Segundo recolle o Xornal da USC a curtametraxe sobre moda galega Escarnio e Maldicir, dirixida polo valdeorrés Aitor Ramos Soto, foi seleccionada para participar na sección oficial do ‘London Fashion Film Festival’, un dos certames de curtas de moda máis importantes do mundo. Esta peza audiovisual realizada como traballo de fin de grao en Comunicación Audiovisual da USC, pode optar a ser unha das tres finalistas e gañar na categoría a mellor fashion film feito por un estudante. O 'fashion film' é unha pequena curta de moda que transmite a inspiración e as sensacións da pequena colección cápsula da deseñadora Olaya de los Palos. "A colección foi confeccionada por Olaya para unha das materias do Grao de Deseño da Escola de Arte Mestre Mateo e está inspirada principalmente no traxe tradicional galego", explica o director da curta no xornal universitario. Escarnio e Maldicir tamén foi candidata a mellor curta de imaxe real na pasada edición dos premios Mestre Mateo, seleccionada no festival de Curtas Armadiña, e estivo presente no certame audiovisual Xuventude Crea.
Escarnio e Maldicir (Teaser) from Aitor Ramos Soto on Vimeo.
