29/10/2020
Máis dun milleiro de persoas participaron das actividades en liña do 17º Curtocircuíto
O festival internacional de cine Curtocircuíto ven de dar a coñecer o balance da que foi a súa 17ª edición celebrada do 3 ao 11 de outubro pasados. Cun modelo adaptado que mesturaba as actividades e proxeccións presenciais para un número de público limitado, coa retransmisións en liña e unha parte da programación a disposición do visionado particular na plataforma Filmin, o festival proxectou máis de 80 películas, organizou 6 actividades en liña con profesionais de todo o mundo e celebrou 4 concertos e performances audiovisuais. A capacidade de convocatoria virtual do 17º Curtocircuíto queda reflectida como un éxito en base aos datos que a organización achega, destacando o feito de que ao redor de 1.200 persoas participaron nas diferentes actividades en liña e en Filmin, sede online do festival nesta edición, reuniuse a preto de 11.000 espectadores durante os 9 días do festival, cunha proposta de películas que incluían a Sección Oficial (RADAR e EXPLORA), Penínsulas e o Foco Dennis Hopper. Desde o Curtocircuíto sinalan a importancia do éxito de convocatoria "nun formato que, sen dúbida, chegou para quedar"..
Amplía a nova>>
28/10/2020
O sector cultural segue entre os máis castigados economicamente pola pandemia en todos os indicadores
O Consello da Cultura Galega ven de facer público o informe “Conxuntura estatística do ámbito cultural. Outubro de 2020” elaborado polo seu Observatorio da Cultura, o segundo que reflicte as consecuencias directas da pandemia e as restricións sobre as industrias culturais. A primeira conxuntura publicouse no mes de xuño e os principais resultados dese informe confirmaban un parón importante na creación de empresas culturais e, principalmente, o impacto negativo que tivo sobre o emprego neste caso o Observatorio da Cultura asegura que superado o confinamento, o sector da cultura mantivo unha pequena recuperación pero está lonxe dos niveis anteriores ao inicio da pandemia. Esta conxuntura vén reforzar algunhas das situacións analizadas nese primeiro Barómetro da Cultura Galega do mes de xullo onde, á marxe de coincidir en describir unha situación xeral negativa no tecido produtivo da cultura, constatouse unha vulnerabilidade especial das empresas pequenas e das que desenvolven actividades relacionadas coas artes escénicas e musicais que teñen as peores expectativas..
Amplía a nova>>
28/10/2020
Culturgal mantén datas pero muda completamente o formato habitual
A celebración da feira Culturgal 2020 mantense na axenda do ano para os vindeiros 27 a 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, pero non se puido evitar que as actuais circunstancias e os niveis de restricións sanitarias afectaran ao seu desenvolvemento. Desde a organización da feira veñen de comunicar que o evento terá que prescindir da habitual presenza de postos no recinto feiral de Pontevedra, mudando completamente o seu formato habitual, baseado na presenza no recinto da oferta cultural e a asistencia do público. O evento disporá, aínda así de 5 escenarios de programación de presentacións e actos, que estarán distribuídos polo edificio do pazo da Cultura e que acollerán unha programación que será retransmitida en liña, ademais de poder ser presentada ante o público permitido nas medidas que nese momento estean vixentes. Así dentro do recto habitual estará situado o escenario dedicado o libro e ao público infantil; na Sala de Exposicións se levarán a cabo as actividades do Foro; a música e o teatro terán o espazo Escena no Auditorio, mentres que o audiovisual presentarase no Salón de Actos, neste último espazo sen retransmisión en liña. O cambio a estes termos do formato implicou para organización da feira un intenso traballo de comunicación coas empresas e entidades que reservaran o seu posto este ano. A organización traballou desde agosto na redución porcentual de capacidade presencial en base á á previsión de que tras o pico do comezo de outono, a situación sanitaria estabilizaríase cara novembro-decembro, cousa que claramente non está a ocorrer. As medidas sanitarias establecen capacidades máximas a día de hoxe, para espazos pechados de 60 persoas (100 cunha autorización especial da Xunta). A feira das industrias culturais reunía o pasado ano 14.000 persoas na súa XIIª edición.
.
Amplía a nova>>
22/10/2020
As novas restricións sanitarias inciden nos eventos culturais
As restricións sanitarias que entraron en vigor na media noite deste 22 de outubro e que limitan os encontros sociais a grupos de só cinco persoas en todo o país afectan tamén a diferentes actividades culturais. Deste xeito, as medidas establecidas polas autoridades sanitarias marcan reducións ata o 50% na asistencia ás actividades que se desenvolvan en "bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais". Mentres, as actividades grupais que se desenvolvan nestes espazos fican en só 5 asistentes, a incluír guía.
Amplía a nova>>
22/10/2020
A XXI Mostra de Curtas de Noia ábrese ao teatro
Coa proxección das versións audiovisuais das montaxes
Eroski Paraíso e de
Somos Criminais a celebración da XXI Mostra de Curtas de Noia ábrese ao teatro. O encontro desenvólvese desde o 22 de outubro ao 1 de novembro e celebrará a proxección dunha corentena filmes na súa sección oficial, a incluír producións de Macedonia, Francia, España, Colombia, Grecia, México ou Arxentina. O actor Tristán Ulloa será recoñecido co Premio Honorífico do certame nesta edición, e recibirá o galardón no transcurso da gala prevista para a noite do 31 de outubro.
.
Amplía a nova>>
20/10/2020
INTERSECCIÓN ofrece perspectivas heteroxéneas sobre a arte audiovisual contemporánea
O Festival de Arte Audiovisual Contemporánea INTERSECCIÓN celebrará a partires do vindeiro 28 de outubro e ata o 1 de novembro a súa terceira edición na Coruña. Este encontro preséntase coma un espazo de visibilidade para creadoras audiovisuais innovadoras que pretenden mostrar a diversidade formal e conceptual no panorama das prácticas artísticas e audiovisuais contemporáneas. Mantendo a súa perspectiva de cita internacional INTERSECCIÓN porá este ano o protagonismo no audiovisual galego chegando a proxectar as obras de máis de vinte artistas de Galicia xunto ás de artistas internacionais de Portugal e Croacia. A Fundación Luís Seoane e o espazo NORMAL acollerán este evento que presentará nesta ocasión trece estreas mundiais e cuxa programación se organizará en tres apartados: as seccións Galicia e Contemporánea, propoñen unha programación que está dedicada a artistas galegas. Por outra banda, a sección Escolas mostra a obra de artistas emerxentes galegas e doutras nacionalidades. O festival pon tamén o acento en tres focos: o da portuguesa Tatiana Macedo, Juan Lesta e Belén Montero, do colectivo DSK e a retrospectiva do audiovisual croata. Ademais o festival contará con
performances e con actividades profesionais e encontros nos que participan artistas invitadas e asociacións coma A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia), AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas) e CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización)..
Amplía a nova>>
20/10/2020
Vinte proxectos reparten as axudas a producións audiovisuais de contido cultural galego
A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 20 de outubro a vintena de proxectos que recibirán subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. En total, a Agadic reparte 2,5 millóns de euros nesta liña de apoio, un 25% máis que na anterior edición. En total serán 11 longametraxes cinematográficas (cinco de ficción, cinco documentais e unha de animación), seis curtas, dúas miniseries e un filme para televisión os proxectos que contarán con este apoio para o seu desenvolvemento..
Amplía a nova>>
16/10/2020
AGADIC convoca as subvencións para a promoción do audiovisual galego en festivais e mostras deste 2020
A Axencia Galega de Industrias Culturais ven de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases de convocatoria das subvencións non competitivas para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais. O obxectivo destas axudas é que as producións galegas teñan apoio económico para acudir aos encontros onde o audiovisual atopa vías de comercialización e difusión cos fins últimos de dar impulso ao sector audiovisual galego, considerado como estratéxico para a comunidade; contribuír á consolidación de industrias audiovisuais competitivas, con posibilidades de exportar e dar rendibilidade social e económica á cultura galega. A partida asignada este ano para estas axudas redúcese ata os 40.000 euros, 10.000 menos que a do pasado ano e coincidente coa de 2018. Esta convocatoria vai dirixida a apoiar accións de promoción deste mesmo ano, desde xaneiro ata o 30 de novembro de 2020, no que se cancelaron ou mudaron os formatos de festivais e encontros presenciais do audiovisual en todo o mundo e mobilidade física estivo altamente restrinxida. As subvencións están destinadas a cubrir parcialmente os gastos derivados da participación nos encontros, que van desde os materiais publicitarios e de servizos de relacións públicas aos de transporte de materiais e desprazamento dos profesionais, así como a subtitulación das copias cando sexa esixida.
.
Amplía a nova>>
16/10/2020
Margarita Ledo estrea Nación no Festival de Cine de Sevilla
O Festival de Cine Europeo de Sevilla acollerá o vindeiro 10 de novembro a estrea de
Nación a nova longametraxe de Margarita Ledo. O filme preséntase como unha obra de non ficción que segue a experiencia das traballadoras da fábrica de cerámicas A Pontesa e o xeito no que o acceso ao traballo industrial mudou a súa vida e lles achegou unhas posibilidades inéditas de autonomía. O feche da factoría e o impacto que o mesmo tivo sobre este colectivo convida a reflexión sobre a fraxilidade das mulleres como operarias nun retrato poético que conta con Nieves Lusquiños e Mónica Camaño como protagonistas e con Mercedes Peón como encargada da música. A obra poderá verse na seccion
Las nuevas olas. No ficción.
Amplía a nova>>
15/10/2020
Quince producións reparten as axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais da Agadic
A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 14 de outubro as quince producións que recibirán axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais. A lista de iniciativas seleccionadas inclúe nomes coñecidos do noso cinema como é o caso de Juan Galinañes, que recibirá con Vaca Films 20.000 euros para desenvolver a súa vindeira longametraxe
Fatum, ao igual que Anxos Fazáns para
As liñas descontinuas, Ángel Santos para
Así chegou a noite,
Non, de Eloy Enciso, ou
Monstro, dirixida por Andrés Goteira.
.
Amplía a nova>>