša por Atkūrimas.. Amplía a nova>>

17/09/2020
O Festival de Cans e o Play-Doc presentan a súa programación en liña

Por vez primeira, o Festival de Cans abre unha versión en liña que permite ao público acceder a todas as curtas da sección oficial do evento. A un prezo de dous euros por cada bloque de filmes as persoas interesadas poderán ver na propia web do festival as 13 obras, 9 da categoría de ficción e 4 na de animación, que participaron no evento.. Amplía a nova>>

14/09/2020
O Primavera do Cine leva a Vigo 23 curtas e 11 longametraxes

Atrasado por mor da pandemia, cun programa paralelo reducido e con estritas medidas de seguridade sanitaria, o Festival Primavera do Cine de Vigo abre as súas portas este 15 de setembro. O Auditorio Municipal olívico e mais o MARCO acollerán as proxeccións das 23 curtametraxes e 11 longas que fan parte do programa. Na sección de longametraxes galegas o programa achega filmes que están a obter importantes recoñecementos como As mortes, de Cristóbal Arteaga; De barrio, de Xurxo Chirro; Estado de malestar, de María Ruido; Eroski Paraíso, de Jorge Coira e Xesús Ron, e Manoliño Nguema, de Antonio Grunfeld. En canto a longas portuguesas, entran a competición A febre, de Maya Da-Rin; Bostofrio, de Paulo Carneiro; Pacificado, de Paxton Winters, e Fakir, de Helena Ignez, conforman a Sección Oficial de Longas Lusófonas. . Amplía a nova>>

11/09/2020
O Festival Internacional de Curtas de Verín recoñece a Luís Zahera

Un coloquio no Auditorio Municipal de Verín será o acto de homenaxe que o Festival Internacional de Curtas de Verín Vía XIV lle rende ao actor Luís Zahera. O evento, que continúa o seu programa ata este domingo 13 de setembro, está a proxectar un total de 39 curtas dunha vintena de nacionalidades nas súas catro categorías habituais (Horizontes, A Raia, Nova e Outra Mirada). Para alén doutros protocolocos contra a Covid, o evento retransmite en streaming os actos incluídos na súa programación paralela. Entre as producións que se poden ver no evento están as estreas dos documentais Entroidar, sobre esta celebración tradicional, e mais Hijas de Galicia, Macorinas, que aborda a prostitución entre as emigrantes galegas a Cuba.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org