10/09/2020
O FIC Bueu inicia este 11 de setembro a súa programación adaptada
Programar o duplo de sesións para cada sección, non contar con cineastas internacionais, reducir capacidade ou prescindir das visitas escolares son algunhas das medidas coas que comeza este 11 de setembro a décima terceira edición do FIC Bueu. O festival de curtametraxes desenvolverase ata o vindeiro día 19 a incluír a nova sección Escolas Internacionais, un apartado dedicado á comedia e un especial protagonismo do cinema galego, cunha charla sobre o filme
Ons e un encontro coa actriz Melania Cruz, galardoada nesta xeira.
.
Amplía a nova>>
09/09/2020
O Festival de Cans pon a andar a súa programación expandida
Este 9 de setembro comeza Cans Expandido, o novo formato co que o festival audiovisual do Porriño achega a todo o país as curtas que participaron nas súas seccións de ficción e animación. Un total de nove salas, oito cineclubes e mais o Centro Galego de Artes de Imaxe, acollen ata o vindeiro día 13 as proxeccións deste programa, co que a organización do evento pretende "incrementar a visibilidade das curtametraxes, ante a redución de aforo que tivo que aplicar o festival para adaptarse á normativa Covid". .
Amplía a nova>>
07/09/2020
'Xoves de comadres' de Noemí Chantada gaña catro dos principais galardóns do Festival de Cans
O Festival de Cans entregou na súa gala final os galardóns correspondentes á súa 17ª edición. Coa entrega dos premios remataba a edición do certame na que máis películas se estrearon: un total de 15. Competían 25 longametraxes e 15 videoclips. A situación sanitaria fixo que esta fose a edición máis singular do Festival, nela ademais se fixeron cumpridas homenaxes ao desaparecido realizador Chano Piñeiro e ao director Oliver Laxe, descubirndo unha estrela co seu nome no Torreiro. No relativo ao palmarés que deixa este ano o festival, a curtametraxe
Xoves de comadres, da realizadora viguesa Noemí Chantada, foi a triunfadora desta XVIIª edición ao facerse con catro dos principais premios. O xurado outorgoulle oa galardóns á Mellor Curtametraxe e Mellor Guión. Ademais, obtivo as distincións que outorgan o Público e o Xurado dos Veciños e Veciñas. O xurado destacou de
Xoves de Comadres "a visión naturalista" e a sensibilidade amosada "á hora de crear un espazo de intimidade e verdade sobre a soidade e abandono da terceira idade cunha mirada crítica e profundamente humana". Salientou, ademais, "o delicado traballo conseguido entre a directora e as súas actrices de lograda emoción". Por este mesmo traballo Noemí Chantada ven de obter no Festival de Málaga a Mención especial do Xurado, a Biznaga de Prata e o Premio do Público. A realizadora traballa dende hai quince anos coma directora de fotografía e cámara. En 2016 fundou a produtora Islandia Producciones. Na décimo quinta edición do Festival de Cans, a de 2018, Noemí Chantada xa obtivera unha mención especial do xurado pola cinta
A Muller Invisible..
Amplía a nova>>
04/09/2020
'Manoliño Ngema', Hierro e Homomaquia premiadas no festival de cine e tv de León
O palmarés do finalizado sétimo Festival de Cine e Televisión Reino de León representa un “suma e segue” para a colleita recente da produción audiovisual galega. Tres importantes premios para outras tantas producións que ademais van acumulando cada unha delas numerosos recoñecementos nas súas propias contas. Así a serie
Hierro de Pepe Coira e Jorge Coira para Portocabo foi merecedora do Premio de Televisión a Mellor Serie de Ficción acumulando outro recoñecmeento á súa xa longa lista que inbclúe catro galardóns nos Mestre Mateo deste ano. Pola súa banda
Homomaquia, de David Fidalgo producida por Abano Producións e El Gato Verde acada neste certame o Premio á Mellor Curtametraxe de Animación na sección oficial de Cine poñendo un colofón a unha semana que comezou recibindo no Festivald e Málaga a Biznaga de Prata Premio do Público dentro da sección Animazine. O filme de David Fidalgo recibiu o mesmo premio á mellor curtametraxe de animación na pasada edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego. A circunstancia repetíase co obra
Manoliño Nguema de Antonio Grunfeld, producida por Filmika Galaika, Waka Films e AGARESO, que sae deste certame co premio a Mellor Documental na Sección Oficial de Cine, premio que conseguira tamén nos Mestre Mateo 2020..
Amplía a nova>>
03/09/2020
Os protocolos da rodaxe de Dani de la Torre axudan a descubrir un gromo en Pantón
Os exhaustivos e severos protocolos de seguridade sanitaria cos que se está a desenvolver a produción audiovisual veñen de prestar un servizo importante á comunidade, axudando a descubrir e controlar un gromo de COVID-19 no concello de Pantón (Lugo) . Tal e como relata o xornal El Progreso os feitos aconteceron durante a rodaxe que o cineasta Dani de la Torre está a facer nesa zona e na súa localidade de orixe, Monforte, da súa nova longametraxe
Live is Life. Durante a fase de selección de figurantes para algunhas das escenas fixéronse probas sanitarias PCR semanais que a produción fai a todos os que ían participar da gravación e aí descubríronse dous positivos en COVID-19 en dous menores. A comunicación destes resultados fixo posible para o sistema sanitario público localizar outros cinco contaxiados na zona, todos menores de 20 anos cuxo orixe común parece ser unha festa privada de aniversario o 26 de agosto. Os procedementos levados a cabo desde a produtora impediron que ninguén do equipo de rodaxe estivese en contacto con estes contaxiados polo cal as gravacións seguiron adiante. Dani de la Torre está a rodar en localizacións das provincias de Lugo e Ourense a súa nova película
Live is life (Atresmedia Cine, 4 Cats Pictures e Live is Life AIE), baseada nun guión do escritor Albert Espinosa. A súa estrea está prevista para 2021..
Amplía a nova>>
02/09/2020
A curtametraxe 'Escarnio e Maldicir' entra na sección oficial do ‘London Fashion Film Festival
Segundo recolle o Xornal da USC a curtametraxe sobre moda galega
Escarnio e Maldicir, dirixida polo valdeorrés Aitor Ramos Soto, foi seleccionada para participar na sección oficial do ‘London Fashion Film Festival’, un dos certames de curtas de moda máis importantes do mundo. Esta peza audiovisual realizada como traballo de fin de grao en Comunicación Audiovisual da USC, pode optar a ser unha das tres finalistas e gañar na categoría a mellor fashion film feito por un estudante. O 'fashion film' é unha pequena curta de moda que transmite a inspiración e as sensacións da pequena colección cápsula da deseñadora Olaya de los Palos. "A colección foi confeccionada por Olaya para unha das materias do Grao de Deseño da Escola de Arte Mestre Mateo e está inspirada principalmente no traxe tradicional galego", explica o director da curta no xornal universitario.
Escarnio e Maldicir tamén foi candidata a mellor curta de imaxe real na pasada edición dos premios Mestre Mateo, seleccionada no festival de Curtas Armadiña, e estivo presente no certame audiovisual Xuventude Crea..
Amplía a nova>>
01/09/2020
Titorías para promover a presenza de mulleres guionistas no audiovisual galego
Na procura dun sistema audiovisual máis diverso e plural a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), en colaboración coa Fundación SGAE ven de abrir o prazo de solicitudes para participar nas Titorías AGAG para mulleres guionistas. Esta iniciativa que se desenvolvera en liña durante seis meses nace cos obxectivos de: promover a presencia de mulleres guionistas no audiovisual galego, apostar polo novo talento feminino no eido do guión, asesorar e dar a coñecer os proxectos das creadoras galegas, de calquera idade, con e sen experiencia profesional. AGAG seleccionará un total de 6 autoras: 2 na categoría de longametraxe, 2 na categoría de serie e 2 na categoría de programa de televisión. As titorías consistirán nunha reunión mensual (ata un total de 6) para acompañar o proceso de escritura dos proxectos seleccionados e aconsellar ás súas autoras desde un punto de vista profesional. Os titores e titoras desta edición serán anunciados nas vindeiras semanas. Poderán participar todas as mulleres maiores de idade, de nacionalidade española ou residencia en España, cun proxecto orixinal en galego, de temática libre, para longametraxe, serie, ou programa de televisión. .
Amplía a nova>>
31/08/2020
Cinco galardóns para o cine galego no Festival de Málaga
O audiovisual galego ven de saír con cinco galardóns na 23ª edición do Festival de Málaga, un gran éxito do que hoxe se fixo eco a Acadamia Galgo do Audiovisual como unha reivindicación do bo traballo que se fai no país.. Dentro da sección Largometrajes Zonazine a película
Lúa vermella de Lois Patiño e producida por Zeitun Films, fíxose coa Biznaga de Prata á Mellor Película Española. A longamentraxe verá a estrea galega dentro do vindeiro festival Curtocircuíto en Santiago. Dous recoñecementos acadou a curtametraxe
Xoves de comadres de Noemi Chantada, producida por Islandia Producciones, que obtivo a Mención Especial do Xurado e a Biznaga de Prata Premio do Público na Sección Oficial de Curtametraxes. Entre as curtametraxes documentais tamén hai outra obra do audiovisual galego grazas á participación de Abano Producións no filme
Carne da directora brasileira Camila Kater. Patricia Pérez e Heidi Hassan comparten a Biznaga de Prata á Mellor Dirección de Documentais por
A media voz, en cuxa produción participa a galega Matriuska producciones. O palmarés galego desta edición finalizada do festival de Málaga a completa o filme de animación
Homomaquia de David Fidalgo Omil, producida por Abano Producións e El Gato Verde, que foi distinguida coa Biznaga de Prata Premio do Público dentro da sección Animazine.
.
Amplía a nova>>
31/08/2020
Morre o historiador José Antonio Durán
Co falecemento o pasado sábado, 29 de agosto de José Antonio Durán en Madrid, a cultura galega perdeu un valioso divulgador e investigador da súa Historia. Durán , nado en Requejo de Sanabria (Zamora) en 1941, de ascendencia rianxeira por parte de nai, creceu en Pontevedra onde desenvolveu a súa actividade cultural de múltiples xeitos como escritor e investigador, conferenciante, bibliófilo, comisario de grandes exposicións, editor e documentalista. Ao seu Taller de de Ediciones, con sede na vila, débense moitas achegas investigadoras tanto en formato de libro coma audiovisual sobre senlleiras figuras da nosa cultura case todas vencelladas aos movementos políticos, sociais e culturais de finais do século XIX e principios do XX, coma Castelao, Eladio Rodríguez, Alfredo Vicenti, Fernández-Osorio Tafall, Santiago Casares Quiroga, Portela Valladares, Manuel Murguía, Cesáreo González, ou Manuel Antonio e outros. A investigación sobre Castelao foi unha das liñas que Durán traballou publicando xa en 1972 o libro
El primer Castelao: biografía y antología rotas ( Editorial Siglo XXI) ao que seguiron numeroso traballos xa escritos, xa audiovisuais. A súa serie documental sobre figuras clave da Historia,
Historias con data, de máis de cincuenta entregas, foi emitida a través da Televisión de Galicia e da Canle Internacional de TVE. A súa atención sobre a historia social e o enfoque sociolóxico levouno a ser un destacado investigador tanto sobre o liberalismo coma sobre o movemento agrario galego sobre os que ten escrito e publicado numerosa obra que xa é de referencia. .
Amplía a nova>>
31/08/2020
Un documental ruso sobre o desmoche dos cervos leva o premio da 15ª MICE
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego chegou o pasado sábado ao seu fin repartindo os galardóns correspondentes á esta 15ª edición. O documental
The season when velvet antlers get ripe[A tempada do desmoche] da realizadora rusa Galina Leontieva acadou o premio á Mellor Película Etnográfica segundo o xurado pola "capacidade de inmersión que transmite a película a partir dun traballo cinematográfico coidado e suxerinte. Pola representación brillante dun contexto que xera unha reflexión que parte da produción do veludo de cervo para desvelar as súas relacións globais". O filme
Hamada de Eloy Domínguez que describe a realidade dos campos de refuxiados saharauís foi a elixida para recibir o premio á Mellor Película Galega desta edición da MICE. O xurado destacou dela "a mirada cinematográfica coa que realiza un retrato empático e profundo" sobre a vida dunha xeración de mozos nestes campamentos. Pola súa banda o público da 15ª MICE outorgou o seu premio á obra
Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo, unha curta que nos fai viaxar pola tradición oral do rural galego da man de Carmen, que nos conta historias que tratan sobre a súa cultura e a súa sociedade infestadas de costume, folclore e supersticións..
Amplía a nova>>