30/11/2020
O audiovisual en loito polo repentino falecemento do guionista e docente Daniel Domínguez
O sector do audiovisual lamenta hoxe a perda de Daniel Domínguez (Tui, 1955) que falecía de xeito repentino na madrugada do domingo. Director, guionista e docente, traballo este último que exerceu durante máis de 25 anos, formou parte do equipo fundacional da escola de Imaxe e Son da Coruña entre 1991 e 1998, que hoxe o despedía con tristura lembrando o seu grande carisma e o inesquecible da súa figura como mestre e amante do cinema. “As súas clases de Historia do Cine e Guión serán sempre lembradas como exemplo de paixón e entrega”, lembran desde a EIS. Na súa traxectoria na produción audiovisual o seu traballo coma guionista foi premiado no ano 202 co Premio Mestre Mateo por
Terra de Miranda e está relacionado tamén con títulos tan coñecidos coma
Mareas Vivas, As leis de Celavella, Padre Casares, Miña sogra máis eu,
A vida por diante e a longametraxe
Blanca Madison(Carlos Amil, 2000). Coma director fixo
Río de sombras e
O segredo. Durante gran parte da súa carreira estivo vencellado ao Grupo Voz Audiovisual e escribía no suplemento Fugas do xornal La Voz de Galicia. O pasado venres daba a que sería a súa insospeitada derradeira clase no Máster en Produción Xornalística e Audiovisual da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. A Academia Galega do Audiovisual tamén quixo sumar o seu pesar ao da familia, amigos e do conxunto do sector por esta desaparición recordando que Domínguez foi “un referente para moitos de nós” e que deixou pegada en varias xeracións de profesionais que asistiron ás súas clases, conferencias e obradoiros. .
Amplía a nova>>
30/11/2020
Premio internacional no festival de Xixón para a película '9 Fugas' de Fon Cortizo
A estrea internacional da película
9 Fugas escrita e dirixida polo vigués Fon Cortizo no Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX) saldouse co recoñecemento da cinta como gañadora
ex aequo do premio a Mellor Película xunto co filme polaco
Marygoround de Daria Woszek na sección Retueyos, dedicada ás novas apostas narrativas. Dado que o festival este ano celebrouse virtualmente en liña a película de Fon Cortizo puido ser visionada a través da plataforma FILMIN entre o 23 e o 26 de novembro, chegando a esgotar o número de accesos dispoñibles no seu caso. Coa concesión do premio ampliouse a visualización outros dous días.
9 Fugas, gravada en galego, parte da banda sonora creada por una orquestra de improvisación dirixida da que xurdiron a historia e as imaxes. O filme estrutúrase en 9 capítulos que son vasos comunicantes a través de que flúe un relato. Nestes capítulos temas como a memoria, o tempo e a opresión van entrelazándose compoñendo un relato que busca enganchar nunha tea de araña de historias. En
9 fugas Cortizo conta no reparto con Areta Bolado, Ailén Kendelman, Olga Cameselle, María Roja, Lola Quirós, Alfredo Rodríguez, Noelia Castro e Marta Pérez. Fon Cortizo ten xa no seu haber varias curtametraxes e no ano 2012 gañou o Premio Mestre Mateo a Mellor filme documental por
CEF 100%. O director mandou o seu agradecemento ao certame por medio dun vídeo. .
Amplía a nova>>
30/11/2020
A edición máis virtual de Culturgal fecha a sumar 9.000 reproducións
Novecentas persoas participaron de xeito presencial nas actividades da décima terceira xeira de Culturgal na fin de semana do 27 ao 29 de novembro, esgotando as prazas dispoñibles para grande parte dos eventos do programa. A Feira das Industrias Culturais Galegas contou ademais con 9.000 reproducións dos contidos que retransmitiu en liña a través das súas tres canles de programación. En total foron 70 propostas culturais, 12 cámaras, 20 horas de retransmisión e un equipo de máis de 60 persoas as que compuxeron a xeira máis virtual do evento. .
Amplía a nova>>
23/11/2020
Válidas faise con dous dos galardóns do Carballo Interplay
Válidas foi a grande triunfadora da noite ao se facer tanto co premio á Mellor webserie estatal como co Premio do Público. O proxecto que dirixe Nacho Pérez-Pardo retrata en clave de humor a vida de Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos), dúas cómicas que fan todo o posible por conseguir notoriedade. O xurado, pola súa banda, outorgoulle o galardón á Mellor webserie en versión orixinal en galego a
Os 20 do XX, proxecto de animación didáctica de Antón Varela emitido en
Praza. O premio de Mellor webserie internacional, pola súa banda, foi para
Subsolo, serie portuguesa que conta un día na vida de cinco adultos novos con Lisboa e a súa situación de precariedade..
Amplía a nova>>
23/11/2020
Os XLIII Premios da Crítica de Galicia celebraron a excelencia da cultura do país
A Asociación Premios da Crítica de Galicia cumpriu este sábado coa súa tradición anual de entrega de recoñecementos da excelencia na que é xa a XLIIIª edición destes galardóns creados en 1978. Os xurados das oito categorías estiveron constituídos este ano por 56 persoas dos distintos eidos da vida cultural galega que participaron nesta toma de decisións sobre as propostas presentadas por editoras, produtoras e outras entidades culturais, para as que este ano se instauraron as video-reunións como formato axeitado ás circunstancias. Con todo, a sala de conferencias do centro social Afundación de Vigo servía para levar a cabo dun xeito presencial esta cerimonia de dar a coñecer os distintos destinatarios dos premios de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. Bieito Ledo e Manuel Bragado, presidente e secretario da asociación respectivamente, foron os encargados de ir dando a coñecer as decisións dos xurados para cada unha das modalidades. O acto de lectura das actas e comunicación de premiados fíxose en directo en video en liña e está recollido na canle de YouTube deste premios.
.
Amplía a nova>>
20/11/2020
Culturgal presenta un programa de 70 actividades con 60 horas de retransmisión
Victor López, presidente da Culturgal, Xosé Aldea, director da feira, Jacobo Sutil, director da Agadic, Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, e Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial, daban a coñecer na mañá deste 20 de novembro o programa da nova edición de Culturgal. A Feira das Industrias Culturais Galegas presentou uns contidos que, na súa maior parte, serán accesibles en liña entre o 27 e o 29 deste mes, cun total de 70 actividades e preto de 20 horas de emisión en cada unha das tres canles temáticas simultáneas dedicadas á edición, a escena e a música. De calquera xeito, pódese participar de xeito presencial na feira, con prazas limitadas e medidas adaptadas á situación sanitaria. Segundo destacou na presentación Jacobo Sutil "Culturgal é punto de inflexión no ano en curso e no que vén, polo que non podía deixar de facerse",mentres a Carmen Fouces apuntou que "Non hai pandemia que poida coa Culturgal"..
Amplía a nova>>
20/11/2020
Carlos Ares e Mamen Quintas primeiros axentes culturais en declarar ante a Comisión de Reactivación do Parlamento
O Parlamento de Galicia reunía onte a Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19. Se ben a sesión matinal estaba dedicada a comparecencias sobre a educación con, entre outros, os reitores das tres universidade galegas, na tarde foron convocados axentes do sector cultural para poñer ante as súas señorías as súas situacións e propostas. Mamen Quintas, xerente da produtora audiovisual independente Ficción Producciones, e Carlos Ares ex-presidente da Academia Galega do Audiovisual, socio da produtora Zopilote e guionista fixeron as súas exposicións e contestaron as preguntas das representantes dos partidos da cámara. Nos dous casos as comparecencias facíanse a representación individual, xa que, malia que Ares estaba substituíndo a Berta Ojea, que non puido acudir en representación da Unión de Actores, pero no seu caso non pertencía a esa organización nin actuaba de xeito delegado de ningunha concreta, coma el mesmo quixo aclarar. A súa exposición fóra, iso si, elaborada con múltiples achegas de diversos axentes do sector cultural a nivel persoal ou asociativo, traendo as súas voces e reclamacións ante a mesa da Comisión parlamentaria..
Amplía a nova>>
19/11/2020
Dous festivais de cine desenvolveranse en Lugo en paralelo este mes
A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, adiada por mor da situación sanitaria, regresará á cita anual co público cinéfilo na súa 42ª edición do 23 ao 28 de novembro. Será a través dunha carteleira de máis de 100 longas e curtametraxes procedentes dunha ducia de países, que poderán verse en seis espazos da cidade: Auditorio Gustavo Freire, Salón de Actos da Deputación, o Museo e a Biblioteca provinciais, o Vello Cárcere e o Vicerreitorado da Universidade. A sección de Cine Galego contará con 28 filmes. Luis Tosar e a protagonista de
O que arde, Benedicta Sanchez recibirán sendas homenaxes que inclúen as proxeccións da película de Óliver Laxe e de
Quien a hierro mata, protagonizada por Tosar. O paseo do Cine inaugurado o pasado ano ampliarase cunha placa co nome do propio Tosar e outra en homenaxe á actriz Carmen Correa. Coma novidade o festival ofrecer tamén sesións de cine nos locais de Aspnais e fóra de Lugo nas prisións de Bonxe, Monterroso e Teixeiro, unha iniciativa para a que contan coa colaboración da asociación Concepción Arenal e de Institucións Penitenciarias.
.
Amplía a nova>>
17/11/2020
As curtametraxes de Alberto Vázquez e Álvaro Gago entran na carreira polos Goya
A comisión de curtametraxes dos Premios Goya 2021 ven de seleccionar as pezas que poden ser votadas polos membros da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España para optar coma finalistas na vindeira edición dos galardóns. Entre os dez títulos propostos na categoría de animación está o novo traballo de Alberto Vázquez,
Homeless Home, estreado este ano no festival francés de Annecy no que obtivo o premio do xurado. Esta é a sexta curtametraxe do animador galego, que xa gañou dous Goya en 2017 na categorçía de curtametraxes de animación por
Decorado e na de longametraxes de animación por
Psiconautas. Os nenos esquecidos.
mantén a estética escura e fantástica de outros traballos de Vázquez e conta a historia dun triángulo amoroso entre unha bruxa, un orco e un ogro coma escusa para abordar o tema da volta á terra de orixe de moitas persoas debido á crisis económica. . Amplía a nova>>
16/11/2020
O Carballo Interplay xa non sae da rede este 2020
As restricións sanitarias e as medidas de afastamento social levaron á organización do Carballo Interplay a plantear unha realización completamente virtual deste evento que, xustamente pon o foco sobre as realizacións feitas para as redes dixitais. Todo o programa de actividades, encontros e mostra de producións que este ano se presentan neste evento desde a localidade de Carballo entre os días 18 e 21 de novembro terán Internet como punto de encontro exclusivo. Mentres outros festivais audiovisuais propuxeron formatos mixtos entre o presencial e o virtual, Carballo Interplay ten na rede o seu punto de partida natural e úsao de base fundamental ausente de riscos neste momento. O programa a través das tres diferentes seccións competitivas (VO Galego, Internacional e Estatal) ofrece en total máis de trinta producións con participación chegada de ata 14 países. Sete series en galego poderán verse este xoves 19 dentro da súa competición, Ademais haberá diversos encontros virtuais dentro do programa que tratarán, entre outros, temas como a presenza da muller no mundo dos videxogos, as etapas e xeracións dentro das creacións para YouTube en Galicia, o uso e consumo de podcasts en galego e mesmo a propia circunstancia da virtualidade dos eventos será obxecto dun encontro,
Os festivais en tempos de distancia social e multipantalla no que participarán Ana Domínguez (S8), Ángel Sánchez (Play Doc) e Sonia Méndez (Carballo Interplay). Cada actividade e proxección ten asignado un horario e unha dirección no programa, que se pode consultar na web do festival..
Amplía a nova>>