O Festival de Cine Europeo de Sevilla acollerá a estrea de 'Ons' de Alfonso Zarauza

Melania Cruz e Antonio Durán 'Morris' protagonizan a longametraxe gravada na illa atlántica

Melania Cruz e Antonio Durán 'Morris' protagonizan a longametraxe gravada na illa atlántica
Melania Cruz e Morris nunha imaxe de ''Ons''
Ons, a quinta longametraxe do cineasta compostelán Alfonso Zarauza, terá a súa premiere mundial no Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF), que se celebra do 6 ao 14 de novembro. Será en Special Screen, unha nova sección competitiva que abre este ano o festival con 14 títulos que suman á súa calidade cinematográfica a vontade de chegar a un amplo número de espectadores. Será a votación do público a que decida este novo premio, dotado con 10.000 euros. Coa súa premiere no SEFF a longametraxe Ons arranca o seu percorrido en festivais e o camiño cara á estrea en salas comerciais, prevista para comezos de 2021. Protagonizada por Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’, Ons é un drama con toques de misterio no que un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons, cruza o seu destino co dunha muller sen memoria que aparece naufragada na praia. Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias.

Trátase da quinta longametraxe do realizador compostelán Alfonso Zarauza tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014). O filme foi rodado por enteiro na illa de Ons no outono de 2019 e conta cun equipo artístico e técnico 100% galego liderado por Alfonso Zarauza -que ademais asina o guion canda Jaione Camborda- con talentos coma o de Alberte Branco na dirección de fotografía, Elia Robles na dirección de arte, Sérgio Silva e David Machado na dirección de son ou Xavi Font na produción executiva. A banda sonora contén temas dos grupos Chicharrón e Leilía. Ons está coproducida por Maruxiña Film Company (Galicia) e Bando à Parte (Portugal) e conta coa participación da Televisión de Galicia (TVG) e da Rádio e Televisão de Portugal (RTP), con subvención de Agadic e coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Premio dos guionistas para 'Hierro'



Outra produción do audiovisual galego está estes días de actualidade. A televisiva produción Hierro da produtora Portocabo, ven de recoller un dos Premios ALMA que outorga o Sindicato de Guionistas. A serie dirixida por Jorge Coira e con guión de Pepe Coira foi elexida polos profesionais coma un dos mellores traballos audiovisuais do pasado ano 2019. Hierro sume este galardón a outros moitos recollidos en certames e festivais así como a catro premios Mestre Mateo do audiovisual galego.