Quince producións reparten as axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais da Agadic

A liña apoiará con 260.000 euros oito longametraxes, catro documentais, dúas longas de animación e unha miniserie

A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 14 de outubro as quince producións que recibirán axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais. A lista de iniciativas seleccionadas inclúe nomes coñecidos do noso cinema como é o caso de Juan Galinañes, que recibirá con Vaca Films 20.000 euros para desenvolver a súa vindeira longametraxe Fatum, ao igual que Anxos Fazáns para As liñas descontinuas, Ángel Santos para Así chegou a noite, Non, de Eloy Enciso, ou Monstro, dirixida por Andrés Goteira.


La oportunidad, primeira longametraxe de María de Castro, A nai de Manane Rodríguez, ou Sandra Sánchez, con A nadadora, son as outras longametraxes que foron seleccionadas para esta liña de axudas. Pola súa banda, Lucía Dapena conseguiu apoio para desenvolver O silencio herdado no apartado de documentais, no que tamén están incluídos 2084, de Ruth Chao,Cancións para a apocalipse, de Fon Cortizo e Recordos. Saúdos. Apertas, de Xacio Baño. A miniserie Victoria Ocampo, un lugar chamado Sur, con guión de Rosa Castro e dirección de Zaza Ceballos é a única produción deste tipo que fai parte das iniciativas seleccionadas.

Na modalidade de animación, recibirán axudas os próximos traballos Ángel de la Cruz, (O conto da serea, con produción de Ensenada de Ézaro Films) e mais Fernando Cortizo, quen producirá e dirixirá a longametraxe de aventuras SHKID. En total a Agadic distribúe 260.000 euros entre todos os proxectos seleccionados.