13/10/2020
Curtocircuíto 2020 deixa un palmarés internacional moi enfocado nas linguaxes de vangarda
A 17ª edición de Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela rematou este domingo deixando tras de si un intenso programa de máis de 80 películas proxectadas, cunha parte en liña a través da plataforma Filmin contribuíndo a manter nestes momentos o certame como punto de encontro da comunidade audiovisual internacional. Para o peche déronse a coñecer as decisións dos distintos xurados desta edición de Curtocircuíto e o palmarés de recoñecementos que manteñen a aposta pola contemporaneidade, o risco e a exploración formal que son premisa deste certame. O labirinto narrativo e poético da película
Vestiges (an archipielago), de Enar de Dios (Ourense, 1986) foi merecedor do Premio Planeta GZ á mellor película de produción galega, ademais a súa directora acadou o Premio CREA a mellor dirección galega. O xurado de Planeta GZ viu nela "unha película reveladora, que nos fala sobre as consecuencias da desintegración e a transformación do territorio a mans do ser humano", e consideraron que a súa autora "logra un persuasivo equilibrio entre a palabra e as imaxes logrando axitar e interpelar ao espectador de maneira contundente". .
Amplía a nova>>
13/10/2020
O Festival Cinespaña de Toulouse recoñece os filmes de Lois Patiño e Eloy Enciso
A 25 edición do Festival Cinespaña, que se celebra na cidade francesa de Toulouse, rematou este 11 de outubro cunha importante presenza galega no seu palmarés.
Lúa Vermella de Lois Patiño obtivo a Violeta de Ouro ao mellor filme desta edición, e foi ademais recoñecido co premio á mellor fotografía e cunha mención especial do xurado ao cineasta novo. Pola súa banda, Eloy Enciso obtivo unha mención especial do xurado na categoría de ficción polo seu traballo
Longa noite, que tamén foi recoñecido co mellor deseño sonoro..
Amplía a nova>>
09/10/2020
O Festival de Cine Europeo de Sevilla acollerá a estrea de 'Ons' de Alfonso Zarauza
Ons, a quinta longametraxe do cineasta compostelán Alfonso Zarauza, terá a súa premiere mundial no Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF), que se celebra do 6 ao 14 de novembro. Será en
Special Screen, unha nova sección competitiva que abre este ano o festival con 14 títulos que suman á súa calidade cinematográfica a vontade de chegar a un amplo número de espectadores. Será a votación do público a que decida este novo premio, dotado con 10.000 euros. Coa súa premiere no SEFF a longametraxe
Ons arranca o seu percorrido en festivais e o camiño cara á estrea en salas comerciais, prevista para comezos de 2021. Protagonizada por Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’,
Ons é un drama con toques de misterio no que un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons, cruza o seu destino co dunha muller sen memoria que aparece naufragada na praia. Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias. .
Amplía a nova>>
07/10/2020
Asociacións profesionais da cultura denuncian trato discriminatorio fronte a outros sectores
Oito asociacións profesionais do sector cultural de ámbitos como o audiovisual, a música, a xestión ou as artes escénicas acaban de publicar un manifesto conxunto no que denuncian "un trato discriminatorio con respecto a outros sectores produtivos con máis capacidade de presión" ante a problemática derivada da pandemia de Covid-19. Segundo explican estes colectivos no texto, "a falta de claridade da normativa sanitaria aplicada, xunto coas restricións debidas a novos gromos en zonas localizadas, dificulta enormemente a celebración de eventos nos espazos, traslada á cidadanía unha mensaxe errónea de que a cultura non é segura"..
Amplía a nova>>
06/10/2020
O que arde é un dos tres filmes preseleccionados para representar España nos Oscar
A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España daba a coñecer na mañá deste 6 de outubro os tres filmes que preseleccionou para representar o Estado nos Oscar.
O que arde, dirixida polo galego Óliver Laxe é unha das seleccionadas para concorrer ao premio ao Mellor Filme Internacional na 93 edición dos celebérrimos galardóns de Hollywood. A produción compite con
La trinchera infinita de Aitor Arregi, Jon Garaño, Jose Mari Goenaga e
El hoyo de Galder Gaztelu-Urrutia. O vindeiro tres de novembro darase a coñecer cal das tres películas representa finalmente a España nos premios da Academia americana. Despois será este organismo o que selecciona as 5 propostas de todo o mundo entre as que se disputará o recoñecemento..
Amplía a nova>>
06/10/2020
O portal Fiestra achega o audiovisual aos centros de ensino
Co obxectivo de que o audiovisual forme parte da educación como unha ferramenta pedagóxica en educación infantil, primaria e secundaria ven de nacer Fiestra.gal, a plataforma dixital da Academia Galega do Audiovisual que fixo a súa presentación formal no marco do pasado OUFF. Este recurso que xa está en liña pon a disposición dos centros de ensino un catálogo de curtametraxes galegas seleccionadas especialmente polo seus valores educativos e de calidade artística. Cada unha das obras vai acompañada dunha serie de recursos didácticos cos que poder traballar nas aulas. O catálogo de obras de Fiestra, que actualmente conta con 10 pezas, foi seleccionado polo equipo de programación e asesoramento pedagóxico formado por Marcos Nine Bua, Jorge Rivero e Álvaro Dosil. Fiestra é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta co patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración do grupo de investigación Terceira Xeración da Universidade de Santiago de Compostela..
Amplía a nova>>
06/10/2020
Ficción Producciones levará a Amazon Prime Video a biografía de Amancio Ortega
A plataforma Amazon Prime Video engadirá á súa oferta unha serie de oito capítulos sobre a traxectoria vital de Amancio Ortega, propietario de Inditex. A empresa galega Ficción Producciones, que xa traballara para a división audiovisual de Amazon coa serie
3 camiños será a responsable do proxecto, que se baseará na biografía
Así es Amancio Ortega. El hombre que creó Zara de Covadonga O'Shea..
Amplía a nova>>
05/10/2020
O filme francés 'Deux' faise co premio á mellor película do OUFF
A 25ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense OUFF finalizou esta fin de semana deixando un palmarés repartido entre varias producións de todas as temáticas e orixes. O permnio calpurina á mellor película da sección oficial foi para a película francesa
Deux, ópera prima de Filippo Meneghetti, que tamén conseguiu para unha das súas protagonistas, Barbara Sukowa, o premio á mellor interpretación (galardón que non discrimina as actuacións por xénero do intérprete). Dos outros sete premios que se reparten neste certame tres foron para a película documental
Cartas mojadas, de Paula Palacios e producida por Isabel Coixet. A cinta incide na situación migracional irregular nas augas do Mediterraneo acompañando en parte da metraxe unha misión do buque Open Arms. O filme acadou unha mención especial do xurado da sección oficial, o Premio do Público e o Premio Cimá á mellor Cineasta para Paula Palacios. Na sección que recoñece a calidade das produción galegas a película de Paula Cons,
La isla de las mentiras, acadou or Premio Xacobeo, coincidindo coa súa chegada ás salas de cine galegas esta mesma fin de semana. .
Amplía a nova>>
02/10/2020
O Náutico de San Vicente recibe o premio de xestión cultural 'Rodolfo Prada'
O Náutico de San Vicente consegue chegar tamén terra adentro cos ecos da súa actividade musical e recibe o Premio "Rodolfo Prada" á xestión cultural 2020 da Deputación de Ourense "polo seu traballo a prol da difusión cultural e musical coa organización de actividades e concertos ao longo de todo o ano". O xurado tamén premiou a Ernesto Romero, responsable de Novocine de Leiro, unha sala que desde unha pequena vila mantivo un alto nivel de acción difusora e innovadora do audiovisual cinematográfico "polo valor que supón para o rural manter unha actividade cultural como a que desenvolve". O premio para persoas voluntarias ou colectivos afeccionados foi para a Asociación Cultural Platea Lúa, "pola creatividade e o labor que desenvolve nas súas visitas turísticas guiadas teatralizadas" que posibilitan recorrer a cidade de Ourense e outros espazos da man de figuras da Xeración Nós ou con outros motivos e guións históricos. O xurado salientou a elevada calidade dos candidatos presentados ao certame, que reparte un total de 6.000 euros en premios. Os galardóns, instaurados pola Deputación de Ourense para destacar a figura deste intelectual ourensán, serán entregados o 7 de outubro no mosteiro de Santo Estevo, no marco da VI Ourense ICC Week. .
Amplía a nova>>
01/10/2020
'La isla de las mentiras' chega ás salas de cine este venres
A película de Paula Cons
La isla de las mentiras chegará este venres ás salas de cine de Galicia tras pasar por festivais coma o de San Sebastián, o Festival Internacional de Cine de Shanghái, o festival de Cans ou o Festival Internacional de Cine de Ourense OUFF, no que arestora participa en sección oficial. A Sala NUMAX de Santiago acolle unha proxección de preestrea do filme coa presentación da súa directora, que ao remate da proxección compartirá un coloquio co público. O filme poderá verse en cines de Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Caldas, Ribeira, Carballo, Lugo e Vilagarcía. Protagonizado por Nerea Barros, Dario Grandinetti e Aitor Luna, o filme está inspirado no naufraxio do buque Santa Isabel fronte a illa de Sálvora en 1921 e homenaxea as mulleres que salvaron a vida de 48 persoas.
La isla de las mentirasé unha coprodución entre a produtora galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. A película estrouse en España directamente na plataforma dixital Filmin o 24 de xullo, na que está dispoñible.
.
Amplía a nova>>